ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_20439
Hai dúas semanas o sindicato protestou no mesmo lugar polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora" a que están sometidos os operarios
Un home que traballaba nas obras de ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande morreu a primeira hora desta tarde ao caer desde un noiro situado baixo o viaduto nas proximidades da rotonda na que conflúen os tráficos da autoestrada, do Corredor do Morrazo e da estrada de Vilaboa. O accidente produciuse nunha zona de difícil acceso e motivou o desprazamento non só dos servizos sanitarios, que só puideron certificar o falecemento, senón tamén dos bombeiros. Hai dúas semanas o sindicato protestou no mesmo lugar polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora" a que están sometidos os operarios Hai dúas semanas a CIG realizou nesa mesma zona, no extremo norte da ponte, o máis próximo ao Morrazo, unha protesta polas condicións laborais dos traballadores. O sindicato denunciou "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora, incluíndo todos os conceptos salariais", algo que consideraba "un perigo para a integridade" dos operarios. Unha semana despois, o sindicato informou de que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Dragados e Grupo Puentes, contratada para a obra pola concesionaria, Audasa, baixo autorización do Ministerio de Fomento, se comprometera a que "as subcontratas que se encargan dos traballos cumpran o convenio en materia de xornada e de salario". Para o secretario nacional da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón, o sucedido en Rande é a "crónica dun accidente anunciado". "Dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave, víase vir", lamenta, toda vez que o persoal "leva tempo observando problemas de seguridade como a caída de material e de ferramentas dende grandes alturas con xeite debaixo traballando". "O propio falecido -asegura- comentara días atrás que non estaba contento soa súa situación".
NOS_23958
Segundo a fiscalía, o ex president tería desviado ilegalmente fundos públicos por valor de 1,6 millóns de euros para realizar o referendo. Esa acusación foi comprada polo xuíz Llarena para edificar o seu caso de malversación contra Puigdemont. Mais as probas que exixe Alemaña para proceder á entrega do político de Girona non aparecen por ningures.
O proceso de extradición de Puigdemont continúa avante. Desbotada a súa entrega por rebelión -a xustiza alemá non ve violencia no procés- fica pendente a hipotética causa por malversación. Mais aquí o Estado español está a se mostrar incapaz de achegar as probas que lle exixe o tribunal de Schleswig-Holstein para proceder a unha eventual posta de Puigdemont a disposición das autoridades españolas. De acordo cunha información publicada polo Frankfurter Allgemeine Zeitung, o rotativo xermano de maior influencia, a xustiza española "non puido achar a factura das 10.000 caixas [urnas] producidas na China" e que foron utilizadas no referendo. A Fiscalía e o xuíz Llarena basean a súa acusación a Puigdemont no pretenso uso indebido de 1.602.001,57 euros. Mais non aparece ningún recibo, ningún albarán. Polo lado da política as autoridades xudiciais españolas non están a atopar moitos aliados na Moncloa. Do goberno español partiron declaracións, obviamente non premeditadas, que complican as cousas ao xuíz Llarena. O primeiro en restar credibilidade ao cargo de malversación foi Mariano Raxoi quen o pasado mes de febreiro afirmou no Congreso que "nen un só euro" do Fondo de Liquidez Autonómica foi parar ao financiamento do referendo. Por se isto non fose abondo esta segunda feira Cristóbal Montoro dixo nunha entrevista en El Mundo: "Non sei que diñeiro utilizaron [os soberanistas] para pagar as urnas chinesas do 1 de outubro, nen que apoio puido ter Puigdemont. Mais si sei que non se fixo con fundos públicos". Pois se non se empregaron fundos públicos, non hai malversación, defenden os avogados de Puigdemont, argumento que previsibelmente terá moita forza perante o tribunal de Schleswig-Holstein. O que razoarán as autoridades españolas é que a cesión de locais da administración para a realización do referendo tamén é malversar. Porén, que non apareza constancia documental do gasto indebido de 1,6 millóns de euros debilita extraordinariamente a demanda española perante Alemaña. Montoro non sabe de onde saíu o diñeiro para o pagamento das "urnas chinesas". Pois teno fácil: abonda con que lea Operació Urnes, libro escrito polos xornalistas Laia Vicens e Xavier Tedó, ao que se refere no seu artigo o Frankfurter Allgemeine Zeitung. No volume -produto de entrevistas a máis de 50 persoas que participaron nos preparativos do referendo- relátase como foi un cidadán catalán -identificado co pseudónimo Lluis- quen puxo 100.000 euros do seu peto para mercar as urnas a unha empresa francesa radicada en Guangzhou. Operació Urnes desvela que as urnas chegarían ao porto de Marsella en xullo de 2017 nun navío porta-contentores. E que lles dixeron aos funcionarios da alfándega francesa? Que eran caixas para fabricar o castelo de plástico máis grande do mundo. O resto é historia: "Unha rede popular de miles de voluntarios conseguiu pasar de contrabando as urnas a Catalunya, agachadas, e levalas sen seren detectados a máis de 2.000 colexios eleitorais o 1 de outubro", escribe o Frankfurter Allgemeine Zeitung. 7 millóns de papeletas procedentes tamén de Franza completaron o operativo. Nen un euro público. Teñen razón Raxoi e Montoro.
NOS_53731
A Deputación da Coruña celebra os vindeiros 11 e 12 de novembro as xornadas A fotografía nas coleccións locais, que analizará o papel dos arquivos locais, exporán experiencias de difusión da fotografía e analizará diferentes experiencias que empregan a fotografía como expresión da memoria e da identidade local.
Os arquivos fotográficos son pezas fundamentais para conservar as imaxes do pasado e contribúen a coñecer e comprender de maneira coherente un país, unha época, unha identidade. A área de Cultura da Deputación da Coruña organiza, os días 11 e 12, no centro cultural A Fábrica de Oleiros, unhas xornadas nas que se analizará e debaterá a situación da fotografía nos arquivos locais, ás veces desatendidos por falta de recursos ou por puro desinterese. "En realidade non se pode disociar a situación dos arquivos da da fotografía galega en xeral", afirma Vítor Vaqueiro, fotógrafo e fotohistoriador -ademais de escritor- que debuxará unha panorámica xeral da fotografía na Galiza ao comezo da xornada e que moderará, ademais, unha mesa redonda sobre Arquivos e coleccións fotográficas da provincia da Coruña. "Cara a 1970", prosegue Vaqueiro, "dáse un cambio substancial na percepción xeral da fotografía en todo o mundo: entra nos museos, na Universidade, nos circuítos comerciais e na elaboración teórica da crítica. Esa corrente tamén se dá na Galiza, aínda que cun certo desfase debido á opacidade dunha sociedade aínda baixo a sombra da ditadura. Pero malia todo, temos un período que vai, máis ou menos desde 1975 ao ano 2000, no que a fotografía se converte nunha disciplina á que se lle presta atención desde múltiples instancias e que, polo tanto, esperta o interese da sociedade". Durante eses anos, Vigo e Lugo desenvolveron senllas Bienais de Fotografía que acadaron un nivel moi notábel, organizáronse exposicións, apareceron publicacións especializadas e puxéronse en marcha arquivos como o de Pacheco en Vigo. "Mais a partir do ano 2000 entramos nunha etapa de franco retroceso", afirma o fotógrafo e escritor. "Deixan de celebrarse as bienais, desaparecen as materias de fotografía que se impartían na Facultade de Ciencias da Comunicación, os arquivos que se puxeran en marcha son abandonados... Aínda hoxe, os estudantes de Historia da Arte non teñen unha materia de Fotografía, algo incomprensíbel se temos en conta as transformacións radicais que provocou a aparición da arte fotográfica". Fotografía amadora. As imaxes que transcenden o tempo Unha oportunidade perdida Vaqueiro foi un dos responsábeis de deseñar o proxecto dun Centro Galego de Fotografía en Vigo, auspiciado por Xesús López, concelleiro de Cultura da cidade olívica na altura. O Concello de Vigo ten ao seu cargo o legado de Pacheco, mais tamén o de Ksado, o de Llanos, os fondos da Fotobienal de Vigo... Toda esa riqueza propiciaba a creación do centro fotográfico e, grazas aos equilibrios políticos do momento, a Concellaría de Cultura logrou que o Estado sufragase os gastos -máis de dous millóns de euros- para a construción e acondicionamento do edificio. "Inexplicabelmente, Abel Caballero, en canto obtivo a maioría absoluta, desbotou un proxecto de enorme altura, e dedicou o edificio a sede da Deputación de Pontevedra na cidade", relata Vaqueiro, que continúa: "Se non existen institucións especializadas, se non se organizan exposicións regulares, se a mocidade non pode estudar a historia da fotografía, nin as revistas culturais lle dan un espazo relavante... Como se vai interesar o público pola fotografía? E sen ese interese, como se van ver obrigadas as institucións a destinar recursos para o estudo e a conservación dos arquivos fotográficos? Estamos atrapados nunha especie de círculo vicioso do que vai resultar difícil saír". A memoria e a identidade locais a través da fotografía Ademais de analizar o papel dos arquivos, as xornadas organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña presentarán o traballo dos fotógrafos históricos da Costa da Morte R. Caamaño e J. Vidal, e repasarán o papel histórico xogado pola fotógrafa Anna Turbau. Ademais, varias mesas exporán experiencias de difusión da fotografía como o premio Luís Ksado e o Festival FFoco. Tamén se analizarán diferentes experiencias que empregan a fotografía como expresión da memoria e da identidade local. FFoco retrata as cicatrices do territorio
NOS_44124
Carlos Midón quitouse a vida na segunda feira. Fora desafiuzado un ano atrás xunto coa súa familia após seren estafad@s por un usureiro francés.
Esta terza feira (22 de setembro) Stop-Desafiuzamentos Compostela emitiu un comunicado público no que informa do suicidio de Carlos Midón. A súa morte coincide co primeiro aniversario do seu despexo en Aríns onde moraba coa súa familia. María, Carlos foran estafad@s por un usureiro francés que lles emprestara o diñeiro para construíren a vivenda a cambio de ficar na mesma en réxime de aluguer. Após diversos impagos, por imposibilidade económica, do prestamista solicitou a orde de desafiuzamento que foi executada o 19 de setembro de 2014 entre un forte despregamento policial. Naquela altura, ducias de persoas tentaron de maneira solidaria que a familia de Carlos e María non ficasen na rúa. Desde a plataforma Stop-Desafiuzamentos Compostela, en conversa con Sermos Galiza, aseguran que se trata dun "crime do capitalismo". "A súa guerra económica contra as persoas de abaixo (non é unha crise) e as nefastas condicións psicolóxicas e vida ás que estamos sometidas a maioría social siga a levarse vidas por diante", sinalan. "Mentres o desemprego, a miseria, os desafiuzamentos...existan, haberá mortes. Os reponsables teñen nombre propio".
NOS_27960
Co gallo do Día da Patria Galega, Sermos Galiza publica este sábado, 24 de xullo, un especial de 48 páxinas no que se lle toma o pulso á rede asociativa do país para efectuar un diagnóstico da situación nas frontes nas que se xoga o noso futuro e, sobre todo, para coñecer as aspiracións dunha Galiza que emerxe e pula por un mellor porvir para a cidadanía.
A Galiza de 2021, como ao longo de boa parte da súa historia, non se entende sen o pulo mobilizador da súa sociedade, que segue a dar mostras dun outro país que emerxe fronte a discursos oficiais e resignacións. Unha Galiza que pide e quere ser escoitada, e que ten voz propia, de seu. Co gallo do Día da Patria Galega deste ano, Sermos Galiza quixo tomarlle o pulso á rede asociativa para efectuar un diagnóstico da situación nas diferentes frontes nas que en boa medida se está a xogar o noso futuro e, sobre todo, para ofrecer vías de acción que permitan avanzar na construción dun mellor porvir para toda a cidadanía. Son 48 páxinas, que poderás adquirir este sábado, 24 de xullo, canda o Nós Diario. Unha mostra, a través de trece voces, da Galiza que se move, suma, constrúe e que segue aquel verso insubmiso de Avilés de Taramancos que chamaba a "romper de norte a sul Galiza / queimar as rozas dunha idade antiga e ver nascer o sol / lástima fóra" No especial de Sermos Galiza que se porá á venda o vindeiro 24 de xullo conxuntamente con Nós Diario, representantes da CIG, CCOO, UXT, Queremos Galego, a Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade, a Plataforma para a Defensa do Ensino Público, O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, Fruga, a Iniciativa Galega pola Memoria e a Plataforma por un Rural Vivo expoñen as súas principais inquietudes sobre a situación que estamos a vivir e ofrecen proxectos de futuro para a Galiza. Pola páxinas do especial desfilan temas que ocupan o centro do debate social deste tempo: desde o futuro laboral dos traballadores en ERTE até a repartición dos fondos Next Generation que virán da UE; desde a fonda preocupación pola ofensiva eólica lanzada polas eléctricas até a incerta repartición de recursos para afrontar unha necesaria reforma do modelo agrario; desde a necesidade de reforzar as redes de apoio feminista até a importancia de consolidar os logros na normalización dunha lingua sen soporte institucional que a ampare. Os artigos María Obelleiro, directora de Nós Diario, é a autora do artigo introdutorio, onde explica o espírito deste especial e onde convida a reflexionar sobre a Galiza que se abre paso. Paulo Carril, da CIG, avoga por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica que permita que as decisións fundamentais para o futuro da clase traballadora galega se tomen fóra do marco das políticas neoliberais que impiden o desenvolvemento do noso país. José Antonio Gómez, da UXT, expón a urxencia de sacar leccións do vivido durante a pandemia e, así, "construír un novo contrato social e medioambiental" para estabelecer unha nova senda de progreso sostíbel. Amelia Pérez, de CCOO, incide na urxencia de evitar que as eivas crónicas do mercado laboral galego deriven nunha nova crise económica e de emprego. Os fondos europeos, segundo a súa análise, deberían operar como un axente de cambio. Marcos Maceira, de Queremos Galego, repasa as debilidades e fortalezas, dunha lingua que segue a mostrar un exemplar dinamismo malia o desleixo e mesmo a hostilidade de quen ten a obriga legal de defendela e amparala. Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres, chama por unha organización en rede que coadxuve a transformar a realidade en diferentes planos e que cree unha axenda que teña presentes as loitas concretas. Manuel Martín, de SOS Sanidade, retrata a enorme deterioración e perda de prestixio, do servizo público de saúde, que pode condicionar o seu futuro a medio prazo, pola incapacidade do SERGAS, Conselleria e Xunta para responder as demandas de atención da poboación. Suso Bermello, da Plataforma en Defensa do Ensino Público, céntrase no exemplo do ensino universitario e da aparición da Lei de recoñecemento da universidade privada como prototipo do entramado público-privado que ameaza os servizos básicos. Jessica Rey, da Rede Galega por un Rural Máis Vivo, toma o modelo de contestación social ás múltiplas ameazas que sofre o rural para chegar á conclusión de que o lugar onde vivimos será o resultado do que nos impliquemos con el. Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, subliña as carencias nas políticas institucionais e, sobre todo, á falta dun plan de futuro que nos permita avanzar na construción dun novo modelo máis axeitado ás nosas necesidades. Roberto García, de Unións Agrarias, parte da certeza de que a pandemia evidenciou o carácter estratéxico do sector primario e repasa as principais eivas que dificultan o seu desenvolvemento, mais tamén as súas fortalezas e liderado en calidade. Carlos Babío, historiador e activista pola memoria histórica achéganos as claves dun ano marcado polo pulo mobilizador do movemento memorialístico galego, co Pazo de Meirás como albo. Finalmente, Xurxo Álvarez, da FRUGA, anota as prioridades do sector agrario para poder competir en condicións de igualdade dentro do marco que estabelece a Unión Europea e da súa principal ferramenta económica: a Política Agraria Común. Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.
PRAZA_5180
Entrevistamos Susana Ladra, vicedecana da Facultade de Informática da Coruña, e que a pesar de ter só 30 anos acumula unha longa lista de méritos e recoñecementos, coma o Premio Ada Byron ou o primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática, entregado polo MEC
Nacida en 1984 Susana Ladra, vicedecana de Organización Académica da Facultade de Informática da Coruña (UDC), acumula unha longa lista de méritos, recoñecementos e responsabilidades. É tamén profesora contratada doutora na súa facultade. Recentemente foi recoñecida pola Xunta, co gallo do Día Internacional da Muller, xunto con outras seis profesionais destacadas nos seus respectivos eidos. Previamente recibira tamén o Premio Ada Byron, un galardón que entrega o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para destacar salientar e facer visible a participación feminina no ámbito da tecnoloxía. Durante a súa etapa de estudante recibiu o primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática entregado polo Ministerio de Educación, o Premio Extraordinario de Doutoramento da UDC o premio á mellor tese de doutoramento no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información. Nos últimos anos, Susana Ladra vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora en distintas áreas, como recuperación de información, compresión, análise de algoritmos e estruturas de datos. Participou tamén en proxectos de investigación competitivos e realizou estadías no CSIC, na Universidade de Chile, na Universidade de Helsinki e na Universidade de Waterloo (Canadá). A presenza das mulleres nas carreiras científicas e técnicas segue sendo baixa, e moito máis en informática. A que cres que se debe? No curso académico actual, a porcentaxe de mulleres que entraron en primeiro curso do Grao en Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña é do 13,8%. A porcentaxe é moi baixa, e o máis preocupante é que segue unha tendencia decrecente. Cando eu estudei a carreira esta porcentaxe situábase entre un 25 e un 30%. Está claro polo tanto que este é un ámbito onde as mulleres somos unha minoría, e isto é un problema: estamos perdendo potencialmente o talento das mulleres que son afastadas, por un motivo ou por outro, deste campo, e estas mulleres están a perder oportunidades nun sector en auxe na sociedade na que vivimos. "Estamos perdendo potencialmente o talento das mulleres que son afastadas, por un motivo ou por outro, deste campo, e estas mulleres están a perder oportunidades nun sector en auxe na sociedade na que vivimos" O propio Ministerio de Economía e Competitividade recoñece o papel protagonista das Tecnoloxías da Información no desenvolvemento das economías e sociedades modernas, xerando un valor bruto de máis dun 20% do PIB. Na miña opinión, estas porcentaxes tan baixas de mulleres en informática débense a diversos factores, e especialmente ao descoñecemento da carreira e da profesión da sociedade en xeral e os estereotipos de xénero que seguen a prevalecer na elección da carreira universitaria. Ademais, existe unha imaxe preconcibida dos informáticos que non se asemella nada á realidade. En contra do estereotipo de persoa friki, asocial e que está pechada na súa habitación cun ordenador, os enxeñeiros en informática deben ter grandes habilidades sociais, xa que adoitan traballar en equipo, e moitas das veces en proxectos multidisciplinares. Teñen que traballar moi directamente con clientes, entendendo as súas necesidades. Existe un descoñecemento xeneralizado do que significa e achega a enxeñaría informática na nosa sociedade, fomentado en parte polo estado no que se encontra na actualidade a nosa profesión. E non quero entrar aquí no debate sobre a lei de servizos profesionais e a enxeñaría en informática porque daría para outra entrevista extensa... Que proporías como solución ou como estímulo para unha maior incorporación? "En contra do estereotipo de persoa friki, asocial e que está pechada na súa habitación cun ordenador, os enxeñeiros en informática deben ter grandes habilidades sociais, xa que adoitan traballar en equipo" Levamos anos intentando buscar solucións para incorporar máis rapazas cada ano as nosas aulas, pero parece que non somos capaces. Como sociedade cremos que os estereotipos de xénero xa están superados, pero aínda hai quen pensa que a informática é cousa de homes. Unha estudante da nosa facultade comentounos que o seu orientador do instituto intentou disuadila de que estudase a carreira con ese argumento. É de agradecer que ela non lle fixese caso. Con respecto a isto, creo que faltan referentes femininos que sirvan de modelos a futuras estudantes, e en xeral, a toda a sociedade. Toda a sociedade coñece nomes de homes de éxito no mundo da informática: Bill Gates, Steve Jobs, Mark Zuckerberg e un largo etcétera. Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo. Ou quen sabe que HP ou Microsoft España están presididas tamén por mulleres? É necesario que as mozas coñezan que existen mulleres liderando empresas do sector. Na Facultade de Informática, e dentro da nosa capacidade, intentamos non perpetuar os estereotipos que antes comentaba, e nas xornadas de orientación universitaria e nas visitas que fan os estudantes de instituto á facultade sempre participamos mulleres, de forma que vexan que a carreira non é unha carreira de homes. E ademais tentamos transmitir o papel das tecnoloxías da información na sociedade e a posibilidade de traballar en calquera ámbito. Problema é que esta información xa chega tarde, no alumnado de secundaria xa observamos que existen diferenzas en canto ao interese pola carreira por parte de estudantes. "Toda a sociedade coñece nomes de homes de éxito no mundo da informática: Bill Gates, Steve Jobs, Mark Zuckerberg... Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo. Ou quen sabe que HP ou Microsoft España están presididas tamén por mulleres?" É necesario polo tanto transmitir estas ideas ás rapazas moito mais novas, e en iso tamén intentamos colaborar. O próximo día 24 de abril é o International Girls in ICT Day, día internacional das rapazas nas TIC, e celebraranse máis de 2700 eventos en 121 países. Nos participaremos no organizado polo CESGA en Santiago, polo que animo a todas as rapazas a que participen no evento e descubran as posibilidades que ofrece o sector TIC. Que che levou a ti a interesarte por este campo? Como llo venderías a calquera rapaz ou rapaza que poida estar dubidando se estudar Informática? Como eu non podía ser menos, dentro do descoñecemento xeral da profesión, eu entrei cunha idea da carreira diferente á realidade. Eu entrei na carreira atraída polas ciencias da computación, pola algoritmia, non tanto polo seu aspecto de enxeñaría, que é o que máis descoñece a sociedade. E é precisamente este aspecto, no que se aprende a planificar, deseñar, desenvolver e manter sistemas complexos o que agora mesmo valoro máis da miña formación. Tratar con clientes, analizar os requisitos que debe ter o sistema, estimar os recursos necesarios para o seu desenvolvemento,… Con respecto a como se pode vender a Enxeñaría Informática, vouche dicir o que eu digo a todos os estudantes que veñen a visitar a Facultade de Informática da UDC, e que mesmo está escrito na información sobre o noso estudo na web. Eu creo que a Enxeñaría Informática é un traballo apaixonante, que ofrece oportunidades de traballo en contextos moi diversos e fomenta a innovación en todas as ramas da ciencia. É parte de todo o que nos rodea, e despois de estudar a carreira podes encontrar traballo alí onde máis te motive, xa sexa na investigación computación, ou en empresas dedicadas á biomedicina, á aeronáutica… Ademais, é un campo moi estimulante, xa que é case imposible predicir como será o futuro. E, por suposto, o argumento que pode ter un maior impacto neste momento de crise e paro no que nos encontramos é a alta empregabilidade dos enxeñeiros en informática, cun 91,77% traballando, atopando o primeiro emprego nunha media de 2,46 meses desde que se empeza a buscar traballo. O número de ofertas de traballo no campo da informática segue crecendo: segundo as estimacións será o campo con maior potencial de xeración de novos postos de traballo, cun número moito maior que os demandantes de emprego neste sector. Sen esquecer a posibilidade de establecerse por conta propia, que é moito máis doado que en outros campos. Teño moitos compañeiros que crearon a súa propia empresa con éxito nestes momentos no que moitas outras empresas doutros sectores están pechando. "Galicia está a superar na boa dirección con respecto ao desenvolvemento TIC, superando as tradicionais barreiras xeográficas que supoñen estar nunca rexión ata agora periférica" Como valoras o desenvolvemento da TIC en Galicia? Estamos aproveitando todas as oportunidades que se abren neste campo como deberíamos? Segundo a miña opinión, Galicia está a superar na boa dirección con respecto ao desenvolvemento TIC, superando as tradicionais barreiras xeográficas que supoñen estar nunca rexión ata agora periférica. Creo que as autoridades son conscientes da necesidade de potenciar esta Sociedade da Información. Está habendo investimento en modernización, e parece que estamos a converxer coa Unión Europea no emprego das tecnoloxías da información e das comunicacións. Por suposto quedan moitos sitios onde mellorar e potenciar o seu uso, pero creo que imos na boa dirección. Somos conscientes e aproveitamos todas as posibilidades que abre o Big Data? Eu creo que si somos conscientes, e dende todos os ámbitos está xurdindo interese polo Big Data: gobernos, empresas, investigadores, … Sabemos que existe información moi valiosa oculta en grandes volumes de datos que se obteñen de moi diversas fontes, por exemplo transaccións diarias en bancos, supermercados, compras online, interaccións en redes sociais, acceso a páxinas web, sensores, e un moi largo etcétera. Por exemplo, unha rede de supermercados analiza os patróns de comportamento dos seus compradores para mellorar as súas vendas, ou un banco pode analizar e determinar comportamentos anómalos para detectar fraudes. Os gobernos intentan analizar os comportamentos das persoas para detectar posibles criminais. Analizando os casos pasados, podemos intentar predicir o futuro, e, xeralmente, cantos máis casos poidamos analizar, mellor será a predición. "Existe información moi valiosa oculta en grandes volumes de datos que se obteñen de moi diversas fontes, por exemplo transaccións diarias en bancos, supermercados, compras online, interaccións en redes sociais, acceso a páxinas web" O problema e que non sempre se sabe como extraer esa información dos datos, ou non ten os medios técnicos para facelo (sobre todo dependendo do big que sexan os datos) ou directamente os datos non teñen a calidade suficiente para poder obter coñecemento deles. É un campo de investigación en crecemento, con moita interese por parte dos organismos tanto públicos como privados, polo que eu auguro avances significativos nestes próximos anos. Fixeches varias estadías no estranxeiro. Tras a experiencia, e en termos comparados, como valoras a formación e a investigación que se realiza nas nosas facultades? "Teño compañeiros que, vistas as escasas posibilidades que existen aquí, están marchando a eses países para poder seguir traballando no seu. Na actualidade, España sufre un importante problema de financiamento para investigación" A verdade e que puiden coñecer de primeira man realidades tan distintas como as que se encontran na Universidade de Chile, Universidade de Helsinki (Finlandia) e Universidade de Waterloo (Canadá). Todas elas importantísimas universidades onde estudaron ou traballaron gañadores de Premios Nobel, e por tanto, todas teñen unha formación académica de alto nivel, pero que viven en moi diferentes realidades. Por exemplo, a formación académica en Finlandia é unha das mellores, ademais de ser gratuíta tamén no ensino superior. En Chile, pola outra banda, vivíronse intensas mobilizacións de estudantes, unha de elas coincidiu cando eu estaba alí, que reclamaban un cambio do sistema educativo superior cun maior gasto público en educación superior que evite que os estudantes teñan que pagar unha porcentaxe moi ampla do custo da súa educación, que acabe cos préstamos universitarios abusivos que tiñan que solicitar. Ademais, existen universidades de gran prestixio, como a Universidade de Chile, pero moitísimas universidades pequenas e privadas cunha calidade discutida, igual que os seus fins supostamente sen ánimo de lucro pero controladas por grupos empresariais. En todo caso, toda elas gozan dunha mellor saúde, comparada coa universidade española, en canto ás posibilidades para os investigadores novos. Teño compañeiros que, vistas as escasas posibilidades que existen aquí, están marchando a eses países para poder seguir traballando no seu. Na actualidade, España sufre un importante problema de financiamento para investigación.O mellor do sector TIC ao que pertencemos é que a nosa investigación pode ser aplicada en moi diversos sectores, polo que actualmente explotamos a nosa investigación en convenios con empresas ou outras entidades, potenciando a transferencia da investigación á sociedade.
PRAZA_6160
O pasado martes 15 de xullo o Concello de Vigo deu marcha atrás na súa decisión de permitir o acceso de cans polas noites á cala de Toralla. Os e as propietarias de animais anuncian novas mobilizacións, despois da exitosa concentración celebrada o pasado domingo en Bouza
O pasado martes 15 de xullo o Concello de Vigo desdicíase, daba marcha atrás na súa decisión de permitir o acceso de cans polas noites á cala de Toralla. A prohibición, confirmada polo concelleiro de Seguridade, Carlos López Font (que remitía á ordenanza municipal vixente) contradicía a autoriación, verbal iso si, concedida e confirmada en varias ocasións pola concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago. En Vigo, ao igual que maioría dos concellos galegos, está prohibida a presenza de cans nas praias durante os meses de verán (na cidade olívica do 1 de xuño ao 30 de setembro). Porén, xa o pasado o Concello ensaiou unha experiencia piloto para permitir que os cans puidesn pisar a area no verán, só nunha pequena praia (a de Toralla) e só entre as sete da tarde e as oito da mañá). En principio, o ensaio se repetiría este ano, e así llo confirmou Chus Lago a algunhas protectorase colectivos en defensa dos dereitos dos animais. Porén, nunca o fixo de maneira escrita nin a través dunha orde oficial. Cando chegaron á praia as primeiras persoas coas súas mascotas, foron increpadas por algúns bañistas, que chamaron á policía municipal. Esta, a pesar dos argumentos dos propietarios dos animais, non tiñan comunicación oficial ningunha sobre o permiso para que as mascotas puidesen estar no areal. Demandan que entre xuño e setembro se permita o acceso das mascotas, a partir das nove da noite, a todos os areais de Vigo, agás praias de gran concorrencia como Samil, o Vao e Canido Ao día seguinte o Concello confirmou a prohibición, o que levou aos colectivos en defensa dos animais a iniciar a recollida de sinaturas (a través deste formulario, que tamén se pode atopar nos locais de varias entidades, clínicas veterinarias e tendas de produtos para animais) para levar ao pleno municipal unha proposta de modificación dos regulamentos, para o que necesitan o apoio do 10% das persoas censadas en Vigo. Na súa petición denuncian a ausencia de espazos públicos para poder estar cos seus animais, sobre todo no verán, e demandan que entre xuño e setembro se permita o acceso das mascotas, a partir das nove da noite, a todos os areais de Vigo, agás praias de gran concorrencia como Samil, o Vao e Canido. De igual xeito, piden que se reserven "un par de praias debidamente seleccionadas, sinalizadas, coas súas respectivas normas, e dotadas dos seus respectivos Sanecan, para o goce e convivencia de mascotas cos seus donos". Finalmente, esixen que se respecte "a libre circulación de animais polos areais" entre setembro e xuño, "tal como está agora estipulado no artigo 7 da normativa de Tenencia de Animais de Vigo". A decisión do Concello de volver prohibir a presenza de animais na praia de Toralla provocou tamén as críticas dos grupos da oposición municipal A decisión do Concello de volver prohibir a presenza de animais na praia de Toralla provocou tamén as críticas dos grupos da oposición municipal. O PP sinalou que Caballero ten "unha oportunidade única para sentar a falar cos veciños que teñen mascotas ao seu cargo" e que "hai que buscar unha alternativa que satisfaga a xente que ten mascotas sen vulnerar o dereito dos cidadáns a gozar da praia en paz". Tamén o BNG, a través de Iolanda Veloso, sinalou que "se entende a reclamación da xente que ten cans e hai que artellar solucións para facer compatible os intereses de todos". En Vigo hai máis de 20 mil cans rexistrados De igual xeito, os e as propietarias de animais anuncian novas mobilizacións, despois da exitosa concentración celebrada o pasado domingo en Bouzas (cando aínda non se confirmara a prohibición de Toralla), na que participaron ao redor de 500 persoas coas súas mascotas. Lembran que só en Vigo hai máis de 20 mil cans rexistrados, con chip e censados no REGIAC (polo tanto, o número real será superior), o que significa que unha porcentaxe moi importante das familias viguesas conviven cun animal. Todas estas persoas atopan moitas dificultades no seu día a día para desprazarse coas súas mascotas (por exemplo a utilización do transporte público está moi limitada) ou para pasealos nos espazos públicos da cidade. Na meirande parte das cidades de Europa o acceso aos autobuses públicos ou á meirande parte dos establecementos privadgos permítese dende hai moito tempo. En España este proceso vai moito máis lento, pero Zaragoza, Funegirola ou Barcelona aprobaron recentemente lexislacións máis respectuosas cos dereitos dos animais.
NOS_48623
A presión hospitalaria apenas variou.
Os novos contaxios de Covid-19 detectados aumentan até 223 ao chegar ao ecuador da primeira semana após decaer o domingo pasado o estado de alarma, mentres que os casos activos subiron a 3.052 despois de 5 xornadas consecutivas en descenso. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados con este coronavirus ascenden a 191, un máis. Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados descenden a 40, tres menos, mentres que os que permanecen noutras unidades de hospitalización ascenden a 151, catro máis. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro de sete: Ourense, A Coruña e Cee, Lugo e Ferrol; mentres que sobe nas Vigo, Santiago e Barbanza e na de Pontevedra e O Salnés. En canto aos casos activos de Covid, tras cinco xornadas consecutivas en descenso, aumentaron a 3.052, que supoñen 75 máis, ao chegar ao ecuador desta primeira semana sen estado de alarma. Iso débese a que houbo máis contaxios (223) que altas (147), ao que se engade unha persona falecida. Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden na de Vigo (+63); Ferrol (+14); A Coruña e Cee (+12); Santiago e Barbanza (+8) e Pontevedra e O Salnés (+3). Pola súa banda, baixan nas de Lugo (-10) e Ourense (-15). Con respecto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba repuntaron a 223 tras comezar a semana con 152 e descender a 121 esta terza feira, polo que implican 102 máis que a xornada anterior. Do total de positivos, 209 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que implican 106 máis que o día anterior, dos cales 97 corresponden á área de Vigo; 25, á de Santiago e Barbanza; 24, á de Pontevedra e O Salnés; 23, á da Coruña e Cee; 19, á de Ferrol; 12, á de Ourense; e nove, á de Lugo. Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- ascendeu a un 2,4 %, tras caer a un 1,39% a xornada anterior e repuntar a un 2,3% no inicio desta semana. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.395 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, após notificar esta terza feira a Consellería de Sanidade un novo óbito. En concreto, o último falecemento corresponde a unha muller de 88 anos que morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que presentaba patoloxías previas.
NOS_11169
Con case 85% do voto escrutado das eleccións presidenciais en Bolivia, o líder do Movemento ao Socialismo (MAS), aínda gañando, non chegaría á maioría absoluta (45,28%) nin obtería dez puntos máis co segundo, Carlos Mesa, do Comunidade Cidadá (38,16%). Os votos ao integrista cristián Chi Yung Chung do Partido Demócrata Cristián, terceiro con 8,77% dos votos, poderían ser decisivos na segunda volta, o 15 de decembro.
Segundo os resultados anunciados polo Tribunal Supremo Electoral (TSE) de Bolivia á última hora deste domingo, 21 de outubro, Evo Morales sería o máis votado nas eleccións presidenciais. Porén, non chegaría á maioría absoluta polo que debería organizarse unha inédita segunda volta no país andino (o 15 de decembro) que poría en perigo a súa continuidade no cargo. Os resultados definitivos tardarán aínda varios días en coñecerse. Con 84% do voto escrutado, Morales, do Movemento ao Socialismo (MAS), obtería 45,28%, seguido polo ex gobernante Carlos Mesa, da alianza Comunidade Cidadá, que sumaría 38,16%. A sorpresa deuna o pastor evanxélico do Partido Demócrata Cristián, Chi Hyun Chung, nacido en Corea do Sur e coñecido como o "Bolsonaro boliviano", que sería terceiro con 8,77% (as sondaxes dábanlle ao redor de 35). Cuarto estaría Óscar Ortiz, senador opositor a Morales, de Bolivia Di Non, con 4,41% do sufraxio. Resultados elecciones en Bolivia Infogram A lei electoral boliviana estabelece que será proclamada á Presidencia é á Vicepresidencia a candidatura que reunise 50% máis un dos votos, ou que, no seu defecto, lograra un mínimo de 40% cunha diferenza de canto menos 10% con respecto á segunda candidatura. Deste xeito, Morales e Mesa, como os dous únicos candidatos, pelexarían polo triunfo o 15 de decembro, nunha cita na que os votos a Chi Hyun Chung e a Óscar Ortiz poderían ser decisivos para rematar con case 15 anos de Evo Morales á fronte de Bolivia. Neste tempo, Morales conseguiu un cambio profundo no país, o segundo máis pobre de todo o continente, só por detrás de Haití. Actualmente, é dos que máis medra, nun contexto no que a caída das exportacións e dos prezos das materias primas están afectando duramente á rexión. Ademais, salienta especialmente o cambio que implicou que a maioría social, os indíxenas, teñan un papel protagonista, tal e como apunta na súa análise Manuel Mera.
NOS_8148
Após que a Comunidade de Madrid acordase onte limitacións para todo o Estado español na reunión do Grupo Covid-19 e a súa presidenta dera marcha atrás esta cuarta feira, varios territorios néganse a acatar as recomendacións do Goberno de Pedro Sánchez. A Xunta critica que non se atenda a outros parámetros como a vulnerabilidade ou a presión nas urxencias.
Galiza non acepta a proposta do ministro de Sanidade, Salvador Illa, de estabelecer unha estratexia de restricións homoxénea para loitar contra a pandemia. A medida que está detrás do rexeitamento das autoridades sanitarias galegas é a de limitar a mobilidade naqueles municipios de máis de 100.000 habitantes cando haxa 500 casos de coronavirus detectados. Esta negativa vén de producirse no marco do Consello Interterritoriall de Sanidade convocado hoxe para acordar actuacións comúns de protección contra a Covid-19. A decisión fora acordada onte bilateralmente coa Comunidade de Madrid, malia que xa se anunciaba que a aplicación sería común. No entanto, mesmo a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, rexeitou hoxe o que esta terza feira lle parecía ben. No borrador co que acudiu Illa á reunión fálase da limitación de entradas e saídas neses concellos de máis de 100.000 habitantes. Ao respecto, destácase que deben ter unha porcentaxe de positividad ao virus nos resultados das probas diagnósticas realizadasnas dúas semanas previas superior ao 10%. Ademais, cada autonomía debería ter unha ocupación de camas nas UCIs superior ao 35%. Madrid pediulle uns parámetros "obxectivos e claros" para todos. Neste sentido, o responsábel da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o proxecto do Executivo do estado español obvia moitos outros parámetros cos que están a traballar as e os expertos do comité clínico galego. Ademais dos ratios de contaxio na veciñanza, o grupo consultivo do país estuda a vulnerabilidade, a porcentaxe de positivos sobre a xente en corentena, a presión hospitalaria ou a situación das urxencias das áreas sanitarias.O representante da Xunta tamén avisou de que, de seguir a pauta marcada polo ministerio, non se daría continuidade ao traballo feito até agora na nazón.Máis negativas Xunto con Galiza e Madrid,tamén descartaron seguir esa recomendación Catalunya, Andalucía e Ceuta. Pola súa banda, a representación do País Vasco no encontro de traballo sostivo que "as medidas deben seguir tomándose de maneira localizada, tal e como se fai desde xullo con "bos resultados". Trascendeu, tamén, que a rexión de Murcia mantivo unha posición neutra na votación da proposta. O documento que inclúe este criterio será trasladado á Ponencia de Alertas de Saúde Pública para traballalo desde o punto de vista técnico. Outras das ideas que pasarán por esta fase son a prohibición de reunirse con máis de seis persoas, tanto na rúa como en propiedades privadas; fechar os partes infantís; reducir capacidades e horarios e imposibilitar a atención na barra dos negocios de hostalaría.
NOS_4271
Josephine Foster, estadounidense de 1974, é unha das máis celebradas voces do novo folk. Prolífica -16 discos desde 2000- e aventureira, estará no Vello Cárcere de Lugo o vindeiro 23 de marzo, sábado ás 20.00 horas, dentro do ciclo Liberdades Sonoras.
O seu último disco, Faithful Fairy Harmony (2018), centrará a actuación dunha artista que, sen medo ao experimento, probou a musicar os poemas de Emily Dickinson, transportou a contextos pop materiais de Brahms ou Schubert, non evitou a electricidade psicodélica nun traballo como Blood Rushing (2012), e explorou o cancioneiro recompilado en Andalucía por García Lorca. Os promotores do concerto, WOS Festival Son Estrella Galicia, definen a súa música como "folk tenue e íntimo" e comparana coa inglesa Vashti Bunyan, a súa contemporánea tamén estadounidense Julia Holter ou mesmo con Patti Smith. En Lugo acompañarana Víctor Herrero, Rosa Gerhads e Josefin Runsteen. Liberdades Sonoras terá unha parada previa xusto a semana anterior, sábado 16 de febreiro á mesma hora no mesmo sitio. Sun Araw, nome artístico do californiano Cameron Stallones, amosará a súa particular ollada mestiza. Dub, krautrock e psicodelia fan parte dos ingredientes cos que cociña, en palabras dos organizadores, "a súa aproximación ao culto ao son e ás baixas frecuencias".
PRAZA_5929
A Real Academia Galega diríxese á Xunta para instala a cumprir o denominado decreto do plurilingüismo e avaliar a situación da lingua propia nas aulas. A reclamación chega dous días despois de que A Mesa constatase que só 7 colexios urbanos dan aulas de infantil en galego.
O pasado martes A Mesa pola Normalización Lingüística facía pública unha nova edición do estudo co que avalía a presenza do galego nas aulas de ensino infantil das sete cidades galegas. Na liña dos anteriores inquéritos, a asociación de defensa da lingua constatou que o uso da lingua propia neste sensible nivel educativo non deixa de minguar nun dos espazos a priori máis hostís para a normalización da lingua, o urbano. Dos 289 colexios consultados só 7 din usar o idioma propio do país de xeito maioritario, pouco máis dun 2%. Con este pano de fondo, a Real Academia Galega (RAG) vén de dirixirse á Xunta para, en síntese, instala a cumprir os seus deberes legais de velar pola normalización do galego. Como xa fixeran as universidades en xullo de 2013 cando, como informou Praza Pública, se ofreceron ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo para reformular o denominado decreto do plurilingüismo tras os seus paus xudiciais, a RAG lémbralle á Xunta que está a incumprir á súa propia normativa, toda vez que non está a avaliar o estado da lingua nas aulas. "Ante os diversos sinais que apuntan a un progresivo deterioro da situación do idioma propio do país no sistema educativo" a Comisión Executiva da Academia "chama a atención do conxunto da sociedade" e apela á "responsabilidade do Goberno galego en relación con este importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego". A RAG lembra que o propio decreto lle impón ao Goberno a obriga de avaliar os seus resultados O decreto, rexeitado pola propia RAG, inclúe a previsión de que "con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar", a Consellería de Educación "avaliará os resultados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento" do mesmo e para a "plena aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias". Cómpre, din os académicos, que esta avaliación se realice de inmediato, "dun xeito especial na educación infantil e primaria", e que a Administración autonómica "tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización". Unha "deriva desfavorable ao galego" A Xunta, vén evidenciar a Academia, non só incumpre a previsión de avaliar a aplicación xeral do decreto, senón tamén a de facer "seguimento" dos proxectos lingüísticos de cada centro para, como di a normal, "adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia". "Catro anos e outros tanto cursos académicos despois -sinalan- a Xunta continúa sen realizar as devanditas avaliacións, sen facer públicos os seus resultados e sen tomar medidas que puidesen rectificar unha deriva en apariencia claramente desfavorable ao galego no sistema educativo. A Academia subliña que o sistema educativo ten "legalmente atribuído" un papel de "recuperación e normalización" do galego O alumnado galego perde competencias na lingua do país e a RAG considera que "o Goberno galego non debe demorar por máis tempo o cumprimento de ditas previsións legais", por iso o urxe "para que realice de xeito inmediato a devandita avaliación", faga públicos os seus resultados e "no seu caso, poña en marcha as medidas tendentes a corrixir a situación. O sistema educativo, conclúen, ten que xogar "o papel que ten legalmente atribuído na recuperación e normalización do idioma galego". A Mesa saúda a actitude da Academia O pronunciamento da institución académica foi acollida de bo grao dende A Mesa cuxo presidente, Marcos Maceira, valora "favorablemente" que a RAG "comece a ter unha boa actitude" a respecto "desta preocupante situación. En declaracións a Praza Pública Maceira salienta que, como xa sinalara a entidade que dirixe, "a Academia ten razón en que a Xunta ten que facer públicos os datos dos que dispón" xa que "o noso estudo ten as limitacións propias dun inquérito que fai unha entidade social como a nosa" que non é que, por exemplo, de chegar a todos os centros educativos do país. "A Xunta ten datos dos últimos cinco anos e nunca quixo facelos públicos", destaca. Maceira: "Se queren reverter a situación teñen que comezar por derrogar a norma que a provoca" Neste contexto, para o presidente d'A Mesa a actitude académica é positiva, aínda que, "se cadra", cumpriría que reclamase "dun xeito máis explícito a derrogación do decreto" e a volta "ao consenso" que, "como mínimo", tería que ter como "punto de partida" o Plan Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. "Se queren reverter esta situación teñen que comezar por derrogar a norma que provoca isto", resume.
NOS_17236
Sen desagregación por concellos, nin datos acumulados nin cifras de evolución, de rastrexo ou da presión hospitalaria, a información que a Consellaría de Sanidade fai pública do coronavirus, parcial e asistemática, dificulta ter unha foto real da incidencia da pandemia ou do seu impacto no sistema sanitario, e coloca Galiza á cola en transparencia. Outras Administracións, incluso da mesma cor política que a galega, si ofrecen á súa veciñanza e profesionais da sanidade unha imaxe máis clara de como a enfermidade afecta o seu territorio
A Consellaría de Sanidade ordenou esta semana reforzar as restricións para o ocio, a hostalaría, os centros sociosanitarios, as bibliotecas e varios servizos máis en Ourense, Compostela, Santa Comba, Carballo e A Laracha, para igualalas coas que operan desde o mes pasado na Coruña e a súa comarca e en Lugo, ao localizarse nestas poboacións os focos "máis preocupantes" de coronavirus. No caso de Compostela, a decisión xustifícase polo aumento da taxa de incidencia do virus no municipio, cun número reprodutivo básico instantáneo (R0) por enriba de 1 e un intervalo de confianza superior superando o 1,5, o que, segundo o Servizo de Saúde Pública, indica un abrollo "non controlado", ademais de taxas sinaladamente positivas entre a poboación de 20 a 24 anos e unha porcentaxe de PCR positivas de 7%. Nesas mesmas datas, Santa Comba tiña unha taxa de incidencia acumulada de 435 por 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas –a media galega estaba, a 28 de agosto, en 62, segundo informou o director xeral de Asistencia Sanitaria, en rolda de prensa– e acumulaba 16,3% de positivos nas 246 PCR, con 95% dos positivos da comarca, nun foco de "alto risco". Estes indicadores, que se recollen nos informes que a Xunta remite aos xulgados para que avalen as medidas preventivas impostas –e plásmanse nos autos–, non son de acceso público, como tampouco o é a incidencia da enfermidade por concellos ou a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas. Todo o que a Consellaría de Sanidade comunica a diario é o número de casos activos, a nivel galego e por áreas sanitarias, o número de persoas que se atopa hospitalizada ou na UCI, os falecementos diarios e acumulados, as curacións acumuladas e o total de PCR realizadas, ademais dos casos en residencias de maiores, tanto contaxios como falecementos acumulados, entre o persoal profesional e residente. Para coñecer o número de novos contaxios é necesario sumar aos casos activos que ofrece a Xunta o número de curacións do día, que tamén hai que calcular. Coñecer información que si proporcionan outras Administracións territoriais só é posíbel, e de forma asistemática, a través dos autos xudiciais que ratifican as restricións que impón o Goberno galego, da información que trasladan as distintas áreas sanitarias, da que de maneira illada subministran algúns concellos e da que periodicamente emiten o Ministerio de Sanidade e organismos vinculados como o Instituto de Saúde Carlos III. Outra fonte está nas comparecencias públicas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e do conselleiro de Sanidade en funcións , Jesús Vázquez Almuiña, nas que, de forma recorrente, se inclúen datos imposíbeis de cotexar nin seguir, desde as porcentaxes de casos "orfos" nunha área sanitaria, a ocupación hospitalaria nun momento concreto ou a incidencia da Covid-19 en determinados barrios, e sen que se poida coñecer tampouco o criterio que leva a facilitar esta e non outra información. Este déficit de transparencia, que vén sendo posto de relevo desde a oposición ao Goberno galego e plataformas sanitarias, faise notorio ao comparar a información que facilitan outros servizos sanitarios do Estado español, que é, a excepción de Estremadura –que tampouco fai pública a información epidemiolóxica–, máis abundante e detallada. Así, por exemplo, as comunicacións da Consellaría de Saúde de Andalucía achegan taxas de hospitalizacións por provincias, así como número de PCR realizadas e positivas ou número de abrollos, tamén localizados por provincia. Ademais, a web da Consellaría permite acceder a datos estatísticos por distrito sanitario e por municipio, con disposición da evolución epidemiolóxica. Castela e León ofrece, a través de mapas, a ocupación en tempo real das camas hospitalarias ou as PCR positivas por cada 10.000 habitantes segregadas por municipio. Mesmo a Comunidade de Madrid, malia a dubidosa fiabilidade da súa información, facilita cifras actualizadas e acumuladas de hospitalización, UCI e falecementos –actualmente no punto de mira por indicios de falsidade–, PCR positivas por día ou situación epidemiolóxica por municipios e distritos. "Que os datos non se dean por concellos representa unha falta de transparencia total", observa o doutor Luís Vázquez, experto en análises clínicas, quen defende que esta información é "fundamental para profesionais, porque permite anticiparse en tres ou até catro semanas, pero ademais é un dereito que están a demandar concellos e veciñanza". Como fai notar, unicamente cando un municipio está sometido a restricións sanitarias reforzadas comeza a recibir da Xunta as súas cifras de casos e de seguimento de contactos. Parámetros como a incidencia acumulada –o número de novos casos nun período de tempo determinado, unha ou dúas semanas, por cada cen mi habitantes–, que amosa a evolución da enfermidade, e a razón de taxas de incidencia –o número de casos nunha semana dividido pola semana previa–, "axudan a pór os datos en perspectiva e dan un coñecemento epidemiolóxico", apunta, para demandar tamén información demográfica que si é accesíbel noutros territorios, como a incidencia por franxas de idade ou por sexo. "Falamos de información que a Administración xa ten, unicamente tería que facela pública, algo que sería moi sinxelo e que ademais é transparencia", observa o especialista, que pon o foco en indicadores que a Xunta non dá e que permiten facer seguimento da incidencia do virus. Rastrexo de contactos É o caso da porcentaxe de PCR positivas. "Por enriba de 5% é un mal indicador, que apunta a un baixo control e á posibilidade de transmisión comunitaria", exemplifica. O mesmo ocorre, aos seus ollos, coas cifras relativas a rastrexo de contactos. "Aí é onde se ve se o número de persoas rastrexadoras é real ou non", advirte, en alusión ás afirmacións de Feixoo, que sitúa estes equipos por enriba das 6.000 persoas, incluíndo neles persoal sanitario, médico e de enfermaría, que só puntualmente asume esta función. O último informe do Instituto Carlos III, do día 3, sitúa Galiza como o territorio con menor capacidade de rastrexo, cunha porcentaxe de contactos descoñecidos que chega a 79,7% –a segunda é Catalunya con 56,8% e a media estatal está en 43,7%– e unha media de catro contactos identificados por caso. "Moi baixa", razoa o doutor Vázquez, quen infire dela que o rastrexo "non se está a facer ben e tampouco o seguimento", traballo que, aos seus ollos, permitiría, co apoio da app estatal que xa está operativa noutras comunidades, "detectar moitos máis casos e ter controlados os focos".
QUEPASA_577
Un operario caeu dunha altura en Dumbría
Esta pasada noite rexistrábanse dous accidentes nas estradas da comarca. Arredor das 20:30, unha persoa tiña que ser trasladada en ambulancia trasun accidente entre dous vehículos na estrada das Paxareiras. Foi na estrada AC-400, arredor do punto quilométrico 90, e acodiron á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos membros do GES de Muros e aos servizos sanitarios. Finalmente, o GES de Muros confirmou que a persoa ferida foi trasladada en ambulancia. Accidente en Malpica Pouco antes das 23:00h, rexistrábase outro accidente na AC-418 que une Malpica e Carballo, a altura da Fonte dos Bois. Tratouse dunha saída de vía que provocaba o envorco do vehículo, tendo que ser trasladada a persoa ferida leve, en Ambulancia. Ao lugar tamén acodiron Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Carballo, ao Ges de Ponteceso e ao 061. Accidente laboral Pola tarde, arredor das 17:45h, rexistrábase ademais un accidente laboral en nunha casa de Buxán, Dumbría, cando un operario resultou ferido ao caer dunha altura duns tres metros desde o alto dunha construción.
NOS_32087
Os case 20.000 novos casos de coronavirus diagnosticados na fin de semana no Estado español sitúan a cifra por riba dos 400 mil contaxios. Catalunya e Murcia endureceron as medidas de distanciamento físico, poñendo couto ás reunións sociais, eido onde os seus respectivos Gobernos sitúan o principal espazo de contaxio do virus.
O Ministerio de Sanidade comunicou esta segunda feira, 24 de agosto, 19.382 novos contaxios de coronavirus no Estado español detectados durante toda a fin de semana. Os novos datos fan que España supere xa a barreira dos 400.000 casos desde o inicio da pandemia, levando concretamente 405.436, fronte aos 386.054 rexistrados no informe anterior, correspondente á sexta feira. Madrid continúa a ser o foco máis grande e onde maior número de contaxios se rexistra. Dos 2.060 positivos das últimas 24 horas no Estado, 409 corresponden á rexión madrileña. Con todo, e a diferenza de Executivos como o catalán ou o murciano, o de Madrid evita impor restricións á mobilidade e limítase a recomendar reducir as "interaccións sociais innecesarias" como xuntanzas sociais e familiares. A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid reclamou "medidas urxentes" ao Goberno de Isabel Díaz Ayuso para loitar contra a extensión do virus, tales como reforzar a sanidade pública e tornar á fase 2 nas zonas máis afectadas. En Catalunya, onde se detectaron 84 novos positivos nas últimas 24 horas, o Govern vén de tomar medidas máis restritivas no eido social, que sitúa como espazo principal onde se producen os contaxios. Así, o Executivo de Quim Torra prohibiu as reunións de máis de 10 persoas, tanto no espazo público como no privado, a excepción do transporte e do ámbito laboral. A Generalitat pretende frear a curva do virus para en tres semanas, coincidindo coa fin da época das ferias, comezar con maior normalidade o curso escolar e a actividade económica. "Nestas tres semanas xogámonos todo o que pode pasar no outono ou no inverno", dixo Torra. Tamén o Goberno murciano puxo o foco nas reunións sociais, limitándoas a un máximo de seis non convivintes, após detectar nas últimas 24 horas 221 novos positivos. A pesar de estar por debaixo da media do Estado, Murcia toma esta medida ao seu Executivo asegurar que a maioría dos contaxios notificados prodúcense en bares, locais de ocio e casas familiares.
NOS_43094
Hai abertas tamén outras 13 de investigación procesual.
A Fiscalía Superior da Galiza mantén abertas sete dilixencias de investigación penal contra residencias por mor da xestión da crise sanitaria da COVID-19, iniciada no mes de marzo. Así o confirmou o fiscal superior, Fernando Suanzes, na súa intervención ante os medios tras presentar ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, a Memoria Anual da Fiscalía correspondente ao ano 2019. Ademais das sete dilixencias de investigación penal, Suanzes deu o dato de que nestes momentos continúan abertas outras 13 de investigación procesual, "é dicir, no ámbito puramente tuitivo" dos centros de maiores. "Trátase de ter unha maior protección dos nosos maiores", explicou o fiscal, quen tamén indicou que "durante todo este tempo de pandemia" iniciáronse, en total, ao redor de 20 dilixencias penais e outras 20 procesuais. Desde o mes de marzo, as autoridades sanitarias informaron de 329 falecidos diagnosticados de coronavirus que proviñan de xeriátricos -43,46 % das vítimas mortais rexistradas na Galiza-. Destes, 148 morreron nos propios centros. "Imparcialidade" Por outra banda, ao ser preguntado sobre os procedementos xudiciais relativos á pandemia, como a convalidación das restricións ditadas polas autoridades, Fernando Suanzes manifestou que a Fiscalía "sempre garante unha absoluta lealdade constitucional e institucional" con arranxo "a principios de imparcialidade e legalidade". "Baixo eses principios e baixo esa configuración, en todo o relativo á pandemia actuarase da mellor forma posible", insistiu.
NOS_29945
Nun contexto no que a Galiza ten reducido as persoas empregadas no sector agrario desde 550.000 en 1976 até 67.300 en 2021, investigadores das universidades galegas sinalan as potencialidades da recuperación de terras agrarias para superar problemas das áreas rurais como os procesos de despoboación e os incendios.
Eduardo Corbelle Rico, Edelmiro López Iglesias e Santiago Lago Peñas, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con Patricio Sánchez Fernández e José María da Rocha, neste caso da Universidade de Vigo (UVigo), publicaron este ano un artigo na revista Land Use Policy (Políticas de Emprego da Terra) titulado Pondo a terra a traballar: Unha avaliación dos efectos económicos de volver cultivar terras abandonadas. Tres de cada cinco persoas que abandonan o agro son mulleres Os investigadores das universidades galegas afirman que o "abandono de terras agrarias anteriormente cultivadas é un dos procesos dominantes de cambio nas áreas rurais de Europa". "En sistemas agrarios de baixa intensidade nos que os sistemas de cultivo se caracterizaran por un mosaico diverso de usos da terra", como acontecía no sistema agrario tradicional galego, "o abandono está asociado coa perda das tradicionais e ambientalmente valiosas paisaxes agrarias" explica o artigo científico. "O abandono do solo agrario é en gran parte concentrado nas montañas, nas rexións remotas, ou en rexións onde, por calquera outra razón, a agricultura se converte nun uso menos proveitoso da terra", proseguen os investigadores galegos. Descenso da actividade agraria na Galiza Neste sentido, segundo os datos dos Anuarios de Estatística Agraria, a Galiza pasou de ter máis de 550.000 persoas ocupadas no sector agrario en 1976 a ter tan só 67.300 no ano 2021, nun dato, este último, que comprende agricultura, gandaría, caza, silvicultura e pesca. Esta diminución de persoas ocupadas no sector agrogandeiro é sinal da caída da rendibilidade do uso agrario da terra na Galiza durante o último cuarto do século XX e o primeiro do XXI. O prezo do leite na Galiza atópase á cola do Estado "A evolución negativa da renda agraria viuse compensada por unha rápida diminución dos ocupados no sector agrario", explica o profesor de Historia Económica da USC David Soto Fernández. Unha renda agraria que pasou de achegarse aos 3.500 millóns de euros en 1976 (a prezos constantes de 2019) a alcanzar 1.831 millóns de euros en 2019. Recuperación dos usos agrícolas na Galiza No caso da Galiza, conclúen os investigadores da USC e da UVigo, os procesos de recuperación de terras agrarias abandonadas "poden aumentar significativamente o Valor Engadido Bruto da agricultura coma un efecto directo". Porén, o efecto económico total, estiman, sería "máis alto debido ao efecto multiplicador que o aumento da produción no sector agrario causaría noutros sectores económicos". Ademais, "o incremento do efecto sería moito maior se o estimamos a longo prazo", engaden nas súas conclusións. As empresas seguen afogando as explotacións agrarias con prezos baixos Non obstante, sinalan, "mentres que o efecto na economía galega sería relevante, este sería moito máis facilmente apreciábel a nivel local". Aínda que os custos totais de desenvolver as políticas de promoción da recuperación das terras agrarias non están calculados nesta investigación, os autores afirman que "os efectos beneficiosos na economía alcanzan un limiar tan considerábel" que o investimento nestas políticas "non tería un custo práctico comparabelmente alto". Sobre a recuperación de terras agrarias en terreos montañosos, unha práctica que foi historicamente relevante na Galiza durante séculos e que aínda é practicada en determinadas zonas do país, o estudo sinala que "os impactos económicos serían máis significativos". Ademais, explican, "a cantidade de terra dispoñíbel para a recuperación agraria é normalmente máis alta nestas áreas (aínda que a conveniencia para a agricultura sería máis baixa debido aos constrinximentos biofísicos)". A gandaría extensiva, remarca esta investigación, tamén pode ser empregada en áreas rurais como unha medida "para reducir a vexetación invasiva, para mellorar a diversidade a nivel paisaxístico e para reducir o risco de incendios".
NOS_39227
O país mantense fechado por medo á Covid, coa poboación sen inocular.
O relator especial de Nacións Unidas sobre a situación dos dereitos humanos en Corea do Norte, Tomás Ojea Quintana, pediu onte que a comunidade internacional envíe 60 millóns de doses da vacina contra a Covid-19 a Corea do Norte para axudala "a saír do illamento". Tamén, que se relaxen as sancións que pesan sobre o país ante a ameaza de falta de alimentos. O chamamento produciuse no marco das preocupacións por que a aparente negativa de Pyongyang a relacionarse co mundo exterior, debido á pandemia, empeorará os seus problemas económicos e as condicións de dereitos humanos, ademais de obstaculizar a diplomacia nuclear. Nunha conferencia de prensa desde a capital surcoreana, Seúl, Ojea detallou que as doses cubrirían polo menos dúas inxeccións por cidadán norcoreano. Neste sentido, insistiu en que a provisión de vacinas proposta é "a chave" para abrir as fronteiras norcoreanas, segundo recolleu a axencia de noticia surcoreana Yonhap. Temor a condicionantes Segundo o relator da ONU, Corea do Norte parece rexeitar as vacinas asignadas ao país a través do mecanismo Covax. Segundo indicou, as autoridades norcoreanas temen enfrontarse a "algún tipo de presión" por parte do exterior. É dicir, sospeitan que poderían recibir soamente unha cantidade parcial das vacinas e despois estaren suxeitos a algún tipo de condicionante para recibir o resto. Corea do Norte sostén que non rexistra ningún caso da Covid-19. Aínda que non comezou coa campaña de vacinación, empregou estritos controis fronteirizos no que semella ser un sinal de cautela pola pandemia. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) Corea do Norte efectuara en 2020, primeiro ano da pandemia, 13.259 tes da Covid-19, que devolveu todos negativos.
NOS_1734
Así o recolle o anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministr@s que outorgará ao executivo español a última palabra nos acordos internacionais asinados entre as comunidades e outros Estados
O anteproxecto de lei deseñado polo ministro de Asuntos Exteriores impedirá que os territorios poidan asinar acordos de carácter vinculante e outorga ao Estado a prerrogativa de dar dar o visto e prace nos máis habituais e de carácter non normativo --MOU, nas súas siglas en inglés (Memorandum of Understanding). Isto é, acordos políticos que non vinculan economica nin xuridicamente aos territorios. Embora os acordos se cinxan ás competencias exclusivas das comunidades autónomas, o executivo español terá a última palabra de existiren discrepancias entre as administracións autonómica e estatal. Neste senso, e segundo recolle o propio texto, "o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación proporá a súa resolución ao Consello de Ministros", sendo este o órgano que dilucide a controversia. Galiza é a terceira comunidade que máis acordos internacionais leva asinados (47 entre 1990 e 2010) após Catalunya (54) e Andalucía (86) A nova norma supón unha importante mudanza a respeito da lexislación anterior pola cal o Goberno español só podía recorrer ao Tribunal Constitucional para impedir a sinatura dun tratado internacional entre as autonomías e outros Estados. No entanto, os conflitos que chegaron a mans da xustiza remataron por ser resoltos de maneira favorábel ao goberno español. Este foi o caso do tratado asinado entre a Xunta de Fernández Albor e o goberno de Dinamarca en 1985; sentenza na que se ampara o executivo de Mariano Rajoy para impor o seu veto. Galiza é a terceira comunidade que máis acordos internacionais asinou (47 entre 1990 e 2010) após Catalunya (54) e Andalucía (86). Moitos dos acordos acadados polo noso país teñen a ver coa área económica Galiza-Norte de Portugal --recoñecida pola Unión Europea-- e nos, que após a entrada en vigor da reforma, Madrid terá a última palabra.
PRAZA_10596
O pacto que pon fin á folga contempla o reforzo dos cadros de persoal dos puntos de atención continuada, que deberán ter equipos completos, e a equiparación dos complementos por nocturnidade e festividade co persoal das urxencias hospitalarias. O acordo inclúe unha das reivindicacións máis básicas do persoal: o vestiario e materiais de protección no traballo
Ano e medio de mobilizacións e sete meses de folga despois, o persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Servizo Galego de Saúde logrou a práctica totalidade das súas reivindicacións. A representación sindical e o comité de folga do persoal médico e de enfermaría dun dos elos máis febles do sistema sanitario, as urxencias de atención primaria, asinou este 17 de xullo co Sergas a acta que pon fin ao conflito e que arrinca da Consellería de Sanidade practicamente todos os compromisos que o persoal reclamaba.Alén dos acordos retributivos e de carga de traballo, o acordo que pon fin á folga inclúe unha das reivindicacións máis básicas do persoal: o vestiario e materiais de protección no traballoDúas dietas de manutención para os servizos de 24 horas incluíndo domingos e festivos ou a fin da non derivación de pacientes ao hospital como obxectivo de "produtividade" figuran nun acordo que fixa tamén por escrito unha das reivindicacións máis básicas do persoal: o vestiario e materiais de protección para o traballo. Se a Xunta cumpre, neste 2019 o persoal dos PAC recibirá equipos de protección individual -calzado de seguridade, prendas de roupa, cascos- cunha "imaxe corporativa única" e seguindo as directrices en materia de riscos laborais. Tamén fica reflectido no pacto que pon fin á folga a obriga de que todo o persoal, tamén o temporal, poida contar co número de uniformes "necesario". Isto inclúe, daquela, que fique garantida a existencia dun uniforme limpo para ser mudado cando corresponda.Noutros dos aspectos básicos do conflito, a sobrecarga de traballo, o persoal conseguiu que Sanidade se comprometa a realizar un estudo de carga asistencial. O acordo remítese á normativa de 1995 segundo a cal cada facultativo non debera superar unha presión asistencial media de 30 urxencias por garda e comprométese a fixar novas normas tendo en conta criterios como a distancia de cada PAC ao hospital, o número de desprazamentos habituais ou a idade da poboación atendida para "crear as prazas necesarias".O pacto que pon fin á folga contempla o reforzo dos cadros de persoal dos PAC, que deberán ter equipos completos, e a equiparación dos complementos por nocturnidade e festividade co persoal das urxencias hospitalariasAprobar plans funcionais "de revisión anual" conforme ao aprobado no ano 2008 é outro dos compromisos que a Xunta di asumir nun documento no que o persoal tamén logra reflectir que no caso de eventos especiais -como festas, acontecementos deportivos ou temporadas turísticas- os PAC que correspondan poidan recibir os reforzos "que resulten precisos" tanto en medicina como en enfermaría. Nesta liña, o acordo contempla tamén a necesidade de que os PAC conten con equipos completos nas devanditas categorías, a comezar polos centros onde "hai un único efectivo de enfermaría".O acordo asinado este 17 de xullo pon fin tamén ao conflito en materia de complementos por nocturnidade e festividade, toda vez que o persoal dos PAC reclamaba a equiparación co persoal das urxencias hospitalarias. Segundo o recollido no documento asinado, entre 2020 e 2021 producirase esa equiparación ata "acadar os valores actualizados correspondentes". Na actualidade nas urxencias hospitalarias este complemento é duns 5 euros á hora para persoal médico e 4 en enfermaría por nocturnidade, e de 9 e 12 por festividade. Mentres, nos PAC a nocturnidade do persoal médico é de 4 euros e na enfermaría non chega aos 3, mentres que a festividade non é de 9 para médicos e de 7 para a enfermaría, detallan os sindicatos. O compromiso asinado agora é que en 2020 o persoal dos PAC reciba o 80% da diferenza cos actuais valores do hospital e en 2021, o 100%.
NOS_43189
Hai 2 anos, o número 0 de Sermos Galiza saía á rúa e non por acaso foi un 17 de Maio.
Unha rúa ateigada de xente. Unha foto en branco negro. No recanto inferior dereita ábrese a cor. Unha muller porta un cartaz. Unha lenda sinxela. Eu + un corazón+ Galego. Esa foi a imaxe de apresentación do número 0 de Sermos Galiza, que chegou ás rúas da Galiza o 17 de Maio de 2012, hai 2 anos, cando se fixo un reparto masivo no meio da multitude que asistiu á manifestación convocada por Queremos Galego. Eu + un corazón + Galego. Toda unha declaración de principios. Aquel número -disponíbel na nosa loxa debalde- é xa parte da historia do máis recente xornalismo galego, toda unha declaración de principios, vocacionalmente dirixida a recriar -após o desaparecimento de sucesivas cabeceiras- o espazo de comunicación galego e en galego. Vocacionalmente dirixida a dar voz a aquelas e a aqueles que na nosa nación non a teñen porque non llela prestan nen os poderosos nen os seus meios. "Temos a convicción de que, neste tempo e neste País, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio como o que soñamos apenas será unha realidade perdurábel co compromiso activo dos lectores e lectoras" Aquelas vibrantes 16 páxinas contiñan artigos de persoas moi comprometidas co noso país e a súa lingua, co erguemento de alternativas que nos devolvan a dignidade como pobo e que rachen coa nosa dependencia secular. Persoas como Néstor Rego, Teresa Moure, Carlos Callón, Sés, Neira Vilas, Carlos Quiroga...E unha viñeta, a primeira, de Xosé Lois, un dos grandes do humor gráfico desta nación, o autor do lendario Carrabouxo. Unha frase resume o alento daquelas páxinas: "Temos a convicción de que, neste tempo e neste País, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio como o que soñamos apenas será unha realidade perdurábel co compromiso activo dos lectores e lectoras. Aquí todos os corazóns son necesarios". 97 números Dous anos despois, aquel número 0 tivo 97 entregas posteriores. O Sermos Galiza vai camiño do número 100. Xa non son 16 páxinas, senón 40, nunha aposta editorial por agrandarmos a Comunidade Sermos. Si, Comunidade Sermos, porque se algo é este meio de comunicación é un meio comunitario, das súas e dos seus suscritores, das súas e dos seus case 900 accionistas, das súas e dos seus leitores. Pois ben, xusto no momento en que nos achegamos ao número 100, e dentro da campaña Amígate con Sermos, Sermos Galiza pon en marcha unha nova iniciativa para tornar máis económico o acceso ao noso xornal impreso, hoxe o único semanario en galego que se edita no país. Destarte, apartir da pasada quinta feira, é posíbel subscribirse ao Sermos Galiza por só 12 euros ao mes, através da nosa nosa loxa.
PRAZA_8710
O colectivo Corcoesto Sí, Mina Sí mobilízase xunto a USO en apoio do proxecto mineiro e para rexeitar "o incumprimento de prazos da Xunta" e o "rexeitamento absoluto á minería de grupos ecoloxistas e nacionalistas"
A asociación veciñal Corcoesto Sí, Mina Sí manifestarase neste Primeiro de Maio en Madrid "para amosar o seu apoio ao proxecto da mina de Corcoesto" e "reivindicar o seu dereito a un traballo digno". Farao, ademais, acompañada e apoiada pola USO (Unión Sindical Obreira), central que nos últimos tempos ten amosado o seu total apoio á polémica mina a ceo aberto que conta con numerosos colectivos sociais, cidadáns e sindicais en contra. A asociación maniféstase xunto a USO a favor da mina a ceo aberto en Corcoesto Segundo asegura nun comunicado esta agrupación, a iniciativa xorde "a raíz do incumprimento dos prazos prometidos pola Xunta de Galicia para a aprobación do proxecto mineiro" e tamén para protestar "contra a postura de rexeitamento absoluto" por parte de "grupos políticos ecoloxistas e nacionalistas" a toda a minería, o que, segundo eles, "implicaría un atraso económico extremo para Galiza (sic)". Critican o rexeitamento de "grupos nacionalistas e ecoloxistas" que condenan a Galicia "a un atraso económico extremo" Así, a Asociación Vecinal Corcoesto Sí, Mina Sí sairá da coruña ás 2.30 da madrugada para acudir á manifestación que se celebrará en Madrid e tamén logo a unha concentración "onde haberá casetas con produtos gastronómicos de cada comunidade autónoma".
NOS_33068
Centrada en servizos de mantemento, seguridade e limpeza e vencellada ao Partido Popular, Eulén está facéndose coa xestión de centros culturais como o Teatro Jofre ou o Colón da Coruña, concesión que a Deputación formalizará o día 27.
A concesión da xestión do Teatro Colón da Coruña por parte da deputación provincial ao Grupo Eulen, que se formalizará o 27 de abril, sacou a relocir os vínculos deste grupo empresarial, centrado en servizos de mantemento, seguridade e limpeza, co Partido Popular. A xestión do Colón non é a única adxudicación a Eulen no campo da cultura nos últimos tempos en Galiza. Días atrás o concello de Ferrol entregáballe a xestión dos equipamentos culturais da cidade, incluído o Teatro Jofre.O pasado 13 de abril o concelleiro Manuel Reyes García Hurtado avanzaba a proposta da mesa de contratación do concello de Ferrol coa intención de adxudicar a Eulen a xestión dos equipamentos culturais de referencia da cidade. Entre eles, o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester e o futuro auditorio municipal situado no barrio de Caranza. Os pregos establecen que, ademais dos servizos que por eficacia e operatividade deberá desenvolver a empresa adxudicataria corresponderanlle " a xestión da programación e produción de eventos e a atención permanente ás exposicións nos centros culturais". O importe anual da adxudicación supera o medio millón de euros.Se no concello ferrolán a de Eulen foi a única proposta admitida para optar á contratación mencionada, na Coruña a concesión do xestión do Teatro Colón durante os próximos cinco anos por parte da deputación resulta máis chamativa. Presentáronse dúas ofertas para xestionar este emblemático espazo. Ademais da de Eulen, asociada nesta ocasión cunha empresa madrileña de carácter técnico (Gestión de Espacios Culturales y de Ocio) e unha produtora musical canaria (Una Hora Menos Producciones), a oferta máis ventaxosa economicamente foi presentada por Cávea Producións. Alén do aspecto monetario, a empresa dirixida por Ramón Barros e participada ao 100% pola caixa galega tiña o aval da experiencia. Levaba desde 2007 xestionando o Colón cun haber de cen mil espectadores no ano 2011. Cávea tería adxuntado na súa proposta máis de trinta cartas de empresas de produción teatral e musical que avalarían a súa xestión co compromiso de continuar a liña de traballo coa empresa dirixida por Barros, quen foi responsable do Instituto Municipal Coruña Espectáculos até 2006.Mentres a oferta encabezada por Eulen bota man do 100% da cantidade a aportar pola entidade provincial, ou sexa un máximo de 300.000 euros anuais, a oferta de Cávea comprometíase a utilizar só un 21% desa cantidade, conseguindo o resto dos fondos necesarios para xestionar o proxecto a través dos ingresos de billeteira e patrocinios. A proposta da UTE encabezada por Eulen comprométese a programar durante 152 días ano ano fronte aos 91 mínimos que establecían os pregos e que garante Cávea. Fontes consultadas no sector aseguran que atendendo aos pregos e condicións do concurso, a proposta de Eulen resulta "inverosímil" e só se pode entender desde o descoñecemento do sector ou desde a intención de traballar "fóra de prezos".Galicia conta cun convenio colectivo propio de empresas de eventos, servizos e producións culturais (DOG do 28 xullo de 2010) cuxo ambito funcional de aplicación atinxe "ás empresas e aos seus traballadores e traballadoras que na Comunidade Autónoma de Galicia realicen actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, educativo, social e de entretemento, destinados a ser executados en locais pechados ou a ceo aberto e en xeral todas as actividades preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluídas as actividades comerciais, de representación de artistas, distribución de eventos e management". O texto establece grupos profesionais e mínimos salariais; fóra deles só é posible traballar neste ámbito xustificando perdas ou con categorías profesionais alleas ao convenio.Dinamización xuvenil e modelos de Belas ArtesEn decembro de 2009 o daquela portavoz do BNG Carlos Ameyrich sinalaba con nomes e apelidos á irmá do presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, como un factor clave para entender á adxudicación da xestión dos centros do día ao Grupo Eulen. Tamén no ámbito da política social, en xaneiro de 2011 a Consellería de Traballo e Benestar adxudicaba ao grupo de limpeza e seguridade o contrato de programación e xestión do proxecto Rede de Espazos Xoves de Dinamización Xuvenil e Emancipación cun orzamento base de 334.966 euros. Facíase tras desisitir dunha licitación de agosto de 2010 (DOG do 15 de setembro de 2010) que non se axustaba á legalidade. A rede ten en entre os seus cometidos ofrecer orientación profesional e sociolaboral para as mozas e mozos que buscan emprego; asesoramento en materia de formación e sobre a posta en práctica de ideas emprendedoras e proxectos empresariais.Nos últimos días Eulen tamén se fixo co contrato de servizo de modelos en vivo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra para o periodo comprendido entre o 1 de marzo de 2012 e o 1 de marzo de 2013 cun gasto máximo para este ano de 99.641,67€. Neste caso, a empresa competidora no concurso, Arte Nu, foi excluída do proceso ao cometer un erro que contraviña as claúsulas administrativas. Co que non contaban os modelos que viñan prestando este servizo na universidade viguesa é que Eulen non subrrogase os seus contratos, como así lles foi notificado ao reincorporarse ao traballo tras as vacacións de Semana Santa. Eulen xestiona este mesmo servizo na Universidade de Sevilla, cuxos modelos protagonizaron unha folga o pasado ano debido á baixo prezo pagado por hora e á non consideración de fixos-discontinuos por parte da empresa.O Grupo Eulen e o PPEulen parte dunha empresa de limpeza fundada en Bilbao en 1962 polo leonés David Álvarez Díez e é hoxe unha multinacional con presenza en América Latina, Estados Unidos e Portugal. Segundo os seus propios datos, cun cadro de persoal composto por máis de 80.000 persoas. Entrou no século vinte e un centrada en servizos de mantemento, limpeza e seguridade, cun só capricho empresarial; as adegas Vega Sicilia. Pero pouco a pouco -en boa parte debido a súa presenza na limpeza e seguridade de museos e centros educativos e culturais- foi asumindo labores relacionadas co ocio e coa cultura. Este foi o caso do Museo de Arte Contemporánea de Castela-León, o MUSAC, onde asumiu o baleiro das administracións na contratación de persoal específico dun centro de arte; o mesmo esquema repetiuse na asunción da xestión de escolas infantís na Rioxa e en Madrid.Unha alta porcentaxe da facturación de Eulen ven dada polas administracións públicas -gobernadas por distintas cores políticas-, se ben é inegable que as relacións deste grupo empresaria co Partido Popular trascenden a presenza dunha familiar do presidente da Xunta de Galicia e veñen de lonxe. O que foi ministro do Interior popular, Jaime Mayor Oreja, ingresou na empresa no ano 1981 -cando exercía como vicepresidente da mesma, o ex ministro de Interior Rodolfo Martín Villa- aínda que sempre negou calquera vínculo coa auxe experimentado pola seguridade privada en diferentes partes do Estado español. O ex presidente José María Aznar -xunto a Mayor Oreja e o presidente de Castela-León Juan Vicente Herrera- foron convidados á voda de María José Álvarez, filla do dono do Grupo Eulen, celebrada en xullo de 2008 nunha finca leonesa situada moi preto de San Glorio. Nesta paraxe natural o empresario leonés, que declaraba hai uns anos vivir baixo os preceptos cristiáns, promovía unha estación de esqui co apoio do governo autonómico e a oposición de ecoloxistas e do Tribunal Superior de Xustiza de Castela-León, avalado recentemente polo Supremo.
PRAZA_20823
Este venres detectáronse 187 casos activos máis dos que había o pasado 22 de decembro. Hai seis escolas infantís pechadas na súa totalidade e 19 aulas sen actividade por mor dos contaxios de coronavirus.
O pasado 22 de decembro foi o derradeiro día de clase do primeiro trimestre do curso escolar. Nesa xornada o número de casos activos de Covid-19 nos centros educativos galegos era de 846, unha cifra semellante á das dúas semanas anteriores, despois de superar o pico de positivos provocado pola segunda onda da pandemia (1.307 casos o 7 de novembro). Naquel 22 de decembro había, ademais 53 aulas pechadas e 3 centros clausurados temporalmente pola presenza de casos positivos de coronavirus.Este venres detectáronse 187 casos activos máis dos que había antes de marchar de vacacións de NadalEste venres tivo lugar o regreso ás clases, dando inicio ao segundo trimestre do curso, pois a diferenza do decidido por outras comunidades autónomas, a Xunta optou por non adiar esta volta ás aulas. Neste reinicio das clases detectáronse un total de 1.033 casos positivos entre a comunidade educativa, 187 máis dos que había o 22 de decembro, un incremento motivado polos contaxios producidos fóra dos centros de ensino durante as vacacións de Nadal.Hai seis centros de ensino pechados na súa totalidade, a cifra máis elevada dende o inicio do cursoAínda que o número de casos é maior, a cifra de aulas pechadas é moito menor, ao non detectarse gromos en circulación dentro das clases (os contaxios producíronse fóra). Son unicamente 19 as aulas pechadas, unha das cifras máis reducidas dende o pasado mes de setembro. Con todo, haberá que agardar á evolución nos vindeiros días e á posible aparición de máis contaxios.Segundo informa a Xunta de Galicia, hai, ademais, seis centros de ensino pechados na súa totalidade, o que supón o número máis elevado dende o inicio do curso (nunca se superara a cifra de 4). Trátase de seis escolas infantís: E.I Cáritas Tui-Vigo (Vigo), E.I Mi Primer Paso (Tomiño), E.I Chiquis (Pontevedra), E.I Cogumeliños (Ourense), E.I Barrio Sésamo 4 (Lugo) e E.I Popote (Teo).O CPR Plurilingüe Compañía de María de Compostela é o centro con máis positivos neste momento (11)Na seguinte gráfica pódese consultar a relación completa de centros educativos nos que se detectou algún positivo de coronavirus activo entre o alumnado ou profesorado. O CPR Plurilingüe Compañía de María de Santiago de Compostela é o centro con máis positivos neste momento (11), seguido do IES de Valga, o CEIP da Torre-Illa (A Illa de Arousa) e o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago (Vigo), con 8 casos cada un.Ademais, hai 17 centros que teñen algunha aula pechada, destacando dúas escolas infantís de Burela e Tomiño por ser a única que teñen máis dunha clase clausurada.Un total de 142 concellos contan con algún positivo entre as comunidades educativas dos seus centros de ensinoUn total de 142 concellos contan con algún positivo entre as comunidades educativas dos seus centros de ensino. Están encabezados polas sete cidades: A Coruña (123), Vigo (98), Compostela (72), Ourense (55), Ferrol (31), Lugo (28) e Pontevedra (28), pero tamén Arteixo, Boiro, Ribeira e Vilagarcía contan cunha vintena de casos activos cada un.
NOS_37092
Máis de 483.000 galeg@s tiveron que marchar do país nestes 24 anos. Os exercicios con maior número de emigrantes foron 2013, 2014 e 2011. Unha sangría sen comparación na contorna.
Vigo, Ourense e Ferrol totalmente baleiras, sen un só habitante nos barrios, parroquias ou lugares destes tres concellos. É un equivalente do impacto que supuxo a emigración galega nestes últimos 24 anos, desde 1990 a 2014. Un período no que marcharon de Galiza 483.680 persoas, o equivalente aos e ás habitantes dos tres concellos xuntos, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). A suma das persoas censadas segundo o IGE a xaneiro de 2014 en Vigo era de 294.997, en Ourense de 106.905 e en Ferrol eran 70.389. Dá, pois, un resultado de 472.291 persoas, 11.000 menos de todas as que tiveron que emigrar do noso país nestes 24 anos. Así que se pode dicir que a xente que tivo que marchar nese período equival aos habitantes de Vigo, Ourense, Ferrol e, por exemplo, Ribadeo (10.000 habitantes). Por poñer outro exemplo, o número de persoas que emigraron desde 1990 é como se desaparecesen todos os habitantes da provincia de Lugo (342.748 persoas) e unha oitava parte dos da provincia de Ourense (ou sexa: 40.000 dos seus 322.000 habitantes). Mais esa cifra de 483.680 pode ser aínda superior. Nas estatísticas de emigración de 1990 a 2014 do IGE non hai dados no que se refire á emigración exterior (á que vai fóra do Estado español) nos anos comprendidos entre 1990 e 2001. Nese período marcharon do país 136.000 galeg@s con destino a outras partes do Estado, mais non hai dados dos que tiveron que irse fóra do Estado español, que os houbo. O ritmo de emigración non deixou de medrar nestas máis de dúas décadas. Así, na década comprendida entre 1990 e 2000 a media de persoas que tiveron que abandonar Galiza foi de por volta de 11.000 cada ano. Mais na década seguinte (2001-2009) ese fluxo aumentou a case 24.000 persoas cada ano. E entre 2010 e 2014 foi de perto de 30.000 en cada exercicio. De feito, desde 2010 os anos nos que máis emigración se deu foron os de 2013, 2014 e 2011. Sumados estes tres exercicios dan máis de 91.000 persoas. O equivalente, seguindo co exemplo das cidades, a case todos os habitantes de Compostela. Entre 3 anos, pois, perdemos tantas persoas por ter que emigrar como habitantes ten a capital da Galiza.
NOS_4610
Forma parte da campaña da plataforma Vía Galega 'Galiza: un Pobo, unha selección'.
Unha comisión formada por 34 persoas, na súa maioría ligadas ao mundo do deporte, presentou nesta cuarta feira no Parlamento galego unha proposta de Proposoción Non de Lei que recoñeza o "dereito, interese e necesidade" das seleccións deportivas galegas a competir en eventos e torneos internacionais. Así o informou nun comunicado a plataforma Vía Galega, quen sinala non seu escrito que esta proposta, presentada na Cámara galega mediante o procedemento de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), forma parte da campaña 'Galiza: un Pobo unha selección' que está a desenvolver. Tal e como explica Vía Galega, unha vez presentada a proposta, esta debe ser admitida a trámite. Despois disto, a Mesa do Parlamento galego trasladará a ILP á Xunta Electoral, para que esta a súa vez se encargue da tramitación da recollida de sinaturas. Para que poida ser tratada na Cámara, debe contar cun mínimo de 2.500 sinaturas. Entre os integrantes da comisión promotora desta iniciativa, destacan a subcampioa Estatal junior de Decatlón, Alba Cuba Dorado; a primeira muller árbitra de balonmán en Europa, Cristina Fernández Piñeiro; o responsábel de Deportes de Nós Diario, Héctor Pena Taboada; ou o coordinador da Federación de Peñas do C.D. Lugo, Román Sánchez Basteiro. Proposta de Vía Galega De ser admitida a trámite e posteriormente aprobada a proposta de Vía Galega, o Parlamento instaría a Xunta a "tomar as medidas necesarias para que "a Galiza teña o dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional en todas as modalidades, categorías e disciplinas deportivas". Tamén recolle a petición de que "os nosos e as nosas deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio", ademais de que "se conformen seleccións galegas femininas e masculinas en todas as categorías e disciplinas deportivas". Por último, a proposta incide en que "se galeguice o deporte e se promova a normalidade lingüística neste ámbito", e que "se impulse a igualdade de xénero mediante a participación da muller na práctica do deporte e coa conformación de seleccións e competicións femininas".
NOS_11331
Quintana Martelo traballa desde 2021 nunha serie, Containers, que toma como motivo os colectores que atopa nas rúas das cidades que visita. Unha mirada sobre os restos das urbes, antes vistas como emblema da modernidade. A serie, practicamente inédita, pode verse agora no MARCO de Vigo.
Dicía Walter Benjamin de Baudelaire que fora "facer botánica ao asfalto". Con Baudelaire, a cidade comeza a ser a protagonista da poesía e da arte, e o artista transfórmase nun flâneur, un paseante aparentemente ocioso que observa e, de volta á casa ou ao taller, crea. A exposición que vén de inaugurarse no Marco de Vigo e que poderá verse até o 27 de febreiro de 2022, Manuel Quintana Martelo. Containers, podería ser o testemuño da última reencarnación desa figura do flâneur, só que agora a cidade xa non ten o halo fundacional que tiña na época de Baudelaire. Xa non anuncia ese tempo novo que inauguraría a modernidade: ao contrario, o moderno comeza a perder atractivo e o urbano, tal e como se entendía até o de agora, comeza a observarse como algo do pasado, unha etapa que é necesario deixar atrás ou, polo menos, refundar. Durante os últimos anos, Quintana Martelo realizou unha serie de obras no que o motivo principal son os colectores das cidades que visita. A mostra do Marco expón esta serie practicamente inédita a carón de bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas, que permiten coñecer o proceso creativo do artista. Segundo o comisario da exposición, Juan Manuel Bonet, poden ser vistos como "presenzas escultóricas" ou como "bodegóns urbanos". Guy Debord -o pensador que levou a actividade do flâneur á práctica política- escribía, citando a Marx: "A xente non ve nada ao seu redor que non sexa a súa propia imaxe; todo lles fala de si mesmos". Talvez definilos como bodegóns sexa adecuado, mais uns bodegóns que falan da cidade como restoballo, testemuñas mudas dunha estrutura que se achega á súa fin. Unha cidade é moitas cousas, mais tamén é un mapa mental, unha estrutura de percepción e pensamento: Guy Debord -o pensador que levou a actividade do flâneur á práctica política- escribía, citando a Marx: "A xente non ve nada ao seu redor que non sexa a súa propia imaxe; todo lles fala de si mesmos". Que os colectores sexan o reflexo dunha sociedade parece demasiado elocuente como para facer comentarios: a fin do soño do crecemento continuo xa se encarga e poñer os límites ao optimismo. En certo sentido, Quintana Martelo está pintando as ruínas do porvir. Especulación sobre o futuro Non obstante, a mirada que posúe a perspicacia de atopar unha imaxe que resume o estado das cousas, é quen de ver tamén eses indicios de beleza que permiten que o artista continúe a facer unha crítica simbólica sen perder de vista a función do seu traballo. Os colectores son o resto de algo que non coñecemos, que só logramos intuír. E ese misterio é a sombra dos medos e as angustias que nos asexan desde o pasado, mais tamén permiten a especulación sobre un futuro menos sombrío. A serie de Quintana Martelo tamén ten un algo de rexistro compulsivo dunha realidade inaprehensíbel, condenada á desaparición. Rexistro da realidade A serie de Quintana Martelo tamén ten un algo de rexistro compulsivo dunha realidade inaprehensíbel, condenada á desaparición. A inclusión da imaxe fotográfica nestas obras redunda nese prurito de deixar constancia de que o modelo existiu. E tamén iso ten a ver co noso tempo, tan fascinado por documentar calquera cousa que anuncie a súa caducidade: ou sexa, todo o material. De feito, hoxe a aguda visión do flâneur foi xa substituída pola mirada alelada do turista: quizais non é unha fantasía predicir un novo "turismo de colectores" buscando algo que poida ofrecer un significado polas rúas das nosas cidades. Se cadra, este arquivo artístico será o que poida dar fe no futuro dun mundo que hoxe percibimos en decadencia: a ruína que habitamos.
NOS_41392
A compra inmobiliaria volve ser obxectivo das galegas e galegos malia que a crise sanitaria non rematou, pois durante o mes de maio as operacións chegaron a dispararse por enriba do 128%. Así o destaca un informe do Consello Xeral do Notariado.
A poboación galega, e quizais tamén de fóra do país con interese por mudarse ou pasar tempo aquí, vén de dar un impulso a compra e venda de vivendas como revelan os datos que manexa o colectivo de notarias. Quizais es ti unha das persoas que apostou de novo no investimento inmobiliario debido, por exemplo, a pequena rebaixa detectada nalgúns bens que están en mans da Sociedade de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) -e que se distribúen agora a través de catro grandes axencias- aos que se intenta dar saída con ansia. Tamén algunhas promotoras e particulares están a facer publicidade de bolsas de bens novos ou de segunda man. Tamén hai xente que continúa a mercar casa no campo como reacción á pandemia que deixou a sociedade pechada nos pisos durante meses. O certo é que sexa cal sexa a motivación da cidadanía para comprar, o interese está presente e chega a materializarse en acordos. Un informe do Consello Xeral do Notariado destaca que na Galiza os expedientes creceron por enriba do 128% en maio. O movemento, segundo as e os expertos, é algo maior neste territorio do Estado posto que a media de todas as zonas fala dun ascenso do 124,5%. O custe xeral por metro cadrado das casas que se venderon baixou un 3,6% interanual, até os 1.429 euros por metro cadrado. Curiosamente, a pesar da explicación da pandemia, disparouse tanto a venda de pisos como de fogares unifamiliares. En consecuencia, fontes do Consello Xeral do Notariado, tamén confirman que se concederon máis préstamos hipotecarios que no período de referencia.
NOS_54921
O Tribunal Supremo dá a razón á Xunta e reafirma nos seus aspectos básicos o fallo do Tribunal Superior de Xustiza galego en relación ao decreto que limita a presenza do galego no ensino.
Foi a propia Consellaría de Educación da Xunta de Galiza quen se encarregou de informar que o Tribunal Supremo non estima o recurso de casación interposto pola Real Academia Galega contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O Supremo avalaría a legalidade do decreto do plurilingüismo, unha norma legal que, coa coartada da introdución do inglés no ensino público galego, reduce a presenza do galego nas aulas. A RAG presentara en primeira instancia un recurso contra este decreto face o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta instancia xudicial desestimou o groso da demanda da Real Academia Galega, se ben si que tivo en conta dúas das súas alegacións ao negar o carácter vinculante da consulta aos pais sobre en que lingua deben impartirse nas aulas e ao considerar que tampouco se axustaba a dereito a pretensión da Xunta de que o alumnado puidese elixir libremente a lingua en que se expresar durante o seu desempeño académico. Porén, o TSXG si avalaba o decreto no seu contido fundamental: a redución das horas lectivas do galego, emparellado á baixa coa lingua inglesa. Foi por iso que a RAG decidiu presentar un recurso de casación perante o Tribunal Supremo. O Alto Tribunal vén agora rexeitalo e, portanto, vén avalar a doutrina sentada polo TSXG.
NOS_56260
A Associação Portuguesa de Produtores de Leite e Carne (APPLC) critican a ausencia de vontade política para resolver os problemas do sector leiteiro.
O vindeiro 23 de agosto unha marcha lenta de tractores percorrerá localidades de Aveiro para denunciar a difícil situación que desde hai meses atravesan os produtores de leite e carne portugueses e a ausencia de vontade política na Unión Europea "para atacar o problema de fondo". A A Associação Portuguesa de Produtores de Leite e Carne (APPLC) afirma que o único que a UE fai no medio dun problema tan importante é ofrecer "farangullas", "pequenas subvencións" que non resolven os problemas. A UE non é allea ás causas da crise no sector leiteiro, denuncian na Applc, que lembra o remate das cotas nos estados membros e o fechamento de numerosas explotacións gandeiras. Os produtores de leite e carne defenden igualmente que "Portugal non precisa de diminuir a produçción porque produz de acordo coa súa necesidade de consumo", e aposta na regulación pública da produción nos diferentes estados membros da UE. Nos últimos meses os gandeiros portugueses protagonizaron diferentes mobilizacións e protestos ante a crise que atravesa o sector.
PRAZA_2466
A especie desapareceu hai máis dunha década en Galicia. SEO/BirdLife e WWF alertaron este luns da regresión do número de exemplares en toda a Península e demandaron medidas drásticas para evitar a súa extinción no Estado.
Houbo un tempo, non hai moito, en que a pita do monte era o símbolo dos Ancares. Aínda se poden ver algunhas imaxes deste fermoso animal nalgunha web turística e, por exemplo, segue a nomear un hotel nas Nogais. Pero hai xa algúns anos que nos hai pitas do monte en Galicia e as últimas foron vistas hai máis dunha década. SEO/BirdLife e WWF alertaron este luns da regresión do número de exemplares en toda a Península e demandaron a adopción de medidas drásticas para enfrontar o elevado risco de extinción no Estado. O informe cualifica a situación de "moi grave", confirmando a desaparición da especie de Galicia e de amplas zonas de Castela-León, cunha presenza case residual en Cantabria e Navarra (e poucos datos sobre a situación en Asturias, que posiblemente non é mellor), e un descenso do 30% en Cataluña, cun declive igualmente importante en Aragón. Con todo, é nos Pireneos onde o Tetrao urogallus resiste algo mellor, con ao redor de 450 machos. Na Cordilleira Cantábrica, a súa presenza caeu abruptamente nas últimas décadas do século XX e a especie atópase en perigo de extinción. SEO/BirdLife e WWF esixen a realización dun censo en todo o Estado (só Cataluña conta con un), incorporando tamén as poboacións pirenaicas na categoría de perigo de extinción e demandan a aprobación dos correspondentes plans de recuperación. Nos Ancares consérvanse, iso si, dous exemplares de pita do monte disecadas como trofeo de caza no albergue da Campa de Fieiró, en Cervantes. Un deles foi abatido por Manuel Fraga nos anos setenta (hai quen pon en dúbida a puntería do ex presidente da Xunta). Nalgúns lugares pódese ler que Fraga matou o derradeiro dos Ancares, pero non é certo, pois cando acabou con este exemplar quedaban na zona menos de medio cento. Foi nese momento cando se comezou a protexer (en 1979 a súa caza quedou vedada e dende 1986 ten catalogación de especie protexida), pero foi xa demasiado tarde, e a pita do monte foi esmorecendo ata desaparecer debido á múltiples causas que afectaron ao seu hábitat. Sobre a pita do monte Fraga dixo que era "o tiro máis prestixioso, que xustifica todos os desprazamentos" e nunha entrevista publicada por El Mundo en 2007 relataba que "matei o último antes de que o declararan especie protexida. O peor é que tamén protexeron os animais que lles pisan os ovos. Son tan parvos que os deixan no chan". "Así que había más pitas do monte na serra cando se podía cazar", concluía. Unha idea que repetira noutra entrevista: "Cando se trata dun trofeo de caza importante, a forma máis segura de defender a especie é a caza regulada. O demais pode ser unha invitación ao furtivismo". Houbo plans para reintroducila nos Ancares galegos, o plan Life da Unión Europea comezou a aplicarse no ano 2010 en Castela-León, Asturias, Cantabria e Galicia, pero a Xunta retirouse en 2013 por mor da aplicación de recortes. A Galicia correspondíalle un investimento de 612.180 euros, dos que a Xunta tiña que achegar a metade.
NOS_19474
O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou as súas demandas lingüísticas ás formacións políticas perante a cita electoral do 26 de maio. Emprazan ademais os partidos políticos a rachar "coas dinámicas históricas antigalegas".
Con motivo das eleccións do 26 de maio, desde o colectivo Fala Ceibe do Bierzo veñen de presentar unha serie de demandas ás formacións políticas esixindo que teñan en conta a existencia de galegofalantes na Seabra zamorana e no Bierzo occidental. É por iso que tamén solicitan compromisos políticos para un maior cumprimento do estabelecido na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias no que se refire ás persoas galegofalantes do Bierzo. A ese respecto lembran aos partidos que non se está a cumprir co artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Castela e León onde se cita que a lingua galega "gozará de respecto e protección nos lugares en que habitualmente se utilice". Non se está a cumprir co artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Castela e León En canto ao ensino solicitan que "o galego sexa de oferta obrigatoria por parte de todos os centros educativos do Bierzo occidental" así como en todos os niveis educativos para que o alumnado poida exercer a súa demanda voluntaria con liberdade. Desde Fala Ceibe queren que nas Cortes de Castela e León se aprobe unha Lei de linguas rexionais para que teñan máis protección xurídica o leonés, o galego e o éuscaro de Burgos. Neste senso, afirman que o galego debería ter capacidade de iniciativa nas Cortes autonómicas e na oficina do Procurador do Común. Estatuto de oficialidade para o galego Chaman tamén a que o galego do Bierzo sexa recoñecido co estatuto de oficialidade, mediante unha reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León. "Só deste xeito se poderá evitar a nosa discriminación lingüística actual con relación á Galiza", afirman. Trasladan a necesidade de dotar o Consello Comarcal do Bierzo dun maior protagonismo no fomento do galego Nas súas reclamacións ás forzas políticas, trasladan a necesidade de dotar o Consello Comarcal do Bierzo dun maior protagonismo no fomento do galego, como determina a súa lei de modificación de 2010. Nesta dinámica "será clave a creación dun servizo lingüístico que promocione o galego nos entes locais, consello comarcal, concellos e pedanías", aseguran. O colectivo Fala Ceibe xa presentara o pasado ano un convenio inter-administrativo entre Castela e León e Galiza para que o galego fose unha lingua viva e presente nos entes locais do Bierzo: concellos, consello comarcal e pedanías. Remitiron ademais en 2018 un documento aos partidos políticos con representación nas cortes castelás e no parlamento galego para pedirlles que presentasen proposicións non de lei para lograr un convenio Castela-Galiza sobre o galego neste campo.
NOS_33942
O 25 de abril de 1974 abriuse un novo tempo político en Portugal cuxa influencia chegou á Galiza. Mentres o réxime franquista condenaba ao cárcere, ao exilio ou á morte, a militancia democrática, a alianza fraterna do pobo e da milicia lusa poñían remate á ditadura máis antiga de Europa. A fronteira artificial que non puido separar a irmandade de dúas nacións unidas na cultura e no tempo volveuse abrir para que fluísen os ventos da liberdade. Recuperamos a memoria do Portugal de abril da man de tres galegas que viviron alí un exilio de esperanza.
A cineasta e académica Margarida Ledo chegou a Porto en setembro de 1974. A consecuencia da súa participación nun operativo propagandístico do Día da Patria Galega, viuse obrigada a pasar á clandestinidade, permanecendo agochada unhas semanas en diversos pisos da seguridade da Coruña e sendo traslada posteriormente ao país veciño. A tarefa de Ledo, como responsábel da Unión do Povo Galego (UPG) en Portugal, favoreceu a posta en marcha dunha sorte de retagarda para a acción clandestina do nacionalismo contra a ditadura de Franco. "O Portugal de abril significou para nós unha fronteira franca, un lugar onde poñer os pés sen ser perseguidas", sinala Margarita Ledo a Nós Diario, mentres lembra os traballos para poñer en marcha de novo "un aparato central de propaganda, tras a caída en 1973 do que funcionaba no Morrazo" ao servizo da loita do movemento nacionalista. As experiencias do proceso revolucionario deixaron marcadas a poboación portuguesa pero tamén ducias de exiliadas galegas da ditadura franquista. "Alí aprendín, particularmente a partir de novembro de 1975, como se move o imperialismo nos momentos chave" "Foi un proceso no que aprendín a calidez e a calidade da política portuguesa que se percibe tamén neses momentos", afirma Ledo, que apunta que "era difícil o propio proceso revolucionario porque había que ir aprendendo a cada momento. O proceso era absolutamente cotiá e tiña que ver co día a día". A cineasta non esquece o labor de desestabilización na nación veciña dos sectores reaccionarios, cunha implicación moi directa da CIA, a través do embaixador estadounidense en Lisboa Frank Carlucci. "Alí aprendín, particularmente a partir de novembro de 1975, como se move o imperialismo nos momentos chave", conclúe Ledo. A loita pola vivenda de Xan Casabella O arquitecto Xan Casabella cruzou a fronteira portuguesa en outubro de 1974. "Eu estaba á espera dun xuízo por uns sucesos acontecidos un ano antes, atopábame en liberdade condicional cumprindo o servizo militar en Ourense. Nun momento determinado os nosos avogados indícannos que debemos saír do Estado e, axudado por uns militantes do Partido Comunista, paso a raia. Desde alí despraceime a Guimarães, onde permanecín un mes apoiado por Santos Simões", comenta a Nós Diario Xan Casabella. Joaquim Santos Simões foi un intelectual e pedagogo perseguido pola ditadura de Salazar, responsábel do Movimento Democrático Portugués, que facilitou o desprazamento de Casabella a Porto, onde tomou contacto co arquitecto Fernando Távora, que lle posibilitou reincorporase aos seus estudos. "Alí participei nunha das experiencias máis avanzadas do proceso, un programa destinado a posibilitar o acceso á vivenda aos sectores populares, impulsado por un secretario xeral da Vivenda de orixe galega, Nuno Portas, que permitiu ao Goberno a expropiación de determinados predios, a iniciativa das asociacións veciñais para construír vivenda pública", destaca Casabella. "Tiña moito contacto coa xente da União Democrática Popular (UDP) e estiven presente cando unha gran manifestación da dereita tentou asaltar a súa sede en Porto", recorda Casabella en relación á mobilización de 16 de xuño de 1975. "Empezaron a disparar contra o local da UDP e algúns sentimos como comezaron a convocar xente para tentar tomar un cuartel militar situado na Serra do Pilar. Con outras persoas decidimos desprazarnos ao mesmo para alertar das intencións da dereita e organizar a súa defensa. Alí estivemos varias horas resistindo aquela masa de xente", recorda Casabella, a respecto dunha das máis famosas protestas promovidas pola reacción no marco do coñecido como o "verán quente". O marabilloso Portugal de Elvira Souto A lingüista Elvira Souto exiliouse en Portugal após un ano e medio de clandestinidade na Galiza. O asasinato de Moncho Reboiras en agosto de 1975, tras ser localizado nun piso en Ferrol onde residía a propia Elvira, a detención de ducias de militantes nacionalistas ao longo da Galiza e a posta en marcha dunha dura campaña de persecución contra a UPG levou varios membros desta formación a refuxiarse no país veciño. "Eu crucei a fronteira pola raia seca en setembro de 1975, axudada por uns compañeiros", comenta Souto a Nós Diario. "A xente sentíase orgullosa de pertencer á clase traballadora, ía ás manifestacións coa roupa de traballo". "Mudabamos aquel mundo horríbel da Galiza da ditadura por aquela cousa marabillosa do Portugal revolucionario", sinala Souto, que apunta ao "gran debate político, cos cafés cheos e a xente falando de política". Souto lembra "os mandos militares como moi próximos ao pobo, como en Cuba, e a xente tratándoos sen medo. Os soldados, liberados desa rixidez castrense, xurando estar sempre ao lado do pobo. E tamén a súa presenza nas manifestacións e a xente berrando SUVE", siglas de Soldados Unidos Vencerán, agrupación de militares comprometidos co procesos revolucionario. "A xente sentíase orgullosa de pertencer á clase traballadora, ía ás manifestacións coa roupa de traballo, un orgullo que tamén existía aquí daquela e que hoxe se vai perdendo", conclúe Souto, que afirma ter recibido novembro de 1975 "cunha sensación contraditoria porque as novas que chegaban da Galiza eran mellores".
PRAZA_17040
Os socios da entidade rexeitan un novo aprazamento da asemblea e dan 30 días á intervención para que presente unha oferta formal e recupere a prestación sanitaria. A empresa española viaxará a vindeira semana a negociar unha operación dificultada pola crise económica que vive Arxentina.
Un ultimato dun mes. É o que os socios do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) veñen de darlle á intervención da histórica institución da emigración galega para que presente de vez unha oferta formal de compra sobre o inmoble e os seus servizos sanitarios que liquide a súa importante débeda, manteña as prestacións para os asociados e permita salvar o importante patrimonio histórico e cultural que garda a entidade. Os socios danlle un mes ao interventor do CGBA para que presente a oferta formal de compra e recupera as prestacións sanitarias Na anterior asemblea, os socios aceptaron a solicitude de intervención do CGBA dun novo aprazamento, ata este pasado martes, para poder así pechar as negociacións que mantén coa Facenda arxentina e conseguir as quitas necesarias que garantisen que a operación de venda deixase libre de débedas tanto aos compradores --o grupo investidor formado por Ribera Salud e a Fundación Favaloro-- como ao vendedor, o Centro, que quedaría como unha asociación mutual máis da Arxentina, reducida case en exclusiva á actividade cultural e á salvagarda do seu enorme legado. Desta vez, os representantes dos arredor de 5.000 socios cos que aínda conta o CGBA instaron o interventor, Martín Moyano, a que presente a entidade a concurso de acredores se nos próximos 30 días non se restablecen as prestacións sanitarias e non se presenta nese prazo unha oferta asinada polo grupo investidor (Ribera Salud e Favaloro) para adquirir o edificio e a súa xestión sanitaria. Na asemblea deste martes, os representantes dos socios rexeitaron unha nova prórroga ata o 8 de xuño, como pedía a intervención, e advertiron de que unicamente os volvan convocar cando se teña xa esa oferta asinada e formal por parte dos investidores e o Centro estea prestando a asistencia sanitaria a todos os seus asociados. Ao tempo, deron de prazo ese mes para que se certifiquen tanto a oferta como a prestación. "De non reunirse eses requirimentos, abstéñase de convocarnos", advirten os representante dos asociados "De non reunirse eses requirimentos, abstéñase de convocarnos", advertiu Carmen Hermida, portavoz de todas as agrupacións de socios, que leu a resposta conxunta dos asociados á proposta da intervención. Así, insistiron en que, de non cumprirse esas dúas condicións, "que quede constancia debida en acta que esta asemblea faculta expresamente ao señor interventor para a presentación en concurso preventivo xudicial ao Centro Gallego de Bos Aires". Os asociados recriminaron á intervención que non fixo caso da súa petición de recuperar as prestacións sanitarias, "que non só non se puxo en práctica, senón todo o contrario", ademais de lembrar que á hora de pedir cita para consulta, moitos doentes atoparon un Centro "totalmente desprovisto de materiais para brindar unha asistencia aceptable". Ademais, os traballadores do hospital acumulan meses sen cobrar e devecen tamén por unha solución entre protestas. O interventor advirte das "condicións macroeconómicas" que dificultan o proceso de venda, tamén polas "variacións no valor do dólar" Ademais, os asociados lembraron que aínda non houbo "ningunha oferta seria e formal da compradora" e que, malia que Moyano avanzou un acordo coa Facenda arxentina para reducir as débedas, actualmente só é "unha mera expectativa". Precisamente, o interventor alertou dos problemas que "as condicións macroeconómicas" que vive o país a tal hora están provocando, tamén porque "nos últimos quince días as variacións no valor do dólar" foron importantes, razóns polas que se vería obrigado a solicitar ese novo adiamento para poder "poñerse de acordo na forma e nas condicións nas que se faría a venda, que se realizará en moeda estranxeira". Representantes de Ribera Salud viaxarán a vindeira semana a Bos Aires para tratar de pechar un acordo Ademais, Moyano informou que representantes de Ribera Salud viaxarán na semana seguinte á Arxentina, momento no que "se avanzará persoalmente na forma de pechar a venda". Os asociados lembráronlle que as débedas do CGBA multiplicáronse desde que foi intervido polo Estado arxentino en 2012 e que a oferta de compra que notificou xa hai meses "propón ceder a xestión sanitaria e a venda do inmoble a un grupo investidor para que o importe poida ser utilizado para a cancelación do pasivo da mutual; a outra opción é a quebra". "Vendemos a casa para pagar ao Estado unha débeda que xeraron os seus xestores" Os asociados tamén lembraron que a 30 de abril de 2017, uns 35 millóns de euros de débeda, o 73% do pasivo total da mutual, corresponde ao Estado por achegas e contribucións de xubilación e de obra social. Xa que logo, os socios galegos ou descendentes de galegos, advertiron de que "venden a súa casa para pagar ao Estado nacional unha débeda que os seus xestores xeraron nestes últimos anos a través de sucesivas intervencións que demostraron, cando menos, unha notable incapacidade de xestión". "Decidimos non tolerar máis as actitudes e condutas do interventor", remataron. A débeda do Centro Gallego sitúase entre os 50 e os 70 millóns de euros No fondo, o futuro da histórica emigración galega, que ve como única solución e mal menor na actualidade a súa venda para poder garantir a asistencia sanitaria dos 5.000 socios que quedan --chegaron a ser 120.000 hai décadas-- e salvagardar o legado histórico e cultural. A débeda actual, malia non haber datos totalmente documentados, sitúase entre os 50 e os 70 millóns de euros, mentres que a oferta que presentarían Ribera Salud e Favaloro estaría sobre os 50 millóns de euros. Das quitas que poida aplicar a Facenda arxentina dependerá que o importe cancele todo o pasivo, condición que esixen tanto os investidores como os asociados. Ribera Salud e Favaloro están dispostos a outorgar un espazo de 2.000 metros cadrados para o legado cultural da emigración galega O CGBA é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Todo iso estaría tamén en risco se a imposibilidade dun acordo supuxese a liquidación dunha entidade con 111 anos de historia. Ribera Salud e Favaloro están dispostos a outorgar un espazo de 2.000 metros cadrados para o legado cultural da emigración galega. Sería un lugar para que o Centro Gallego poida seguir actuando como mutualidade e onde se albergaría a pinacoteca, a enorme biblioteca e o local para os aínda socios, que terían acceso á atención médica no novo hospital que as firmas compradoras crearían ao pé do actual, que sería reformado no futuro.
QUEPASA_666
Todas as táboas ligueiras en www.futboldacosta.com e a fase de Ascenso á Liga da Costa en www.copadacosta.com.
Nova xornada completa do Fútbol da Costa, cun ollo nas Eleccións Xerais pero con moita atención. A xornada deixou dous títulos, o xuvenil e o dos Alevíns; e un ascenso, o do Sofán á D.H. de Veteranos. Da Preferente á Liga da Costa pasando pola Primeira Na Preferente xornada importante para o Xallas que recupera a senda da vitoria cando máis o necesitaba para evitar os arrastres. Ata última hora esperamos por ver unha nova vitoria do Fisterra, que se mantén líder, pero botou de menos unha axuda do Soneira que non puido facer nada ante o colíder, o Sigüeiro. Ademais, a Esteirana sumou un puntiño que pode valer pero que se fai escaso coas necesidades da zona baixa. Na Liga da Costa, o Volantes deu a volta á parte alta, vencendo ao Baíñas e aproveitando a inesperada derrota do Corme na casa ante o Malpica. O cadro muradán parte agora, de cara á última xornada, favorito para meterse na Fase de Ascenso co Mazaricos campión.Por abaixo, o Montelouro certificou o seu descenso, e o Cee ratificou a súa mala temporada quedando nesa terceira praza por abaixo tras caer ante o Buño, de xeito que a súa permanencia dependerá da da Esteirana. O Castriz dá un paso para a Liga da Costa Disputábase na Grixa a ida da final da Promoción de Ascenso á 2ª, e o Castriz deu un paso de xigante vencendo por 1-2 ao Porteño. O cadro (e o seguimento tamén en directo) en www.copadacosta.com e mañá a crónica en QPC. Comezou a Copa Cadete Xa comezou ademais a Copa da Costa cadete que podedes ver en www.copadacosta.com. Infantís Importantísima final a que se disputou en categoría infantil este sábado. O Cee recupera o o liderato de infantís ao vencer 0-2 no Conco, ante un Dumbría que tiña o título nas mans. Queda dúas xornadas con aínda moito que contar. O Outes arrasa en F8 Despois de quedar campión dos grupos regulares, os equipos Alevín e Benxamín do Outes completaron a súa superioridade quedando campións de sendas Fases Finais. Fermosa a finalísima celebrada no Cunchido na categoría Alevín, cun choque directo ante o Dumbría. Veteranos xa en www.copadacosta.com O Sofán é novo equipo da División de Honra tras vencer ao Corme no Cairo na final da Fase de Ascenso por 1-2. Ademais, a ida da fase previa da Copa da Costa de Veteranosxa está botada e este martes haberá sorteo a partir de Oitavos.
NOS_14830
Ambas as dúas formacións suman 9 dos 17 concelleiros da Corporación.
Os grupos municipais do Partido Popular (7 edís) e de Somos Fene (2) presentaron unha moción de censura no Concello de Fene, gobernado actualmente por unha coligazón formada por BNG (4 concelleiros) e Esquerda Unida (1). A corporación complétase cos 2 representantes do PSOE. Así o confirmou a Europa Press o portavoz do grupo municipal do PP, Gumersindo Galego, quen destacou que o documento "pasou o filtro de secretaría, reúne os requisitos legais e está asinado por nove concelleiros, dos cales sete son do Partido Popular e os outros dous de Somos Fene". Galego recoñeceu que esta moción de censura "víñase fraguando desde hai tempo", e negou lexitimidade ao BNG, "con 4 concelleiros", para poder gobernar. "Sempre tivemos moi claro que quen ten que gobernar é o Partido Popular". O debate desta moción de censura será o vindeiro 26 de outubro, cando se fan os dez días hábiles desde a súa presentación.
NOS_43012
O independentista negou as acusacións da Fiscalía de ser responsábel dun artefacto en Vigo en outubro de 2011. Calvo Varela asegura que nesas datas estaba en Lugo.
O independentista Carlos Calvo negou esta cuarta feira na Audiencia Nacional que el fose responsábel do artefacto que en outubro de 2011 estoupou nun caixeiro de Vigo, rexeitando así a acusación da Fiscalía, que pide para el 16 anos de cárcere por eses feitos que atribúe ao xornalista de Ordes. Calvo Varela negou na primeira sesión do xuízo que estivese en Vigo nesa data, afirmando que estaba en Lugo en compaña de dúas amigas, no marco das Festas de San Froilán e acudindo a un concerto de música de 'Lamatumbá', segundo reportan axencias españolas. Axencias que transcriben o nome deste grupo galego como 'La Matumbá'. Esas persoas en calidade de testemuñas ratificaron esta versión nesta primeira sesión do xuízo. O fiscal Carlos Bautista pide un total de 16 anos de cárcere, 8 por tenza de explosivos e outros 8 por pertenza a organización terrorista. O independentista, que leva máis de 2 anos en réxime de isolamento e sometido a dispersión - pasou xa por 6 prisións, todas a centos de quilómetros de Galiza- negou sempre relación algunha cunha presunta Resistencia Galega.
NOS_38046
Os festivais en escenarios singulares son unha tendencia cada vez máis habitual. A oferta de citas musicais no verán galego é tan ampla que, dalgún xeito, as promotoras buscan diferenciarse. É o caso do do 17 graos Festival Ribeira Sacra, que terá lugar nesa bisbarra vitivinícola do 27 ao 29 de xullo.
Os palcos do encontro ribeirao marcan xustamente esa particularidade. Adegas, unha praza do casco vello de Chantada, o Parador de Monforte, a cuberta dun catamarán Miño abaixo, o espectacular miradoiro de Santiorxo en Sober. "O programa da segunda edición reunirá de novo concertos na natureza, catas de viños, directos en catamaráns, adegas, visitas guiadas, roteiros, cociña de autor e moitas outras sorpresas", explica a organización. O festival arrinca a sexta feira 27 de xullo cun concerto sorpresa no catamarán de Doade (Sober). Será as catro e media. Seguirán Gloria e Ghost Beast en Santiorxo. Ás nove da noite, Morgan e The Harversters, na adega Regina Viarium, tamén en Doade. O sábado será o día grande do 17 graos Ribeira Sacra. Ás doce e media, o exquisito folk americano de Elvis Perkins -o seu disco de 2007, Ash Wednesday, é unha pequena alfaia- abrirá a xornada en Santiorxo. Á mesma hora no catamarán de Doade estarán Tulsa. Á hora de xantar, en Regina Viarium, Mujeres, é ás cinco da tarde, Ten Fe na adega Algueira, tamén en Doade. Tulsa repetirá no catamarán ás sete do serán. O Parador de Monforte de Lemos acollerá, a partir das oito, a verbena principal: Coque Malla, Woods, Puerto Candelaria, Freedonia e Fuckaine. O encontro rematará o domingo cunha sesión vermú en Chantada e De Vacas e Bifannah e, simultaneamente, outra no catamarán a cargo de Holly Miranda. A empresa detrás do certame é I-Radioa Crea e conta cos patrocinios da Deputación de Lugo e de Cervezas Alhamabra, ademais de coa colaboración de Agadic, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e mais dos concellos da zona.
NOS_33191
A veciñanza da parroquia valdeorresa de San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín, vive desde hai 28 anos con graves problemas de accesibilidade derivados do deterioro das vías de acceso, primeiro pola acción da actividade da lousa e, hoxe, da falta de acondicionamento das infraestruturas.
Caducan as causas, mais as consecuencias persisten. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza confirmaba o pasado 26 de xuño o final da concesión de explotación mineira a unha empresa dedicada á lousa no concello de Vilamartín de Valdeorras, inactiva xa desde 2015. Fechábase así un período de 23 anos de actividade extractiva, cos que tamén comezaban os problemas de incomunicación para a poboación da parroquia de San Vicente de Leira. A acción da canteira foi a causa do deterioro do principal acceso ao núcleo, unha vía de titularidade da Deputación de Ourense que se fechou o tránsito por risco de derrubas hai dúas décadas, e que en 2018 foi clausurada formalmente coa colocación dun gardarraíl após repetidos desprendementos. Pasados case 28 anos, San Vicente só é accesíbel por estrada a través dunha vía asfaltada, mais sen sinalización e ateigada de fochancas. O último pleno municipal de Vilamartín, que tivo lugar o día 30, acordou requirir ao Goberno o arranxo da estrada principal, cuxa solución está proxectada en 13 millóns de euros para 1,2 quilómetros, e tamén da alternativa que, segundo a veciñanza, non cumpre os mínimos de seguridade. "A xente que vive alí ten que armarse de valor e ir pola parte de abaixo, eu non me atrevo. Non podo ir á miña casa nin levar a miña mai", lamenta Elisa Sánchez, presidenta da asociación veciñal San Vicente de Leira, fundada hai catro anos para, entre outras razóns, reivindicar os accesos ao núcleo, no que residen aínda unha trintena de persoas. No seu caso, coa vida asentada no Barco, a 13 quilómetros de San Vicente, os vínculos son familiares e emocionais. "Sempre tiven claro que quería estar onde as miñas raíces, e as miñas raíces son San Vicente. Temos necesidade de ir e non podemos", láiase, emocionada, ao lembrar que máis de media vida a pasou coa aldea da súa nai illada por falta de accesos. "Pérdense as casas, encadéanse os problemas. O camiño do centro íano arranxar, pero a maquinaria non pode entrar. Unha cousa leva á outra e cando te decatas non queda nada. Estannos prohibindo desfrutar do bo e xuntarnos para o malo. Nin para festas nin para funerais podemos ir", reflexiona, impotente despois de numerosas mobilizacións da veciñanza, a última, a principios deste mesmo ano en Ourense, diante da Deputación. "Xa non sabemos por onde tirar, temos as mans atadas e esa é a rabia que teño, de ver que pasan os anos e non se fai nada", lamenta a portavoz, ante os atrancos "administrativos" que alongan os traballos de reparación e empeoran a situación da parroquia. Nas mobilizacións estivo tamén o Goberno municipal de Vilamartín, cuxo alcalde chegou a se encerrar no Concello en 2018 para protestar contra o illamento de San Vicente. Na última acción cívica en Ourense volveuse reclamar á Deputación a reparación das comunicacións e a habilitación dun desvío provisional alternativo á estrada municipal que hoxe constitúe a única vía de entrada e saída. Oito meses despois, o acordo aprobado polo Concello contempla medidas legais se non se realizan os traballos. "O Concello pouco máis pode facer porque a estrada é da Deputación, que parece que ten pouca gana de darlle unha solución", censura o tenente de alcalde, o socialista José Luís Álvarez, quen defende que a vía que se está a empregar "non ten capacidade para o tráfico que se lle está a meter e pode acabar nunha desgraza".
NOS_8963
Adiantouse o Celta con gol de Aspas no minuto 15, mais despois acabou cedendo perante os locais, que se puxeron até dúas veces por diante no taboleiro de marcas. O Celta nunca deixou de crer nas súas opcións. Roncaglia selou o 3-3 definitivo, no minuto 84.
Marcar tres goles fóra de casa non é doado. Facelo e non sumar os tres pontos, tampouco é frecuente (hai ben pouco o Dépor fixo 3 e veu de baleiro de Málaga). O caso é que o Benito Villamarín foi testemuña dun partido vibrante, con alternativas, e moitas chegadas á area rival. Un festín para o público. Tamén para Aspas, no mellor momento da tempada. O dianteiro de Moaña sumou dous novos goles -o segundo, de fasquía espléndida- e confírmase como o futbolista franquicia da equipa galega. En xeral, e nomeadamente na primeira metade, a posesión da bola foi celeste. Mais o Betis mostrouse como o que é, unha equipa aguerrida á que no se lle pode dar nen un milímetro de marxe. O xogo foi unha inter-troca de golpes, con especial protagonismo para as bolas paradas. Así chegaron dous goles locais -un deles, de penalti- e así chegou tamén o 3-3 definitivo, nun córner rematado a gol por Roncaglia. Iago Aspas sumou dous novos goles -o segundo, de fasquía espléndida- e confírmase como o futbolista franquicia da equipa galega Betis: Adán, Cejudo, Bruno (Navarro, min.46), Pezzella, José Carlos, Durmisi, Donk (Gutiérrez, min.70), Petros, Ceballos, Sanabria (Joaquín, min.62) e Rubén Castro RC Celta: Rubén, Roncaglia, Cabral, Fontás, Jonny, Radoja (Orellana, min.52), Marcelo Díaz (Sisto, min.86), Pablo Hernández, Wass, Bongonda (Rossi, min.83) y Iago Aspas Goles: 0-1, min.15: Iago Aspas; 1-1, Rubén Castro, de penalti; 2-1, min.52: Sanabria; 2-2, min.61: Iago Aspas; 3-2, min.72: Pezzela; 3-3, min.84: Roncaglia Árbitro: Sánchez Martínez, do comité murciano. Expulsou con duplo cartón amarelo a Petros (91') e amoestou a Donk, Sanabria, Gutiérrez, Pezzela, Cabral Campo: Benito Villamarín
NOS_34099
A Consellaría de Política Social informou de dous novos falecementos, un na Residencia San Carlos de Celanova e outro no Fogar Bellolar da Coruña.
Os casos positivos de coronavirus en residencias para a terceira idade na Galiza crecen até os 117 diagnósticos, sete máis que no último boletín oficial da pasada xornada ás 21 horas. Segundo a Consellaría de Política Social esta quinta rexístranse até 92 maiores e 25 empregadas afectadas, uns números que aumentan en catro persoas usuarias e catro traballadores as cifras de onte. As residencias nas que se coñeceron novos casos de COVID-19 nas últimas horas son as de DomusVi Barreiro de Vigo (cun total de 35 diagnósticos positivos, dous máis que onte), a residencia El Portazgo da Coruña (12, tres máis que onte), en Fogar Nosa Señora do Carmen en Fisterra (1) e en Nuestra Señora de Valvanera de Cambados (1). Ademais, a Consellaría informou da morte de dúas persoas maiores que padecían esta enfermidade vírica, unha delas na Residencia San Carlos de Celanova (Ourense), que agora conta con 12 casos activos; e outra da Fogar Bellolar (A Coruña), que rexistra dúas persoas infectadas. Os outros centros nos que se coñecen casos de persoas contaxiadas son: DomusVi San Lázaro de Santiago (15), DomusVi Cangas (4), Nuestra Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (3), Nuestra Señora de la Esperanza en San Rosendo en Ourense (3) e un caso positivo en Nuestra Señora da Asunción en Caldas de Reis, Castro Caldelas, Viveiro e Carballo. Aumentan as traballadoras que dan positivo Por outra banda, tamén aumenta en número de afectados de persoal traballador. Agora son un total de 16 empregadas as que foron diagnosticados na residencia de Celanova, dous máis que na cuarta feira. Igualmente, persoal da DomusVi de Barreiro (6), de Nuestra Señora de la Esperanza de Ourense (2) e da DomusVi San Lázaro tamén rexistra contaxiados. En canto aos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD), estes tamén empezan a contabilizar os casos positivos en Aspronga, Redondela, Aixiña e Santa Cruz de Rosendo. Un total de 15 afectadas, á vez que tamén o están catro traballadoras, tres de Redondela e un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos.
PRAZA_4184
Pedro Sánchez e os axentes sociais asinan o acordo para a prolongación dos expedientes, un pacto que trae consigo moitas máis medidas. Velaquí os detalles.
Pedro Sánchez asina outra vez unh acordo cos sindicatos e coa patronal en plena pandemia polo coronavirus e meses despois da sinatura para o incremento do salario mínimo. Desta vez, a foto cos axentes sociais chega para certificar a prolongación dos ERTE por forza maior ata o vindeiro 30 de xuño, logo dun pacto impulsado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que logrou desvincular estes expedientes do estado de alarma. Ao acto, ademais de Díaz e Sánchez, asistiron os vicepresidentes Pablo Iglesias e Nadia Calviño, así como o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, ademais dos representantes da patronal e dos dous principais sindicatos do Estado. Pero, que supón o acordo definitivo que plasma o acordo ao que os axentes sociais chegaran xa o pasado venres e que será aprobado este martes no Consello de Ministros? Velaquí as claves. ERTE total ou parcialO acordo asinado este luns, segundo conta Laura Olías en eldiario.es, establece que os ERTE por forza maior, que decaían co estado de alarma ata hoxe, manteranse ata o vindeiro 30 de xuño nas circunstancias nas que as empresas non puidesen retomar a actividade por mor da crise da Covid-19. Isto abrangue tanto as empresas que non poden reiniciar os seus negocios, cun ERTE sobre todo o persoal, como aquelas que poidan reabrir parcialmente, de xeito que poida sacar algúns empregados do expediente segundo as necesidades e manter o ERTE por forza maior de maneira parcial sobre o resto dos traballadores. O acordo amplía os ERTE de forza maior ata o 30 de xuño, tamén aqueles parciais que se manteñan mentres parte do persoal se vai reincorporandoExcluídas empresas en paraísos fiscais e repartición de dividendosA prórroga dos ERTE teñen dúas excepcións que os desliga do estado de alarma. Así, non poden acollerse a testa extensión as empresas "que teñan o seu domicilio fiscal en países ou territorios cualificados como paraísos fiscais conforme á normativa vixente" e aquelas que matneñan os seus ERTE a través deste real decreto-lei non poderán repartir os dividendos correspondentes ao exercicio fiscal no que se aplique o expediente, agás se abonan previamente o importe aforrado na exoneración de cotas da Seguridade Social. O límite á repartición de dividendos non se aplica, no entanto, ás empresas de menos de 50 empregados. Continúan as condicións vantaxosas na cobertura por desempregoEn canto aos traballadores afectados por estes ERTE, as condicións con máis vantaxes na cobertura por desemprego tamén se estenden ata o 30 de xuño. Así, o contador a cero, que implica que estes meses cobrando a prestación non descontan dereito a paro no futuro, e a grantía de prestación aínda non tendo o mínimo cotizado mantéñense ata esa data. Para o persoal fixo discontinuo, esta maior protección por desemprego chegaría ata final de ano. Mantense, con matices, a obriga de manter o emprego seis mesesNo acordo, mantense a cláusula que obriga a manter o emprego durante seis meses nos ERTE de forza maior, aínda que flexibilizado. Así, esta medida só se aplica aos expedientes por forza maior, anon aos de causas económicas, e o prazo de cálculo dos seis meses comeza cando se produza a "reanudación da actividade", aínda que só abranga parte do persoal. O pacto aclara que esta cláusula non se aplica a empresas en risco de concurso de acredores e que se terán en conta as especifidades dos diferentes sectores. As empresas con sede en paraísos fiscais non poderán acollerse á prórroga dos ERTEAdemais, mantense ata o 30 de xuño a prohibición dos despedimentos obxectivos a causa da crise do coronavirus, así como a interrupción do cómputo da duración máximo dos contratos temporais. Ampliación máis aló do 30 de xuñoO acordo contempla a posibilidade de prorrogar os ERTE máis aló do 30 de xuño no caso de que se manteñan restricións de actividade daquela. Esta extensión poderá alcanzar as exencións do pagamento das cotizqacións sociais por parte das empresas e a maior protección establecida para o persoal afectado por estes expedientes. Para ampliar os ERTE máis aló do 30 de xuño terá que chegarse a un acordo na Comisión de Seguimento, con Goberno central, patronal e sindicatos. Alí analizarase a evolución económica de cada sector e actividade para decidir. Ademais, tamén se avanzará no traspaso de ERTE por forza maior a outros por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. O acordo contempla a posibilidade de prorrogar os ERTE máis aló do 30 de xuño no caso de que se manteñan restricións de actividade daquelaExoneración de cotasA exoneración de cotas manteranse como ata agora en maio e xuño: completa para as compañías de menos de 50 empregados e do 75% para as que superen ese nivel de persoal. Pero muda o procedemento: as empresas deben solicitar esta exoneración á Seguridade Social. No caso de que poidan comezar a funcionar parcialmente en maio e xuño, sacando parte dos traballadores do ERTE, as exencións reduciranse, con máis apoio para as pequenas empresas e sobre as cotizacións dos teraballadores que regresen ao traballo para premiar a volta á actividade. Nas empresas de menos de 50 traballadores, o Estado cubrirá o 85% das cotizacións sociais en maio e o 70% en xuño dos empregados que reinicien a súa actividade. Para os que permanezan aínda no ERTE, os fondos públicos sufragarán o 60% en maio e o 45% en xuño. Nas compañías de 50 ou máis empregados, o Estado pagará o 60% das cotizacións de maio do persoal que reinicie a actividade e o 45% en xuño. Ademais, exonérase ás compañías de pagar o 45% das cotas de maio o 30% das de xuño do persoal que siga no ERTE.
NOS_36761
As infeccións activas superan lixeiramente os 6.000 casos e a presión hospitalaria volve baixar, con cinco hospitalizados menos.
Os indicadores dos datos de evolución da pandemia publicados este domingo pola Consellaría de Sanidade reflicten que, en termos xerais, unha estabilización da situación na Galicia. Os novos contaxios non superan os 300 e a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) volve estar por baixo do límite do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. Alén diso, os casos activos baixan até as 6.116 infeccións e a presión hospitalaria descende ao rexistrar cinco hospitalizados menos nas últimas 24 horas, co que son 151 os hospitalizados en planta e 46 en críticos nos hospitais galegos. Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 51 novos contaxios na área sanitaria da Coruña, 45 na área de Lugo, 41 na área de Santiago, 26 na área de Vigo, 23 na área de Ourense, 6 na área Sanitaria de Ferrol e 14 contaxios novos na área de Pontevedra . Tendo en conta estes contaxios e as últimas altas epidemiolóxicas (715), o número de casos activos de Covid na Galiza sitúase en 6.116, 512 casos menos que hai un día. Así, os casos activos descenden en todas as áreas. Desta maneira, A Coruña continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.516 (100 menos); seguida pola área de Lugo, con 1.243 casos (72 menos); e pola de Santiago, con 1.132 infeccións (96 menos). A área de Vigo rexistra 909 infeccións, após recibir o alta 90 persoas; na de Ourense hai 593 casos (53 menos); na de Pontevedra hai 371 casos (58 menos); e na de Ferrol son 352 infeccións activas (43 menos). Presión hospitalaria Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 46 pacientes en UCI (dúas menos nas últimas 24 horas) e 151 hospitalizados en unidades convencionais (tres menos). Por áreas, a carga asistencial baixa en parte das zonas sanitarias. As baixadas máis pronunciadas rexístranse na de Lugo, hai 24 pacientes en unidades convencionais (seis menos) e catro en UCI (un máis); e na de Vigo, onde hai 23 hospitalizados en planta (dúas menos) e oito en críticos (tres menos). Tamén baixa na área coruñesa, que mantén 38 camas ocupadas en planta pero conta con 13 en UCI (unha menos). A área de Santiago, pola súa banda, continúa por terceiro día consecutivo con 17 hospitalizados en unidades convencionais e catro en críticos. A cara máis negativa preséntana as áreas de Ferrol, Pontevedra e Ourense. Na ferrolá, aínda que hai un hospitalizado menos en UCI, hai 20 camas ocupadas en unidades convencionais (catro mais); na de Pontevedra tamén sobe levemente, cun paciente máis en planta (10) e un máis en UCI (4). A mesma liña segue Ourense, que mantén a 19 hospitalizados en planta, pero conta cun máis en críticos (7). Persoas curadas, falecidas e probas PCR Con respecto ás persoas que superaron a Covid-19, segundo os datos de Sanidade estas son xa 171.249, após recibir o alta nas últimas horas outras 715 persoas. Por contra, desde o inicio da pandemia faleceron 2.582 persoas, todas con patoloxías previas. Tal e como informou o departamento da Xunta, todos presentaban patoloxías previas e permanecían ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Concretamente, os falecementos producíronse o 3 de setembro e corresponden a unha muller de 76 anos, outra de 93 anos e un home de 83 anos. Con respecto ás probas PCR, realizáronse desde o comezo da pandemia unhas 2.764.779 probas. Doutra banda, o índice de positivos detectados baixou e situouse no 4,42%, co que queda por baixo da marxe do 5% marcado pola OMS para dar por controlada a pandemia.
NOS_3468
A Alba de Gloria sentirase de novo no cumio do Pico Sacro o vindeiro 18 de xullo.Será a quinta edición da convocatoria na que Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, rememora a peregrinaxe de 1925 na que participou Castelao.
Cando a ditadura de Primo de Rivera prohibía a conmemoración da festa nacional, en 1924, o Pico Sacro foi o destino dunha peregrinaxe que logo Castelao rememoraría no seu famoso discurso "Alba de Gloria". Cúmprese agora a quinta edición da iniciativa que promove Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, pola que, cada ano, sóbese de novo ao cumio do monte onde se desenvolve unha lectura pública do texto nunha homenaxe e lembranza daquela data. Desta volta, será o día 18 de xullo a data na que, de novo, se ascenda ao Pico Sacro, como se ven facendo desde que o 2011, data do 125 aniversario de Castelao que, segundo a entidade promotora pasou "co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas". O obxectivo é "lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura" . Ademais da lectura pública do "Alba de Gloria" desde o cumio do monte, "espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos, din. Lembrarase tamén á xeración do Seminario de Estudos Galegos que estudou o lugar na súa vontade de coñecer o país que nacía do amor á propia terra. Para Castelao, o Pico Sacro era, segundo lembran na convocatoria "un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón". As asociacións culturais do país, representadas en Galiza Cultura, regresan agora tras os pasos físicos e intelectuais do autor de Sempre en Galiza co fin de "lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura" . Benvida de Calros Solla A xornada comezará por volta das 12:00 horas coa benvida a cargo do escritor e investigador Calros Solla, antes de comezar a subida ao cumio no que se izará a bandeira por parte de membros das asociacións culturais para logo proseguir coa lectura colectiva do Alba de Gloria. O acto rematará coa interpretación do Himno Galego co gaiteiro Raúl Galego, antes de iniciar a baixada ao Pico Sacro ao tempo que Yolanda Aldrey, da Asociación A Granxa do Pico Sacro, explica a lenda, historia e valor natural do monte. Ás 14:00 os cantautores Mini e Mero actuarán no adro da capela para despois iniciar o xantar de confraternidade na Casa Castro. Compre se anotar para o xantar http://www.gzcultura.org/. Pola tarde, con saída ás 16.15 da "Casa Castro" iniciarase un roteiro polas terras do Ulla que pasará por Ponteledesma, Donas e Codeso, visitando elementos do patrimonio artístico e natural.
PRAZA_5818
Segunda parte da análise de Iria-Friné Rivera Vázquez dos retratos da raíña Elizabeth I, con motivo da exposición Elizabeth e o seu pobo (Elizabeth & her people) que acolleu a National Portrait Gallery de Londres.
O traxe que viste Elizabeth exemplifica o código da vestimenta isabelina; o código establece que cada motivo, tea, xoia e cor empregados transmita unha mensaxe clave. Parte diso comentárase na anterior achega. Aquí entran novas cuestións. No Retrato do Arco da Vella Elizabeth loce un traxe de seda de cor branca embelecido con bordados de alelís, madreselva, prímulas e pensamentos. Están cosidos con fío policromado (en rosa, verde, amarelo) o que lle dá un toque suntuoso. Como dama sen casar, o seu vestido é de escote baixo, adornado cun encaixe que continúa na gorgueira. Os ombreiros están cosidos con seda transparente. Concretamente, os motivos florais -ao igual que todo no cadro-, teñen unha razón de ser. A abundancia de delicadas flores primaverais son unha metáfora da rexeneración do Estado. Esta idea está tomada dos Himnos a Astrea. Sir John Davies escribe: "Garda (doce Primaveira) esta Ninfa nosa/eternas grinaldas das túas flores/verdes grinaldas que nunca murchan/e nela prolongará a Primavera o resplandor do noso Estado/agora e para sempre florecendo/tanto tempo como o Ceo perdure" (Himno I, a Primavera). Sir John Davies sinala o papel de Elizabeth neste proceso. Por iso o seu vestido pode compararse co de Flora, a divindade das flores pintada por Sandro Botticelli no seu lenzo de A Primavera (1480-1481, Galería Uffizi, Florencia). Ambos vestidos seguen os escritos de Ovidio nos Fastos (12 d.C). O poeta latino diríxese a Flora e pregúntalle: Como é que, se nas festas de Ceres se engalanan con vestidos brancos, Flora se enfeita con atavíos de varias cores? Seica é porque a més se pon branca cando madura a espiga, e en cambio as flores acaparan todas as cores e intensidades? [Flora] Dixo que si, e axitando o cabelo, caeron flores, como adoitan caer as rosas espalladas polas mesas (Libro V, Maio). No manto de Elizabeth aparecen dispostas formas de ollos e orellas. Fan referencia ao carácter de Elizabeth, atento, observador, perspicaz. Reincide na idea expresada mediante o símbolo da serpe No manto de Elizabeth aparecen dispostas formas de ollos e orellas. Fan referencia ao carácter de Elizabeth, atento, observador, perspicaz. Reincide na idea expresada mediante o símbolo da serpe. Estes motivos están tomados da homenaxe que fai Sir John Davies nos Himnos a Astrea. "Ollo desa mente mais rápida e clara/como o ollo do Ceo, que dende a súa esfera/todas as cousas observa/ e ve a través de todas as cousas en todas as partes/e proba todas as súas as naturezas" (Himno XV, ao seu enxeño). O poeta considera que Elizabeth é o Sol omnipresente e omnisciente na Terra. Elizabeth pousa cun longo manto dourado. Trátase dunha elegante imaxe que proxecta esa identificación dela co astro rei. Ao analizar as cores, vese unha paleta cromática de matices cálidos e luminosos (cobrizos e vermellos intensos polo cabelo e os rubíes. Branco pola pel, o vestido e as perlas. Dourado polo propio manto e o ouro). Tamén puntos de luz (diamantes) e de contraste (topacios azuis). Esta personificación da Raíña Sol funciona como contrapartida da Raíña Lúa. Esta idea xurdira xa en 1588 no Retrato da Armada (1588. George Gower, Woburn Abbey, Bedfordshire). Nese lenzo, as figuras do Sol aparecen aplicadas no vestido xunto coas perlas, símbolo da Lúa. Isto é similar no Retrato do Arco da Vella. Só que aquí os símbolos son empregados de maneira máis aguda, mais lúcida. En definitiva, máis en consonancia co calibre intelectual de Elizabeth, cuxos discursos están marcados sobre todo nesta época por obras coma Euphues. A anatomía do inxenio (1578) de John Lyly. Na parte esquerda, xunto a man, lese Non sine sole Iris (Non existe o Arco da Vella sen o Sol). Nunha metáfora visual, o retrato mostra o Sol que tras a tempestade, fai saír o Arco da Vella. Así representa a Elizabeth como unha formidable personalidade cuxa presenza despois das inestabilidades anteriores orixina calma, seguridade e a prosperidade do Estado. As referencias e a clase de mensaxe que desexa transmitir concordan coa persoa que encarga esta obra. Esta persoa é Sir Robert Cecil, líder do Consello Privado de Elizabeth. Representa a Elizabeth como unha formidable personalidade cuxa presenza despois das inestabilidades anteriores orixina calma, seguridade e a prosperidade do Estado Sir Robert Cecil é fillo de Sir William Cecil, que tamén liderara o Consello Privado dende que Elizabeth en 1558 o escolle como un dos seus principais conselleiros. O traballo e a sólida colaboración de ambos en cuarenta anos só se rompe coa morte de Cecil en 1598. Xunto a ela están as sensibilidades e cerebros de Walsingham, de Leicester, de Hatton, sendo de todos eles Cecil a persoa na cal deposita a súa total confianza. No momento en que están con ela, todos os esforzos pasan polas mellores estratexias, consellos, actitudes e accións. Primeiro para manter o equilibrio e a independencia (política, económica e relixiosa (Elizabeth é a xefa suprema da igrexa anglicana)- ante os países do continente. E segundo, para favorecer todo o novo abrindo outras vías que contribúan o progreso do país non só no presente senón cara ao futuro. Co Retrato do Arco da Vella, Sir Robert Cecil continúa a liña establecida por Elizabeth e o propio Consello Privado con respecto aos retratos de Estado. Neles retómase a expresión do poder e autoridade Tudor que Henrique VIII encarnara magnificamente da man de Hans Holbein. Os retratos de Holbein mostran unha imaxe pensada a partir da Acta de Supremacía de 1534. Elizabeth continúa este camiño tendo como premisa defender o legado do seu pai; consérvase o significativo prefacio escrito por ela da súa edición do libro Oracións ou meditacións (1545) de Katherine Parr. Elizabeth realiza a súa tradución trilingüe para agasallar ao seu pai en Decembro de 1545. Nel, ao dirixirse a Henrique VIII, ela coméntalle que "estou en débeda contigo non como unha imitadora das túas virtudes senón como unha herdeira das mesmas" (British Library, MS Royal, 7.C.X, sigs. 2r-5r; da tradución do latín orixinal). En consecuencia, no retrato reflíctese unha nova consideración, non só espiritual senón incluso física, de Elizabeth. Ten setenta anos cando se pinta este cadro. Non é un retrato fiel ás súas faccións: ten a queixada máis puntiaguda, os pómulos máis marcados -co tempo comezara a parecerse moito á súa nai Anne-. Porén, si que aparecen os atractivos ollos, risco tamén recoñecible no famoso retrato de Anne Boleyn (1533-1536. Pintor descoñecido. The National Portrait Gallery, Londres). Os poucos retratos realistas de Elizabeth conservados nesta época mostran unha expresión desenganada e directa. Máis que fría ou inexpresiva, percíbese a experiencia do vivido. No Retrato do Arco da Vella, en troques, aparecen todos os puntos introducidos nos retratos de Estado. Se Enrique VIII tivera a Hans Holbein, Elizabeth conta con Metsys o Novo, Marcus Gheeraerts o Vello, Hans Eworth, John Bettes, Robert Peake o Vello, Federico Zuccaro e os citados William Segar, Nicholas Hilliard, Isaac Oliver e Marcus Gheeraerts o Novo. Os cadros móstrana sempre no centro da composición, ocupando todo o espazo, sen perspectivas. Como é característico da pintura do norte de Europa, os lenzos teñen sobrios efectos atmosféricos. Tenden a ser extremadamente realistas na atención ao detalle. Respecto ao desafío ao tempo, coas primeiras engurras, Elizabeth preocúpase cada vez máis pola representación do seu aspecto. De tal xeito que dende 1573, a tendencia a estilizar o rostro sería unha constante, ata o punto de converterse nun dos puntos básicos para pintala. A medida que se fai maior e coa cuestión da sucesión sen resolver, o Consello decide destruír en 1596 todos os retratos que a mostran feble ou macilenta. De esta forma calquera persoa que vise as imaxes de Elizabeth nestes anos, pensaría que a carismática Raíña Virxe era unha figura firme e que, polo tanto, mantería con resolución o esplendor do seu país. A medida que se fai maior e coa cuestión da sucesión sen resolver, o Consello decide destruír en 1596 todos os retratos que a mostran feble ou macilenta O Retrato do Arco da Vella busca esta idea. De todas as imaxes de Elizabeth, este cadro destaca pola súa impresión indeleble e xenuína. É froito dun olfacto para a publicidade e un dominio sobre a mesma de moito tempo. No lenzo fíltrase a extraordinaria relación entre ela e a sociedade. Elizabeth, ao asumir como propios os intereses do pobo inglés, espertara un compromiso e un apoio pouco comúns. Con razón no seu discurso ante o Parlamento en 1601 di: "(…) porén, eu sempre mirei (por así dicilo) sobre una mesa plana onde [un texto] está escrito sen parcialidade nin prexuízo. A miña preocupación foi sempre proceder xustamente e rectamente para conservar o amor do meu pobo", que valora "(...) non considerándoo no mais baixo da miña mente, senón escrito no mais profundo do meu corazón, porque sen iso principalmente, outros favores teñen pouco valor para min, aínda cando son infinitos" (British Library, MS Cotton Titus C.VI, fols. 410r – 411v). Por iso, este retrato hoxe é capaz de mostrar todas as ambicións, todas as forzas e aspiracións desta muller de Estado.
NOS_7105
"No marco das competencias deste Goberno, estamos a traballar no borrador da distribución horaria das diferentes materias, e nel daremos máis importancia á lingua castelá", declarou Pilar Alegría.
O Ministerio de Educación e Formación Profesional traballa nun novo currículo educativo, que fará público pronto. Entre os aspectos que o Goberno de Pedro Sánchez quere cambiar está o uso da lingua nas escolas. Nunha entrevista en El Mundo, a ministra Pilar Alegría asegurou que traballarán para que o castelán teña máis presenza nas aulas. "No marco das competencias deste Goberno, estamos a traballar no borrador da distribución horaria das diferentes materias, e nel daremos máis importancia á lingua castelá", declarou Alegría, quen asegurou que o Goberno español considera "absolutamente esencial para o desenvolvemento dos estudantes" que haxa unha gran presenza do castelán no currículo educativo, así como de matemáticas e materias artísticas. "Lingua castelá será a materia que máis horas terá en ESO. Nos próximos días trasladarei ás comunidades autónomas a distribución das materias para que poidan completar o currículo", anunciou a ministra. Alegría considera que desta maneira está a protexerse o dereito do alumnado para cursar os seus estudos na lingua desexada, mentres que ao mesmo tempo garántese que se aprendan as linguas cooficiais. As enquisas e os estudos sobre o uso do galego, con todo, sinalan cara a outro lado, un panorama no cal a lingua galega cada vez cae máis en desuso ante o castelán. Como lembra a ministra: "A educación é unha cuestión de Estado". Nova maneira de avaliar A entrevista tamén puxo o foco na nova maneira de avaliar os estudantes, onde a figura do suspenso cambia. A ministra remarcou que o Estado español é dos que máis repetidores ten. "Cando un estudante suspende non é un fracaso individual, senón colectivo", expresou Alegría, e engadiu: "A repetición de curso como solución estrutural é negativa. Trátase de poñer medidas para, cando se detecten as dificultades dos estudantes, poder permitir que aprendan ao máximo" Seguindo este sentido da colectividade, a ministra sinalou que coa nova lei educativa repetir curso decidirase de forma colexiada e a avaliación contínua xogará un peso fundamental, deixando atrás a imaxe do exame en que un se pode xogar todo o curso.
NOS_55723
Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto é o libro de narrativa máis vendido nos meses de xullo e agosto segundo o "Taboleiro do libro galego" do blogue de Ramón Nicolás que vén de publicar os resultados dos dous meses xuntos.
Polos datos aportados por trece librarías de todo o territorio galego, o novo título de Xurxo Souto, Contos do mar de Irlanda, é a obra de narrativa máis vendida durante o verán. O autor, que fará a maior parte das presentacións no mes de setembro, deu a coñecer o seu novo libro en actos que se desenvolveron en especial en entornos "marítimos" como museos do mar e tamén na Feira da Coruña. Malia levar xa meses no mercado, A viaxe de Gagarín, de Agustín Fernández Paz continúa no cumio da listaxe, seguida por A voz do vento de Pemón Bouzas, ambas en Xerais. Ningún amante sabe conducir de Rosalía Fernández Rial, en Positivas, foi o libro poético que máis foi requerido nas librarías este verán, a seguir da Transfusión oceánica de Xosé Iglesias, da A.C. Caldeirón e Estrela do Norte de Luís Rei en Faktoría K. Afonso Eyré faise co primeiro posto no ensaio nos meses de verán co seu Eu estaba alí de Hércules de Edicións antes de Contra a morte das linguas, o ensaio-investigación de Miguel Moreira que leva tamén varios meses nas librarías. O peche da triloxía de Rosa Aneiros, Ámote, Leo A. Terminal de... chegadas? consigue ser o máis vendido en xuvenil mentres O soño de Esther de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso ocupa o mesmo posto en infantil, público que domina no apartado de libros-cd-dvd presidido polo Brinca vai! De Paco Nogueiras. Luís Dávila con O bichero IV e Tokio con A causa do crime fanse cos primeiros lugares na banda deseñada, segundo os datos recollidos polo crítico Ramón Nicolás no seu Caderno da crítica para os meses de xullo e agosto.
NOS_10112
A Consellaría de Sanidade contabiliza catro novos falecementos, todos de persoas con patoloxías previas.
Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron na Galiza até os 2.557, polo que se manteñen por enriba dos 2.000 desde o pasado 16 de marzo; mentres que os casos activos ascenden a 22.649 (1.393 máis que o día anterior), e os hospitalizados aumentan a 448 (cinco máis). A taxa de positividade disparouse até 15,9% no conxunto do país. Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, recollidos por Europa Press, o número de ingresados na UCI por Covid-19 na Galiza ascende a 23 (cinco máis) e 425 permanecen hospitalizados en unidades convencionais, mentres que 22.201 pacientes están en seguimento a domicilio. Hai unha semana, o pasado 17 de marzo, había 376 hospitalizados, 26 deles en estado crítico. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aliviase en tres das sete: Vigo, Santiago-Barbanza e Lugo; mentres que aumenta nas outras catro: A Coruña-Cee, Ourense, Ferrol e Pontevedra-Salnés. En concreto, na área de Vigo, os enfermos de Covid na UCI aumentaron a tres (dous máis), mentres que os hospitalizados noutras unidades baixaron a 58 (12 menos); en Lugo aínda hai un crítico e os ingresados noutras unidades baixan a 44 (dous menos). Na zona de Santiago e Barbanza, aínda que os enfermos de Covid na UCI aumentaron a sete (dous máis), os ingresados noutras unidades baixaron a 80 (seis menos). Pola contra, na Coruña e Cee, os ingresados en unidades convencionais ascenden a 96 (dez máis) e seis continúan en coidados intensivos. Pola súa banda, na área de Ourense, os enfermos de Covid na UCI aumentan a catro (un máis) e os ingresados noutras unidades a 64 (cinco máis); mentres que en Pontevedra e O Salnés continúan dous en coidados intensivos e os ingresados noutras unidades soben a 43 (tres máis). A área sanitaria de Ferrol segue sendo a única das galegas sen pacientes ingresados na UCI por Covid, mentres rexistra 40 ingresados noutras unidades (dous máis). Sen baixar dos 20.000 casos Os casos activos soben por terceiro día consecutivo na Galiza até situarse en 22.649, o que supón 1.393 máis que o día anterior, xa que hai máis contaxios (2.557) que altas (1.160). O aumento é xeralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa Coruña e Cee á cabeza (+298), seguidas de Vigo (+277), Santiago e Barbanza (+257), Lugo (+173), Ferrol (+147), Pontevedra e O Salnés (+131) e Ourense (+114). Deste xeito, con máis contaxios activos segue a área da Coruña e Cee, con 4.772; seguida de Vigo, con 4.232; Santiago e Barbanza, con 3.747; Lugo, con 2.726; Ourense, con 2.543; Pontevedra-O Salnés, con 2.396; e a de Ferrol mantense na parte inferior, con 2.137. Segundo o último informe actualizado pola Consellaría de Sanidade este pasado 22 de marzo, a incidencia acumulada de 14 días na Galizaascende a 903,49 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal redúcese até 436,54. Aumento dos contaxios Os novos contaxios mantéñense por enriba dos 2.000 desde o 16 de marzo, tras detectarse 2.557. Polo tanto, os contaxiados na Galiza desde o comezo da pandemia aumentan até 540.007, dos que 125.637 corresponden á área de Vigo; 112.867, á da Coruña e Cee; 85.296, á de Santiago e Barbanza; 64.775 á de Ourense; 62.088, á de Pontevedra e O Salnés; 57.123 á de Lugo; e 31.438, á de Ferrol. Na cuarta feira realizáronse 3.073 PCR, o que suma 3.766.874 probas deste tipo realizadas desde o comezo da pandemia, e 3.773 probas de antíxenos, que elevan o totale até 1.602.040 probas na Galiza. Catro falecidos confirmados As persoas falecidas por Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 3.190 despois de que a Consellaría de Sanidade comunicase outros catro falecementos, todos eles de persoas con patoloxías previas.
NOS_24390
As probas das ABAU de acceso á universidade viñeron rodeadas dunha polémica a prol dun exame único en todo o Estado, promovendo así a recentralización do ensino. Sermos Galiza conversa a este respecto con Claudia Domínguez, membro de Erguer Estudantes da Galiza e que vén ademais de examinarse das ABAU.
As probas das ABAU, anteriormente coñecidas como Selectividade, estiveron rodeadas dunha polémica sobre a conveniencia de que estes exames fosen idénticos en todo o Estado, aflorando de novo os discursos que avogan pola recentralización do ensino. Sobre este debate e a conveniencia ou non duns exames como as actuais ABAU Sermos Galiza conversa con Claudia Domínguez Renda, alumna de ensino medio que vén de examinarse destas probas. Claudia é ademais membro do Consello Nacional da organización estudantil Erguer. Considera que as ABAU, así como as reválidas, son probas inxustas nas que "xogas todo o futuro en tres días". Esta estudante de 17 anos culminou o bacharelato de Ciencias Sociais no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía e examinouse das probas de acceso á universidade na facultade de Ciencias Económicas en Santiago. É unha apaixoada de Friedrich Nietzsche polo que xa ten decidido que estudará o grao de Filosofía na USC. Avalíase todo un curso en función dun exame. Non se ten en conta a aprendizaxe nin a evolución do alumnado Que valoración fai Erguer das ABAU? Son exames inxustos porque o estudantado non accede en igualdade de oportunidades e avalíase todo un curso en función dun exame. Non se ten en conta a aprendizaxe nin a evolución do alumnado durante a etapa educativa, unicamente priman un exercicio de memorización para os tres días en que se realizan as ABAU. É todo o contrario ao que significa a avaliación continua. Considera que debe haber unha ABAU única en todo o Estado? Desde logo que non. Galiza ten as súas características. De haber unha proba única o galego acabaría sendo unha optativa e mesmo eliminándose. Como valora o desenvolvemento das ABAU na Galiza e as incidencias que se produciron? Foi todo un desastre. O sobre que contiña o exame de Lingua Galega abriuse antes de tempo en Vigo e estivemos en toda Galiza agardando 20 minutos para poder comezar. Co de Filosofía entramos a sexta feira ás 11 horas para examinarnos, e cando nos repartiron a proba unha rapaza levantou a man queixándose de que as dúas opcións tiñan contidos mesturados, cando as normas estabelecen os temas que poden caer en cada opción. O exame aprazouse á tarde, e houbo xente que non tiña cartos para quedar a xantar ou que xa tiña o billete de tren de volta mercado e non tiña para costearse outro. Ademais, houbo centros onde o exame de Bioloxía repartiuse unicamente en castelán, e quen o solicitou en galego tivo que agardar varios minutos polo exemplar no noso idioma, mais recollérollo ao mesmo tempo que os demais que comezaran antes. Erguer leva varios anos realizando mobilizacións contra as reválidas impostas pola Lomce e as ABAU Que valoración fai Erguer da campaña informativa que desenvolveu contra as ABAU? Erguer leva varios anos realizando mobilizacións contra as reválidas impostas pola Lomce e as ABAU e o modelo de aprendizaxe memorístico que promoven. Defendemos por iso unha Lei Galega de Educación que defenda os intereses do alumnado e avogue por outro modelo educativo, sen esas probas inxustas, e que valore a evolución do alumnado. A campaña informativa que desde Erguer desenvolvimos de oposición ás ABAU tivo moi boa acollida. Eu repartín en Vilagarcía nas bibliotecas días antes das probas e a xente estaba interesada porque a maioría non entende que te esteas xogando todo o teu futuro en tres días. Xente que precisaba notas altas, de 12 puntos por exemplo, estaba moi nerviosa os días das probas, e non podes facer un exame con tantos nervios, condiciona moito.
PRAZA_3900
Os profesionais da Atención Primaria fan a primeira criba de doentes "para evitar saturar os hospitais" e o seguimento diario dos contaxiados illados na casa ou que saen do hospital e dos que presentan síntomas. "Somos o primeiro elo da cadea", explican.
Afastados dos aplausos ás persoas recuperadas ou que saen da UCI, lonxe das cámaras que gravan as saturacións e o encomiable labor nos hospitais, a Atención Primaria segue a ser a primeira criba, a trincheira inicial na loita contra o coronavirus. Os e as profesionais dos centros de saúde seguen a atender --case na súa totalidade por teléfono-- doenzas habituais nos seus barrios ou vilas ao tempo que fan seguimento das persoas diagnosticadas ou sospeitosas de padecer Covid-19: das positivas que manteñen o illamento na casa, daquelas con síntomas e á espera do test ou de non empeorar e tamén das que foron contaxiadas e saen dos complexos hospitalarios.Á marxe das consultas habituais, os persoal da Atención Primaria fai seguimento diario das persoas con coronavirus ou sospeitosas de estaren infectadas"Cada 24 horas poñémonos en contacto coa persoa e controlamos a temperatura, se ten tose, se está cansado ou se nota mucosidade e de que tipo", explica a enfermeira dun centro de saúde dunha localidade da área metropolitana dunha gran cidade sobre un control que se segue estritamente os quince días desde que o doente comeza o illamento.Cada médico da Primaria, na súa consulta, recibe do Sergas a relación dos seus pacientes aos que se lle fixo a proba, especificando se deron positivo ou non. Aí comeza ese seguimento telefónico en base a eses datos da historia clínica. No caso dos positivos, e pasadas esas dúas semanas, faise reconto dos días que o enfermo leva sen síntomas. Ao cumprir 14 sen eles, e segundo a súa evolución, valórase a conveniencia de facer unha nova proba que certifique a curación. Pero antes de todo isto, os médicos da Primaria deben facer unha primeira criba. En parte, "para evitar saturar os hospitais". "Somos o primeiro elo da cadea", explica Ramón Veras, doutor nun centro de saúde da Coruña. Neste, como noutros, recíbense chamadas ou mesmo visitas de persoas con síntomas, aínda que algunhas delas nin o manifesten. "Hai xente que chega por outra doenza e na consulta diche que tamén ten tose...", advirte o médico. Os profesionais dos centros de saúde fan a primeira criba na loita contra o coronavirus: "Somos o primeiro elo da cadea"No caso de que ese paciente con afectación respiratoria requira máis probas, envíase directamente ao hospital. Se os síntomas son menos importantes, derívase ao seu domicilio e explícaselle o illamento. Daquela, Medicina Preventiva encárgase de valorar se o doente pode acudir a facer o test en coche a algunha das unidades adaptadas ou se require ser atendido na casa. En todos os casos, como detallan varios profesionais, os centros de saúde do Sergas contan xa cun "circuíto diferente" para atender calquera persoa que teña síntomas compatibles coa Covid-19. "Entran por unha zona diferente ao resto e pasan a unha sala illada, onde é atendido por un profesional protexido para evitar contaxios para loga desinfectar a zona", explica Xosé María Dios, médico en Outes. Os materiais de protección, segundo relatan varios profesionais, son suficientes en pequenos centros de saúde, pero non tanto nos das cidades ou grandes vilas. "Ao principio non eran dabondo, pero agora parece que van chegando", conta Pablo Vaamonde, dun ambulatorio nun barrio da Coruña. Os centros de saúde estableceron xa un "circuíto diferente" e con espazos illados onde atenden as persoas con síntomas compatibles coa Covid-19"Nos primeiros días tiñamos no centro catro equipos de protección individual (EPI) e acababámolos xa en dúas consultas, pero nesta segunda quincena foi chegando máis material", explica unha enfermeira. "As medidas de protección non están totalmente garantidas... Se cadra o sitio máis seguro é o espazo que se reserva para posibles contaxiados porque xa vas protexido e sabendo o que hai, pero hai persoas que din non ter síntomas e ao pouco dinche que están tendo tose...", explica Veras. Aínda que hai casos sospeitosos e mesmo confirmados de contaxio entre o persoal da Primaria, non son os máis expostos, o que non evita o lóxico temor dos profesionais. De feito, o Sergas vén de trasladar aos sanitarios dos centros de saúde unhas indicacións de uso de máscaras cirúrxicas, que recomenda poñer cando resulte imposible manter as medidas de distanciamento físico pero que "non será necesario cando estean en espazos comúns no que a distancia pode manterse sen problemas". En todo caso, a rutina mudou. "Cambiounos a vida, estamos de teleoperadores", bromea Vaamonde. El, como todos os profesionais consultados, advirte de que o 99% das consultas son telefónicas. "Procuramos demorar todo o que se pode, como os controis periódicos de enfermos, para evitar aglomeracións, sobre todo en salas como a de analítica, onde sempre se xunta moita xente", explica. Case a práctica totalidade das consultas na Atención Primaria realízanse de maneira telefónica para evitar calquera risco de contaxioIso non evita que o choio se manteña. Entre 30 e 50 consultas telefónicas ao día é o habitual, ao unirse o seguimento telefónico dos afectados polo virus ás doenzas máis habituais. Nalgún centro, mesmo se habilitou un enderezo electrónico para que os pacientes enviasen fotos de erupcións ou eccemas para poder diagnosticalos e evitar calquera visita e risco de contaxio. Con todo, hai persoas que seguen insistindo en acudir ao médico. "Poucos, os dous ou tres de sempre que non hai maneira de convencer", explica un doutor. Tamén se manteñen algunhas visitas domiciliarias obrigadas e, malia que na Atención Primaria están intentando "reconverter toda consulta a telefónica", hai voces que piden que os centros de especialidades comecen tamén a atender por teléfono nos casos que sexa posible e a iniciar as consultas pouco a pouco.
NOS_17467
Lumes (Apiario, 2017) é un libro sobre como se forxa o suxeito. Sobre o que hai debaixo da superficie morna da familia. Sobre tenrura e decepcións. Sobre poemas atopados ao bordo dun encoro. Sobre a política dos afectos. Sobre a clase social dos paxaros e "o lugar máis pobre da terra". "Todos estamos aquí para ser ridículos. Para algunha vez perdoar e ser perdoados", escribe Ismael Ramos (A Picota, Mazaricos, 1994) no poema Primeira menstruación de María.
Nesta, a súa segunda obra -loada por crítica e lectoras-, o poeta procura identificar "eses pequeniños fíos" en que se vai desfacendo o individuo a cada hora. -Por que a familia, unha preocupación central en Lumes ou en Os fillos da fame (Xerais, 2014)? -É a institución na que primeiro socializamos, na que nos aprenden a estar en sociedade, na que se forxa o carácter, o cidadán. O cidadán non como cidadán do Estado, senón como membro dunha comunidade. Amais, a familia toca con moitos espazos diferentes: o dos afectos, o do político, mesmo co transcendental ou relixioso. Esas ensinanzas chegan da familia. Queira escribir sobre o que queira escribir, sempre bato coa familia. -A familia é tamén fundamental para entender como se relaciona o individual co colectivo, outro elemento nuclear do teu traballo. -É unha relación moi violenta. Esa relación entre o grupo e o individuo sempre vai estar tensionada entre o que o grupo lle aprende ao individuo, o que o individuo aprenda e o que o individuo desenvolva pola súa conta. É un constante querer encaixar e non ser quen. Sempre é difícil a relación dos individuos co todo. Algo que repito a propósito de Lumesé que os vínculos sempre son construídos, tamén os familiares. -Lumes non agocha as relacións de dominación que existen nunha institución a priori amábel, acolledora, como a familia. -En toda relación de afecto hai violencia. No círculo máis pechado da familia, ese primeiro lugar de socialización, que se entende bo, protector, aínda máis. Romper con esa idea é algo que ben sucede dunha maneira moi potente por todos os lados, ben vai rompendo por lugares máis pequeniños. Comoafíos.Aminoquemáisme interesa é fixarme neses fíos, os que rompemos todos os días, cada vez que pensamos con autonomía. Se un pensa unha cousa, deixa de pensar outra. O pensamento, nese sentido, é excluínte. Hai que tomar posición. -É por iso que insistes en que a túa poesía é política? -A miña poesía é política en tanto que teño conciencia de clase e estou falando dun estrato social determinado. -Pero chama a atención que fagas esa declaración explícita. -Fágoa precisamente para non ser malinterpretado, un medo que sempre ten un autor, unha paranoia do autor. -E ao mesmo tempo élle inevitábel ser malinterpretado. -Efectivamente. Non por nada, senón porque un non se interpreta ben nin a si mesmo. Entón é moi difícil.ç [A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos279, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]
NOS_5817
As fotos pertencen a albumes familiares mais socialízanse a través da rede, cunha persoa protagonista que fala para explicala. As "fotos faladas" do portal creado no Concello de San Sadurniño promoven unha memoria activa e participativa a través das novas tecnoloxías.
A foto mostra un grupo de mozas sorrintes. Son costureiras, de Naraío. A imaxe está en branco e negro. Dúas voces comentan o instante. Son Carme Meizoso e Ángela Puentes, dúas daquelas mozas costureiras polas que pasaron os anos mais lembran aquel momento como se fora agora mesmo. "Na costura cosiamos de todo o que nos deixaban. Bastillas, ojales... a xefa chamábase Margarita. Pasabámolo de marabilla. Sacamos esa foto ao lado do restaurante Carballo. Eran todas en branco e negro. Todas eramos moi guapas", comentan entre elas nunha conversa que se superpón á imaxe no portal Fálame de San Sadurniño. Crear comunidade a través da web Como a das costureiras de Naraío, máis de duascentas imaxes se recollen san na páxina falamedesansadurnino.org, unha iniciativa que está a consolidar a rede veciñal arredor da súa propia memoria. Detrás da idea de poñer a veciños e veciñas a comentar as fotos da historia do concello está Carme Suárez Nieto, axente TIC no concello e dinamizadora social a través das novas tecnoloxías. Ao seu ver, a experiencia, "permite mostrarlle á xente as posibilidades da rede; é unha ferramenta moi potente desde o punto de vista da formación. O apartado de "fotos faladas" implica moitas persoas que se animan a participar, e ofrece unha mestura de contidos, do pasado ao presente de San Sadurniño". Coas fotos faladas, Carme Suárez gábase de "crear comunidade a través da web" coa transmisión da identidade e a fala. "Participan desde cativos a persoas maiores, que achegan unha foto e comentan arredor dela. Comezamos o 17 de maio -día da Internet e as Letras- para mesturar a fala e as Tics, cun primeiro obradoiro, con once persoas, e o resultado foi abraiante", explica, do proceso que levou a que arredor da páxina cada vez se rexistre un maior interese entre a veciñanza, que buscan cada nova foto co comentario de quen está retratado ou quen coñece o momento recollido na imaxe. Unha canción, memoria da infancia, as festas... Aquel inicial obradoiro no que cada persoa traía fotos que se escaneaban, localizábase o lugar onde se realizaran para logo gravar un audio coa explicación deu nun portal que está a ser o maior centro de documentación da historia social de San Sadurniño alén dun punto de referencia para se atopar coa historia máis próxima. "O obxectivo é tamén promocionar o concello, e iso anima a veciñanza. Nos primeiros tres meses xa tiñan colaboraron arredor de 50 persoas nas fotos faladas, que achegaron documentos, grupos de música que ceden temas para a páxina, empresas... Estase establecendo unha rede de colaboración arredor do propio concello. As Tics son necesarias no proceso de dinamización do rural", defende Carme Suárez á que non lle custa recoñecer o entusiasmo que ten polo proxecto. "Falan de San Sadurniño cunha canción, contando da escola da infancia, falando das festas... e mesmo persoas que están fóra. Á xente gústalle e séntese orgullosa de mostrar o seu. As "fotos faladas" crean comunidade e transmiten identidade local; son unha radiografía do concello", destaca Carme Suárez Nieto, promotora do portal.
NOS_33590
A Fiscalía francesa investiga o suceso como un atentado terrorista. O autor dos disparos, de 29 anos, está identificado mais aínda non foi detido.
Un home armado realizou varios disparos na noite da terza feira perto do mercado de Nadal de Estrasburgo, matando tres persoas e ferindo outras doce das cales cinco están en estado moi grave. A policía logrou identificar o presunto autor dos disparos, que permanece fuxido, e estaría ferido. É unha persoa de 29 anos de idade nacido na mesma cidade alsaciana e que estivo preso sete anos por diversos delitos comúns. Estaba fichado pola súa radicalización relixiosa. Esta mesma terza feira, pola mañá, e no marco dunha investigación por un roubo a man armada foi rexistrada a súa morada, atopando a policía varias granadas de man. A Fiscalía de París, encargada dos casos de terrorismo, asume a investigación do tiroteo. Os axentes cercaron un edificio na zona da Praza de Etoile de Estrasburgo pola sospeita de que o autor do tiroteo estea no interior do mesmo.
NOS_57276
O sector da verbena concentrouse a cuarta feira no Parlamento, onde fixeron soar as súas trompetas nunha xornada de pleno para reclamar "volver traballar".
"Todo sigue igual e non se están poñendo medios", advertiron na cuarta feira concentrados ao pé do edificio do Parlamento da Galiza. En declaracións a Europa Press, o presidente da Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo de Galicia (Amproega), Diego Grande, denunciou que "as axudas son poucas e moi escasas", o que "non dá para sobrevivir". "O que necesitamos é que se reactive o traballo", engadiu. Nesta protesta participaron membros de orquestras de diferentes partes da Galiza como Vigo, Allariz ou Ferrol, baixo o lema 'Queremos recuperar a nosa vida', co que xa saíron ás rúas na primeira protesta do pasado mes de xullo. Tamén se viron pancartas nas que se podía ler: ' As nosas festas, o noso patrimonio'. "Até o de agora este sector nunca pediu nada público" Neste sentido, Grande pediu que se axude as comisións de festas. "Até o de agora este sector nunca pediu nada público, pero agora que o necesitamos non o estamos tendo e non se están tomando medidas para que volvamos traballar". "Somos o sector máis prexudicado con diferenza, somos os únicos que aínda non vemos a luz ao final do túnel", relatou. O representante do sector achacou esta situación a uns "protocolos absurdos" para "facer unha festa ao aire libre para 50 ou 100 persoas", "cando para outro tipo de actos hai outros protocolos moitos menos restritivos". Nun momento de vacinación "tan elevado", a Administración galega "debe facer algo máis factíbel para que unha comisión se anime a facer a festa". Por todo iso, demandan que "as medidas sexan máis acordes á situación actual, que se simplifiquen os protocolos e que se incentive a que se volva reactivar o traballo". "Só ao redor de 12 ou 15 orquestras puideron facer algunha actuación no verán" "Só ao redor de 12 ou 15 orquestras puideron facer algunha actuación no verán", polo que "non se pode vender que hai reactivación". Posteriormente a esta protesta, membros do sector mantiveron encontros con representantes dos partidos na Cámara. O sector da verbena prevé futuras mobilizacións até que se lles dea unha solución.
PRAZA_357
A eléctrica argumenta agora que o proxecto "non require da localización específica" nesa zona protexida, tal e como lle advirate a SGHN desde hai ano e medio e logo de que o BNG anunciase con denunciar o caso ante a Comisión Europea.
Gas Natural Fenosa recuou. Decidiu suspender o seu polémico proxecto de almacenamento de enerxía renovable no parque eólico de Cabo Vilán, incluído na Rede Natura, e a pesar de que a Xunta xa autorizara a súa tramitación neste lugar sen ter solicitado antes a avaliación de impacto ambiental. A eléctrica argumenta que a súa decisión chega tras novas consultas ás autoridades autonómicas e locais e malia que a súa tecnoloxía cumpriría coas máximas garantías ambientais. Gas Natural Fenosa renuncia a un proxecto que xa autorizara a Xunta malia non ter solicitada a avaliación de impacto ambiental Non obstante, a presión social e política parece que foi clave. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi quen alertou do plan e amosou o seu total rexeitamento, ao igual que AGE ou BNG, que rexistrou no Parlamento unha petición para a súa "paralización inmediata" e que anunciou unha denuncia ante a Comisión Europea ante as substancias perigosas, tóxicas e corrosivas que se prevían nos traballos. Agora, a SGHN cre que Fenosa "recoñece" que tiñan "razón", tras solicitar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que se "desbotase a realización do proxecto no interior do LIC e ZEPA Costa da Morte". O colectivo advertira que a enerxía eléctrica xerada polo parque eólico de Cabo Vilán" transpórtase e consúmese fóra" desta zona protexida, polo que "non semella xustificado que o sistema de almacenamento a medio-longo prazo de enerxía eléctrica teña que estar a pé de aeroxerador en lugar de, por exemplo, na subestación eléctrica máis próxima". A SGHN asegura que a eléctrica "recoñece" agora que tiña "razón" ao non atopar xustificación á localización do almacén no Cabo Vilán Ao tempo, a SGHN alertou de que este sistema de almacenamento contemplado no proxecto "precisa do emprego dunha substancia tóxica (sulfato de vanadio) e outra moi corrosiva (ácido sulfúrico) en cantidades e concentracións non especificadas na documentación recibida", que únicamente sinala as dimensións dos tanques, uns 25.000 litros que no caso de ácido sulfúrico concentrado "equivalerían a unhas 45 toneladas". Tal e como aclara a Sociedade, o pasado 15 de xaneiro, sorprendentemente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu que non era preciso sometelo a avaliación de impacto ambiental, "malia tratarse dun proxecto enerxético experimental prohibido en Rede Natura polo seu Plan Director". A decisión saltou rápidamente aos medios de comunicación, así como a resposta de Gas Natural Fenosa afirmando que levaría a cabo o proxecto "coas máximas garantías". Agora, Gas Natural recúa e asegura que o proxecto "non require desa localización específica para o seu desenvolvemento". En definitiva, "o mesmo que dixo a SGHN hai case ano e medio".
NOS_51686
Carme Adán (Donostia, 1966), doutora en Filosofía, docente e exsecretaria xeral de Igualdade na Xunta do bipartito, presenta esta semana a tradución ao catalán do seu último ensaio, Feminicidio (2018), que publica a editorial Triangular Edicións. A obra leva tres edicións en galego en menos dun ano e tamén foi traducido ao castelán. "É un libro que rebate algunhas cuestións que agora mesmo se intentan poñer no debate, como esa de que a violencia non ten xénero. Teno".
Feminicidio é un termo xa asumido?Eu creo que polo movemento feminista, si. Sobre todo no activismo social. E tamén se vai introducindo no feminismo académico. Empeza a estar presente nalgúns medios de comunicación e tamén se utiliza na política pública, pero aínda falta avanzar para que se asente na lexislación. No libro fala moito diso, por que son tan importantes as palabras?Claro que son importantes, senón non habería unha batalla ideolóxica por parte da extrema dereita… Marcan como entendemos o que sucede e van ás causas do que sucede. Nesa batalla preséntannos o que está a pasar como unha violencia intrafamiliar, pero non é unha modalidade máis de violencia que se dea nun ámbito de relacións familiares. É unha violencia estrutural. E o nome desa estrutura é patriarcado. Un elemento que funda ese patriarcado e permite que se reproduza é a educación das mulleres no medo e na non-liberdade, na limitación da liberdade das mulleres. Os conceptos son liberadores?Son necesarios. Sen conceptos non podemos pensar e, polo tanto, non poderemos actuar. Non poderíamos entender as cousas nin lexislar nin facer políticas públicas… A invisibilización é unha parte desa negación do pensamento libre. Os cambios sociais son de longo percorrido. O patriarcado está aí desde hai moitos séculos. E está en moitas accións cotiás, e para modificalas, hai que darse conta de como o sexismo está introducido en todos os ámbitos da sociedade. Explica no libro que se foi avanzando, nas palabras, pero tamén nos feitos…Si, fago fincapé niso porque eu veño da filosofía e tamén das políticas públicas e do movemento feminista. Dicíallo porque crimes como o de Valga son un golpe que mesmo fai poñer en cuestión se de verdade se avanza.A min o que me parece é que debemos mirar outros indicadores para analizar a evolución. Se a violencia é estrutural e non modificamos a estrutura, a violencia vai continuar… Mais si vexo máis xente nas concentracións, máis conciencia social, máis repulsa, e políticas públicas que van mudando esa estrutura. Non vexo retroceso. Para nada. O machismo pode resultar ás veces moi virulento, pero non me parece un indicador cando do que estamos a falar é dun proceso de cambio social. O que non vai pasar é que imos espertar unha mañá e toparnos con que a violencia desapareceu dun día para outro. Persoalmente, como encaixou unha noticia como a de Valga?Os momentos máis duros da miña etapa na política sempre foron despois do asasinato dunha muller. O que máis me custaba é falar diante dos medios porque nunca hai nada que dicir. Calquera cousa que se diga parece un lugar común. Sempre está esa pregunta polo por que. E logo, o minuto de silencio. Cando tiveches contacto coa violencia, sempre queda ese sabor amargo. Agora teño esa mesma sensación. No caso de Valga en concreto… buff!… quedamos todas pensando: que sucede aquí?, eses nenos… É impotencia. O machismo pode resultar ás veces moi virulento, pero non me parece un indicador cando do que estamos a falar é dun proceso de cambio social. Con Valga volven as polémicas sobre o tratamento mediático. Que opina del?Nefasto. Saltáronse todos os códigos deontolóxicos: non entrevistar nunca aos familiares, nin aos veciños, nin poñer o foco no aspecto, digamos, gore do suceso. A recomendación é trasladar a noticia e punto. Pois non. Non o fan. No caso de Valga os medios fan todo o contrario do que hai que facer. Moitos medios comprométense cos protocolos, ou se suman á Declaración de Compostela; pero cando chega o momento das audiencias van buscar o que vende. O movemento feminista xa non se conforma cos minutos de silencio e pide accións concretas xa. Que accións?Os minutos de silencio son simbólicos, mostras de respecto ás vítimas. Eu non os critico. Pero a cuestión urxente é desenvolver o Pacto de Estado e todos os orzamentos. Hai moitas medidas que se acordaron e que están sen implementar. Empezando polos centros de ensino, polos concellos e polas políticas da Xunta de Galiza. As medidas ficaron no papel. Iso non pode ser. Iso para empezar. Pero tamén hai que mellorar a prevención, o tratamento ás vítimas, actuar no ámbito xudicial, adecuar os xulgados… Levamos dúas décadas relatando que melloras reais se poden facer. Dúas décadas parece tempo dabondo.Pois non o é. En realidade a lei integral é do ano 2004 e necesita ter un recorrido. A lei galega é do ano 2007. Se tivera que sinalar responsabilidades concretas de por que estas leis non se desenvolven máis rápido, pois diría que todo o ámbito público. Hai que preguntarse até que punto é prioritario para os gobernos. E despois, cada un na vida cotiá debe preguntarse tamén que fai para mudar as condutas sexistas. Vivimos nun momento histórico no que todo o mundo emite mensaxes pero ninguén escoita. O feminismo non se pode permitir iso, sempre foi un movemento moi plural e con posturas que nalgún momento agochaban contradicións. No seu último ensaio advirte: "non podemos mudar os valores se non os explicitamos". Que valores ten que consolidar ou erradicar o feminismo na sociedade?Creo que falamos moito de igualdade e de xustiza social, pero en poucas ocasións definimos que significa e como se consegue. É facer patente que cando te privan da liberdade, prívante de desenvolver todas as túas capacidades. Para facer leis equitativas e xustas, necesitamos falar sobre os valores que impregnan a sociedade. Estamos enviando mensaxes contraditorias aos cativos, seguen vendo series ou vídeo-xogos nos que o importante é a competición, ser o máis forte, o máis macho… e por outro lado, nas escolas ensinámoslles o contrario. Educar é unha cuestión social. En que sentido a violencia de xénero é un problema político?Todas as relacións sociais, e tamén a nosa forma de relacionarnos politicamente, están atravesados por desigualdades e asimetrías. As mulleres acabamos de chegar ao ámbito público… nin hai cen anos. As desigualdades e as asimetrías seguen aí. Os propios partidos reprodúcenas. Acabámolo de ver nestas negociacións nas que os egos de dous homes impediron formar goberno. Habería que facer a lectura diso en clave de xénero. Seguiu a polémica sobre a cancelación na Universidade da Coruña dunhas xornadas sobre traballo sexual?Seguín. E que opina?Eu penso que ten que existir un debate real. E cando digo real quero dicir que non é unha postura por un lado e outra polo outro… Ten que haber un debate entre ese feminismo que se auto-denomina abolicionista, mulleres que non defendemos a prostitución pero que non nos definimos como abolicionistas e mulleres que defenden, como era o caso destas xornadas, determinada liberdade para o exercicio da prostitución. É un debate moi complexo. Ten a ver coa sexualidade e coa mercantilización dos corpos. Neste caso, o que vexo é que non se pode prohibir o debate. Prohibir é un verbo que conxuga bastante mal co concepto de liberdade que defende o feminismo. Hai que ter capacidade para escoitarnos. Vivimos nun momento histórico no que todo o mundo emite mensaxes pero ninguén escoita. O feminismo non se pode permitir iso, sempre foi un movemento moi plural e con posturas que nalgún momento agochaban contradicións.
NOS_22548
A marcha estaba convocada polas tres redes de ensino bretón.
Por volta de 5.000 persoas manifestáronse esta fin de semana en Kemper na defensa das linguas propias da Bretaña, o bretón e o galó, nunha mobilización convocada polas redes educativas bretoas: Diwan, Div Yezh e Divaskell. Un acto que tivo o apoio de diferentes plataformas e organizacións. Unha marcha "histórica", segundo os organizadores,e na que tomaron parte baixo lemas como "Unanet evit ar brezhoneg" (Unidos pola lingua bretoa) estudantes, familias e representantes do tecido social, cultural e político. A manifestación desafiou o forte vento para percorrer o casco histórico da cidade e rematar na Praza Saint-Corentin. As demandas dos manifestantes estaban resumidas nun manifesto de 10 puntos, nos que se demandaban máis medios e medidas para o ensino nestas linguas. A-bep seurt dañs a zo bet ! pic.twitter.com/7L2XkDifzU— Lise Diwan Karaez (@LiseDiwanKaraez) March 15, 2021
PRAZA_9941
Vigo e A Coruña son as cidades máis caras para vivir, seguidas de Pontevedra. Nas vilas entre 20.000 e 50.000 os prezos están a subir a un ritmo semellante ao das urbes, segundo as estatísticas oficiais do Observatorio da Vivenda da Xunta.
Dende que o pasado ano comezou a funcionar o Observatorio da Vivenda, as súas estatísticas permiten facer un seguimento da evolución dos prezos dos alugueiros, un indicador que ata ese momento non era público e sobre o que era difícil coñecer datos fiables. Os valores das fianzas depositadas no IGVS permiten coñecer con máis exactitude os prezos que se están fixando nos novos contratos, constatando o incremento sen freo que nos últimos anos está rexistrando o prezo da vivenda alugada en Galicia.Os prrezos nas vilas de 20.000 a 50.000 habitantes están a subir a un ritmo semellante ao das cidadesOs últimos datos publicados, correspondentes aos tres primeiros meses deste ano, amosan que o encarecemento dos alugueiros continúa a darse en toda Galicia, tanto nas zonas urbanas como nos concellos máis pequenos. O importe medio sitúase xa nos 407,7 euros, un 12,4% máis que no ano 2015. A suba é máis importante nas sete cidades, onde o prezo medio pasou de 387 a 449 euros, un encarecemento do 16%. Aínda que nas vilas entre 20 e 50.000 habitantes a suba foi semellante á media galega e inferior á rexistrada nas cidades, o gráfico amosa como dende o ano 2017 os prezos experimentaton un crecemento moi importante, dun 8% en só 15 meses, semellante ao das urbes.Vigo e A Coruña seguen as ser os lugares con alugueiros máis elevados, seguidos de PontevedraVigo e A Coruña seguen as ser os lugares con alugueiros máis elevados, cun importe medio de 483 euros e unha suba dende o ano 2015 do 17,5% e do 16,7% respectivamente. Por detrás, a terceira cidade máis cara para alugar é xa Pontevedra, cun prezo de 452 euros e unha suba do 25,2%. Santiago, con 436 euros, é a seguinte.Por debaixo de 400 aparecen Ourense e Lugo, onde os prezos están a subir a un ritmo moi semellante ao de Vigo e A Coruña. A cidade con alugueiros máis baratos e, ademais, onde menos soben é Ferrol.O distrito 15003, na Coruña (A Pescadaría) foi o que nos tres primeiros meses do ano presentou os prezos máis elevados, por riba dos 700 eurosO Observatorio da Vivenda ofrece tamén datos por distritos nas cidades. E, ao igual que vén sucedendo nas últimas actualizacións deste indicador, determinados barrios da Coruña e Vigo seguen a ser os máis caros para vivir, sobre todo na cidade herculina.En concreto, o distrito 15003, na Coruña (que podemos identificar co barrio da Pescadaría) foi o que nos tres primeiros meses do ano presentou os prezos máis elevados, por riba dos 700 euros. Por detrás aparece o tamén coruñés 15004 (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia), con 671 euros de media, e o 15001 (Cidade Vella), con 627 euros. O cuarto barrio máis caro atópase en Vigo, o distrito 36203 (O Castro e Gran Vía), tamén por riba dos 600 euros.
NOS_27259
O novo técnico herculino presentouse esta cuarta feira en Riazor en rolda de prensa. Na súa primeira intervención diante dos medios de comunicación evitou falar de pasado e non deu moitas pistas de como pensa corrixir a liña do equipo herculino para mellorar a súa situación na Primeira RFEF.
Expectación esta cuarta feira na sala de prensa de Riazor para ver e escoitar a rolda de prensa de presentación de Óscar Cano, o novo adestrador do Dépor que substitúe a Borja Jiménez como técnico do primeiro equipo. O andaluz non quixo falar do pasado nin valorar ao seu predecesor afirmando que "máis que falar cara atrás, quero ver aos mozos, o seu estado de ánimo, ver que poden dar de aquí cara a adiante". O Dépor move ficha e contrata a Óscar Cano como novo adestrador Após recoñecer que a súa fichaxe realizouse esta pasada segunda feira "pola mañá" recoñeceu que non ten "liñas mestras" mais que buscará "cohesionar á xente, relacionala de tal forma para que emerxa iso que cada un demostrou nos seus equipos anteriores". Na súa intervención, o técnico deportivista rexeitou falar de "carencias" no actual cadro de xogadores que atopou no Dépor e preferiu indicar que "hai posibilidades e marxe de mellora. Se hai un proxecto estrela, que de verdade conteña dentro de se mesmo unha alta probabilidade de ascenso chámase Deportivo da Coruña". Sobre o equipo actual co que conta, cre que "hai un persoal repleto de grandes centrocampistas, con xente que ten bo pé para saír, con xente determinante relacionada coa área". En todo caso afirma que terá sempre en conta á canteira coa que conta aínda que polo de agora non ten "un xuízo de valor" sobre o seu nivel, sinala que "se foron campións de España ten que haber bos xogadores". A presión de estar nun club como o Deportivo Mudar a situación do equipo herculino, no posto quinto da clasificación con sete puntos de diferenza respecto ao líder, e os malos resultados será a tarefa do novo adestrador. Cano confesa que leva "22 anos adestrando, pero nunca estiven nun club desta dimensión" e admite un gran respecto por un club "que tivo "nesta mesma sala de prensa xente importante como Irureta, Arsenio Iglesias, e no vestiario campións do mundo". O Dépor recupera esta cuarta feira o partido da primeira xornada En relación aos cambios de adestradores, Cano foi moi directo ao declarar que "onte asinei o contrato, firmas un contrato coa benvida e a acta de defunción. En canto firmas, quédache un día menos que estar aquí". Por último, sobre o pasado afirma que o Dépor "non ten nada que ver esta situación coa de Badaxoz. Aquí queren vir os mellores".
NOS_6789
Músico 'multigrupal', fai parte do Cuarteto Caramuxo, PELdeNOZ, CabRaret e a Orquestra Os Modernos, ademais de colaborar con formacións tan diferentes como The Homens, Roi Xordo ou Ruxe Ruxe. Agora comeza un novo proxecto en solitario en que conta co público como o seu mellor crítico.
Alonso Caxade gravou varias pezas que presentará nas redes estes días. A primeira leva por nome "Dança dos Moscas" e xa tivo 200 visitas no seu primeiro día. As seguintes serán "Gente Pota" e "Sr. Xorda". Porque un proxecto en solitario? Sempre participei en proxectos grupais e levaba un tempo pensando en facer un proxecto individual. Non por nada senón como un acto de facer as cousas eu só. Aínda así, se toda vai ben, ao final nas presentacións finais formarei unha banda. Polo de agora vou ir publicando pouco a pouco o repertorio que arranxei, gravado nun estudo moi modesto que teño na casa. A idea é ir facendo vídeos, ir publicando e vendo a reacción do público. Haberá máis vídeos entón?Haberá, aínda que moi modestos. A miña idea é facer unha triloxía e se as cousas van ben mesmo algún máis. Se non gostan pasar ao traballo enteiro e realizar directos. As redes decidirán. En todo caso non quero poñer o carro diante dos bois. Hai creatividade mesmo para facer produtos potentes mais a sociedade coido que non está hoxe para o seu consumo. Hai moito medo a consumir... mais iso é outro tema. 'Hai creatividade mesmo para facer produtos potentes mais a sociedade coido que non está hoxe para o seu consumo' As redes sociais son importantes para o teu proxecto? En xeral, as redes rematan converténdose nunha maneira que non sei se é decisiva mais si importante. É unha maneira de chegar a moita xente e ademais esta mesma xente pode difundir despois o que fixeches. O acceso final desde que hai correo electrónico ou carta mais no Twitter, Facebook, Vimeo ou YouTube. Para min, que non son unha persoa moi coñecida, tal e como está o mercado da música en Galiza é moi útil. Eu ademais teño unha postura favorábel ao copyleft , contraria á SGAE, estou polas redes como medio de difusión. Como definirías a nova experiencia que comezas agora?Xa teño cinco temas rematados que publicarei por partes como estratexia nas redes sociais. Non sei moi ben cal sería a súa definición mais eu tiven sempre dúas ideas moi claras: que o fondo fose de música tradicional galega, neste caso na "Dança dos Moscas" un pasodobre, e a un tempo que non semelle música tradicional. Pódese dicir que é algo semellante ao que fago noutras formacións en que toco como en PELdeNOZ ou Caramuxo mais separándome máis da tradición. Por exemplo nalgún tema cunha base de muiñeira con pandeira e logo cun arranxo, aínda que non me gusta moito a etiqueta, máis "indie". Caxade | Dança dos Moscas from Alonso Caxade on Vimeo.
NOS_28905
O valenciano, coñecido polos seus chistes machistas e homófobos, presenta en Galiza o seu último espectáculo: 'Te odio, pero sólo como amigo', que estará o 24 de marzo no Teatro Afundación de Vigo e o 25 no Colón da Coruña.
Máis de 2.000 persoas xa reclamaron a través da plataforma Change.org a cancelación destes espectáculos, que foron anulados en Bilbao por decisión do Concello, "xa que non é acorde" coa súa política de igualdade, e tamén en Elxe e na Laboral de Xixón. Ambos os dous espectáculos en Galiza forman parte de senllas programacións privadas, xa que o Teatro Afundación de Vigo é xestionado pola obra social de Abanca, Afundación, e o Teatro Colón -aínda que propiedade da Deputación- está xestionado por unha UTE liderada por Eulen, que xa manifestou a súa intención de non continuar coa concesión a partir de maio, que é cando remata o seu contrato, por razóns económicas. O mesmo espectáculo foi cancelado en Bilbao, Elxe e Xixón Jorge Cremades (Alacant, 1988) defínese a si mesmo na súa web como "un dos creadores máis influíntes do panorama actual". Seguido por máis de 400.000 persoas no Youtube, os seus vídeos son fenómenos virais. E os seus fans no resto das redes sociais non son menos: máis de cinco millóns en Facebook e máis de 100.000 en Twitter, entre outras. Ademais, acaba de publicar un libro co mesmo título do espectáculo. Presión desde a Deputación A área de Cultura da Deputación da Coruña mantivo unha reunión coa xerencia do Teatro Colón co fin de transmitirlle ás queixas recibidas pola programación do espectáculo de Jorge Cremades. E, diante da negativa dos actuais xestionadores do teatro, o departamento dirixido por Goretti Sanmartín "lamenta que as persoas responsábeis da sala non vexan a posibilidade de eliminar o espectáculo da súa programación, segundo explicaron, polas condicións previas do contrato". A xerencia do Teatro Colón argumentou na xuntanza que as condicións do contrato impiden a súa anulación, segundo a Deputación A xerencia do Teatro Colón argumentou na xuntanza que as condicións do contrato impiden a súa anulación, o que traería serios prexuízos económicos non asumíbeis para os seus orzamentos, segundo afirma a Deputación, que recoñece que -conforme aos termos do contrato- a empresa ten liberdade para decidir a programación do centro.
NOS_41730
A Xunta anunciou onte que freará a súa candidatura para facer parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), máximo órgano de concentración dos países lusófonos, e que incorpora tamén territorios que teñen o portugués como segunda lingua. Con esta decisión, bótase atrás unha iniciativa que fora proposta e acordada por unanimidade no Parlamento galego.
Así o manifestou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante unha comparecencia parlamentaria para dar conta da evolución da coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, na que se recollen accións deste tipo para fomentar os vínculos coa lusofonía. Segundo as súas explicacións, a medida tómase despois de que o Ministerio de Asuntos Exteriores manifestase o seu interese en que fose o Estado español, no seu conxunto, o que entrase na Comunidade. A candidatura galega presentábase en calidade de observador asociado, que é a fórmula que contemplan os estatutos da Comunidade para territorios non estatais. "Aínda se está dando corpo á presentación desa candidatura ao próximo pleno", avanzou García, quen recoñeceu que esta nova posibilidade "cambia" a forma na que Galiza se vai ver representada. Segundo sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, éa CPLP "unha agrupación de Estados". Nese sentido, indicou que a Xunta non ve coherente que "na mesma convocatoria" do pleno "concorran España e Galiza" con dúas candidaturas. "Non parece moi coherente que, no mesmo acto, entre o Estado e unha parte dese Estado", resolveu, sen descartar por completo que nun futuro poida retomarse a opción galega. No seu momento, Valentín García cualificara a posibilidade de entrada da Galiza na CPLP como "un logro histórico, que abre unha multitude de oportunidades". Críticas da oposición por este "retroceso" Os grupos da oposición criticaron na sesión este "retroceso" e reclamaron á Xunta que manteña a candidatura galega, porque "non son excluíntes". Ánxeles Cuña, do Grupo Común da Esquerda, reclamou que se "abran as portas" para "levar adiante" tamén a candidatura galega, unha cuestión para a que, como lembrou, xa "hai moito traballo feito". Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil acusou a Xunta de "renunciar" a que Galiza presente a súa candidatura e de romper, con iso, "un acordo unánime desta Cámara". Tamén criticou que se supedite a representación de Galiza á do Estado español. "Trasladámoslle, con absoluta rotundidade, que o BNG ten un compromiso firme de que sexa Galiza a que ingrese e desenvolva a súa propia representación", engadiu Rodil, que lembrou que esta opción está presente na lexislación. A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao censurou que esta situación "fai retroceder un pouco os avances que se foron dando". "Non se trata de confrontar as dúas candidaturas, senón de entender que podemos manter a nosa", manifestou. "Non entendemos que non sexa compatíbel coa candidatura do Estado español", observou a deputada.
PRAZA_4585
Hai unhas semanas botaba a andar Palavra Comum. Artes e letras da lua nova, unha revista cultural dixital, dirixida por Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e Ramiro Torres na que colabora un bo feixe de artistas e intelectuais galegos, portugueses e brasileiros.
Hai unhas semanas botaba a andar Palavra Comum. Artes e letras da lua nova, unha revista cultural dixital, dirixida por Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e Ramiro Torres, na que colabora un bo feixe de artistas e intelectuais galegos, portugueses e brasileiros. Ademais das achegas dos seus tres responsables,a revista conta coas colaboracións permanentes de Xavier Alcalá, Iolanda R. Aldrei, Márcio-André, Amadeu Baptista, Carlos L. Bernárdez, Inma Doval, José Estévez, Marcos Ferreiro, Xesús González Gómez, Antonio Iglesias, José António Lozano, Xacobe Meléndrez Fassbender, Eduardo Méndez Baamonde, Alberte Momán Noval, António José Queiroz, Xulio Ríos e Bieito Romero. "Na Galiza há muito talento, e os galegos temos muitos e bons amigos, por isso esta revista deve ser ante tudo um lugar de encontro, uma nova ágora" Alfredo Ferreiro destaca que este proxecto, "a criação de um espaço digital plural para mostrar as artes e debater sobre a cultura de ontem e de hoje, respeitando as particularidades de todos e ao tempo projetando-nos decididamente para a lusofonia" é "necessário". E lembra que "na Galiza há muito talento, e os galegos temos muitos e bons amigos, por isso esta revista deve ser ante tudo um lugar de encontro, uma nova ágora em que partilharmos a palavra comum, autêntica rainha de todos os corações e utopia perpétua do reino da poesia". En Palavra Comum, destaca, "nenhuma perspectiva generosa e sincera será estrangeira, na procura permanente de aquilo que nos une e converte a vida em um caminho frutuoso em boa companhia". Tati Mancebo decribe Palavra comum como "un espazo de comunicación entre a vangarda e os saberes tradicionais, conectados por un fío sutil ao longo dos séculos, desde a lareira ao pupitre, desde a boca da vella ao móbil do rapaz" De igual maneira, Tati Mancebo decribe Palavra comum como "un espazo de comunicación entre a vangarda e os saberes tradicionais, conectados por un fío sutil ao longo dos séculos, desde a lareira ao pupitre, desde a boca da vella ao móbil do rapaz". A revista ofrecerá semanalmente "petiscos de creación e de reflexión en torno á cultura entendida como proceso social de sementeira, crecemento e colleita de inquedanzas, desexos e pensamentos do noso povo. A arqueoloxía, a música, a fotografía, as lendas, a elaboración tradicional da sidra, as artes visuais, a literatura, a danza, a educación, a arquitectura, a gastronomía, os deportes tradicionais, a historia, todas elas atopan o seu lugar". "Nestes tempos de convulsão lançamos esta proposta, levados por essa mesma chamada que estais a sentir dentro de vós" Finalmente, Ramiro Torres destaca que "este será um espaço de expressão horizontal que nasce como um catalisador, aberto aos fluxos que percorrem inumeráveis propostas existentes, visando uma transformação permanente do seu (e do nosso) caminho com as colaborações de quem está a protagonizar, em grande medida, uma mudança de perspetivas para observar e interatuar com o que nos rodeia". Torres engade que "nestes tempos de convulsão lançamos esta proposta, levados por essa mesma chamada que estais a sentir dentro de vós, aprendendo das muitas formas de vida que permanecem ocultas, silenciadas ou quase invisíveis, desenhos de um enorme calado que consideramos devem ser tidos em conta na criação e ampliação do nosso conhecimento comum".
NOS_3472
González Formoso fixo referencia ás declaracións do presidente do PPE sobre o acordo, que cualificou de "capitulación".
O secretario xeral do Partido Socialista na Galiza (PSdeG), Valentín González Formoso, acusou o aínda presidente da Xunta e candidato á presidencia estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, de "danar a imaxe da Galiza" co seu apoio ao acordo de goberno entre o PP e Vox en Castela e León. Pacto PP-VOX en Castela e León: Feixoo abre por primeira vez as portas dun goberno á extrema dereita En declaracións aos medios este venres na Coruña, Formoso asegurou que o pacto é "unha mala noticia para a democracia española". "É a primeira vez en toda Europa que a extrema dereita entra no executivo dun goberno autonómico", explicou. Asemade, incidiu en que o presidente do PP europeo, Donald Tusk, cualificou de "mala noticia" e "capitulación" a decisión do partido que aspira a dirixir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a "defenestración" de Pablo Casado. Casado: "A cuestión é se en plena pandemia podes ter un contrato coa túa irmá e recibir 286.000 euros" O secretario xeral do PSdeG criticou que, "se esta é a moderación de Feixoo, a imaxe da Galiza queda seriamente danada". Preocupación no PPE polo acordo PP-Vox O presidente do Partido Popular Europeo (PPE), Donald Tusk, mostrouse preocupado polo pacto de goberno en Castela e León entre PP e Vox que foi apoiado polo aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como líder de facto da formación. O Partido Popular europeo, preocupado polo pacto PP-Vox en Castela e León apoiado por Feixoo Tusk, que anteriormente foi presidente do Consello Europeo, afirmou que agarda "só sexa un accidente e non unha tendencia na política española". O líder do PPE conversou cos medios comunicación na reunión previa dos populares ao cumio de líderes da Unión Europea (UE) que decorreu en Versalles. Á reunión do PPE acudiu o presidente do Partido Popular estatal, Pablo Casado, que se manterá no cargo até que o suceda Feixoo. Precisamente, o presidente dos populares europeos destacou a figura de Casado como unha "garantía persoal" de manter o PP no centro dereita e non facer pactos con Vox, formación "radical e ultradereita". Rueda xustifica o pacto do PP con Vox para gobernar Castela e León Deste xeito, o dirixente polaco avisou ao presidente do Goberno galego que pactar cun partido político afín á extrema dereita como Vox non entra dentro das visións do PPE, ao que pertence o Partido Popular.
NOS_41079
Concentracións esta terza feira, 31 de xaneiro, en varias cidades e vilas após o asasinato machista do Carballiño.
Este domingo unha muller foi asasinada na súa vivenda do Carballiño no que é o primeiro feminicidio de 2017 en Galiza. A policía detivo a súa parella, un home de 59 anos de idade, como presunto autor do asasinato. Hai convocadas para esta terza feira concentracións de rexeitamento en varias cidades e vilas de Galiza. "Xuntas remataremos co patriarcado criminal" e "Basta de violencia machista! O machismo mata!" son algúns dos lemas que figura na convocatoria nas redes destas mobilizacións. Hora e lugar. Todas as concentracións son ás 20:00 horas O Carballiño. Diante do Concello Lugo. Diante do Concello. O Ferrol. Diante do Concello. Compostela. Praza 8 de marzo Pontevedra. Praza da Peregrina ACoruña. Obelisco Ourense. Castañeira. Vigo. Diante do Marco
NOS_20575
Menos de 18.000 votos, o 1,1%, son o resultado de En Marea despois de que a facción de Luís Villares rompera con Podemos, Esquerda Unida e Anova. Na noite electoral, escudouse nas dificultades de facer "unha campaña en positivo nun contexto que talvez non era o mellor, debido ás apelacións ao medo e ás barricadas".
Villares só mencionou factores externos e lamentou a "polarización en chave estatal" dos comicios. Non obstante, asegurou que En Marea sente "alivio e alegría" pola contención da dereita e pola "vitoria do bloque progresista". "Somos parte del", engadiu. O portavoz de En Marea continuou as súas explicacións dos exiguos resultados e dixo que, ao seu ver, moita "xente progresista concentrou o seu voto no PSOE a costa do sacrificio dos intereses de Galiza. O motor do discurso foi o medo e non as propostas". "Toca reflexionar", asegurou no único indicio de autocrítica da comparecencia, "en vindeiras ocasións esforzarémonos en explicar mellor a nosa proposta". En Común Unidas Podemos Un deputado pola Coruña, outra por Pontevedra e algo máis de 235.000 votos son o resultado de En Común-Unidas Podemos. Segundo Yolanda Díaz, cabeza de lista por esta última circunscrición, son "a pista de saída para gobernar a Xunta". Para Díaz, que compareceu en Compostela na noite electoral canda Antón Gómez-Reino, os resultados electorais "deixan completamente esnaquizado o PP, o partido da corrupción". E celebrou "a derrota do bloque da dereita, non vai gobernar o bloque reaccionario", ao tempo que afirmaba que "a cidadanía dixo claramente que quere un Goberno de progreso". "En Común Unidas Podemos traballará desde mañá para cumprir o mandato da cidadanía galega e española", engadiu. Gómez-Reino sinalou que a alianza entre Podemos, Esquerda Unida e Equo irá a Madrid "para conformar un goberno de progreso en que Galiza estea no centro. Nas eleccións de 2016, os partidos integrados en En Común concorreran canda Anova aliados en En Marea. Acadaran cinco cadeiras no Congreso e unha no Senado.
NOS_6339
O tribunal anula a concesión da licenza de obras porque non se adecúa á legalidade urbanística, e expresa a súa "sorpresa" porque a Xunta aprobara estas obras, que afectarían a Rede Natura e o espazo protexido da enseada de San Simón.
O xulgado do Contencioso Administrativa número 2 de Vigo vén de dar a razón á Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón e paralizar a ampliación de Aucosa, unha empresa de elaboración de fariñas e aceites a partir de peixes, situada no concello de Redondela No seu auto, o tribunal estimou o recurso do colectivo social e anulou tanto a licencia de ampliación das instalacións como a modificación da mesma, xa que entende que as obras non se axustan á legalidade urbanística e agravarían a situación de incompatibilidade co planeamento que xa ten actualmente Aucosa. O Concello de Redondela foi quen otorgou a licenza á empresa para que esta acometese as obras, co obxectivo de "modernizar" as instalacións e levar a cabo "melloras medioambientais". Posteriormente, a Xunta informou favorabelmente sobre as actuacións. Nun primeiro momento, a Plataforma presentou un recurso de posición contra a resolución do Concello. Tras ser rexeitado, decidiu actuar pola vía do contencioso administrativo, que finalmente lles deu a razón. "Sorpresa" pola decisión da Xunta No seu escrito, o xuíz instrutor do caso afirma que o arquitecto municipal de Redondela obviou no seu informe que as obras afectarían a Rede Natura e o espazo protexido da enseada de San Simón. Asemade, o informe sinalaba que non era necesario un estudo de impacto ambiental para a concesion da licenza, xa que aílda que parte das actuacións previstas terían lugar en chan urbano, outra gran parte terían lugar nunha zona de dominio público. Na sentenza, o maxistrado tamén sinala a "sorpresa" de que a Xunta, a través da dirección xeral de Ordenamento do Territorio e Urbanismo, aprobase as obras. O tribunal recoñece que o Goberno galego adoita aprobar a demolición "de calquera caseto aínda que invada parcialmente este espazo. Porén, no presente caso, minimízase a actuación licenciada e resólvese en sentido contrario".
NOS_2471
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, saudou este domingo a publicación do BOE pola que, coa entrada na fase 3 do desconfinamento, as galegas e galegos poderán moverse libremente por todo o territorio nacional, sen restricións provinciais.
"Por fin podemos anunciar que, desde esta noite ás 00.00 horas, os galegos e as galegas recuperaremos a liberdade de mobilidade entre os 313 municipios, entre as 7 grandes cidades e entre todas as provincias", sinalou Feixoo durante a comparecencia posterior á conferencia de presidentes, a décimo terceira que mantén Pedro Sánchez con dirixentes territoriais desde o inicio do estado de alarma. Ademais, o presidente da Xunta avanzou que ao longo da xornada espera manter unha conversa co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, para "avaliar" as posibilidades de circulación, debido a que ambas comunidades pasan á fase 3 esta segunda feira. Nesa liña, demandou a Sánchez "aclaracións" sobre as competencias que se delegan nos Gobernos territoriais á hora de poder limitar a mobilidade, no caso de que se produza un rebrote da COVID-19 e de decidir se Galiza pasa de forma anticipada ou non á chamada 'nova normalidade'. Na conferencia, Feixoo solicitou tamén ao Goberno central que cando menos un aeroporto galego figure entre aqueles que poden recibir voos internacionais e reclamou a reapertura doutros catro pasos fronteirizos entre Galiza e o norte de Portugal, "polo menos para mercadorías e traballadores". Nas peticións do Goberno da Xunta a Pedro Sánchez está tamén a baixada do IVE do turismo e a eliminación da taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego (OPE) deste 2020 para as oposicións de sanidade e de servizos sociais, medida que reivindicou como "como unha forma de "facer xustiza cos colectivos que máis traballaron durante a pandemia". Reparto de fondos Na sesión deste domingo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, informou dos cambios nos criterios para a repartición do fondo de 16.000 millóns non reembolsábeis que se aprobarán para os territorios, incluíndo un fondo para educación e outro para mobilidade, que se dirixen a compensar unha parte dos gastos que xerou a crise do coronavirus durante estes meses, e que pasan a primar a poboación. O aumento do peso poboacional era unha reivindicación dalguns Gobernos, xa que inicialmente se prevíae que un dos criterios de maior peso no reparto fosen os gastos nos que se incorreu para atender as necesidades sanitarias da pandemia. Así, segundo fontes do Goberno galego, o presidente comunicou que 9.000 millóns destinaranse a gastos sanitarios; 2.000 millóns para un fondo de educación e outros 5.000 millóns serían para compensar a caída de ingresos derivada do parón económico. Destes últimos, 800 millóns irán compensar a diminución da facturación dos servizos de transporte, como metro, proximidades ou autobuses interurbanos. En canto a axuda para a sanidade, márcase un primeiro tramo de 6.000 millóns de tal forma que a poboación protexida equivalente pasa de pesar 20% a 35%, e no segundo de 3.000 millóns, o peso poboacional pasaría de 40% a 45%. O fondo sanitario será de 2.000 millóns e xorden dunha reorganización da proposta inicial de repartición do fondo non reembolsábel. A repartición deste novo fondo para educación vincularase en 80% á poboación de 0-16 anos e 20%, á de 16 a 24 anos.
NOS_10629
A gañadora, para alén do premio económico, terá garantida unha serie de representacións en diferentes concellos.
A Casa-Museo Manuel María convoca a segunda edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais. O Certame, de periodicidade bienal, ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María. Poderanse presentar as compañías profesionais ou produtoras de teatro galegas, así como empresarias ou artistas a título individual que conten con cobertura de produción para a súa representación. O certame supón a colaboración entre a Casa-Museo Manuel María e diferentes concellos e deputacións. Isto fai que presente unha fórmula absolutamente orixinal en canto que, por unha parte, a Casa-Museo achegará a cantidade de 4.000 euros (o duplo que na primeira edición) como axuda á produción do proxecto gañador e, pola outra, as institucións públicas comprométense a que o espectáculo se represente no seu ámbito territorial. A estas alturas, dado o contexto socio-sanitario que se está a vivir, non está pechado o número de concellos que van participar nesta segunda edición, mais desde a organización agárdase, cando menos, igualar os 26 da edición anterior. A data límite para que as compañías presenten os seus proxectos é o 30 de setembro. Na primeira edición a Comisión de Selección, composta por Manuel Lourenzo, Quico Cadaval e Belén Pichel, recoñeceu como mellor proxecto o presentado por Teatro da Ramboia sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa do Bululú.
NOS_55018
A crise do capitalismo atacou con brutalidade a clase media, esvaecendo o perfil das persoas en risco de seren pobres. Os números falan por si propios: de cada cen persoas, só dez ficarían fóra do alcance da gadaña da pobreza, ao teren ingresos anuais que soben por riba dos 100 mil euros. Na Galiza, máis de 70 mil comen cada día do banco de alimentos. A demanda vai en aumento mais a UE debate fecharlles a billa do financiamento
"O perfil da pobreza? O perfil da pobreza esvaeceuno esta crise que castiga xustamente os que non temos culpa dela. A salvo fica só ese 10% con ingresos que superan os 100mil euros ao ano. O resto, non sabemos que será de nós". Aínda así, continúa polo camiño da feminización, e apura o paso. Máis de 260.000 persoas estaban sen traballo na Galiza a finais de xullo, un dos meses en que o turismo turra da creación de emprego. Moitas delas non saben que é a prima de risco. Caderno en man, suman e restan até faceren que dúas e dúas sumen cinco. Hai que cadrar as contas para que non sobre mes a final do soldo. Quen teña un soldo. A economía volve ás orixes: oikos e nomos. Mirar pola casa. Volver ás estratexias de supervivencia das nosas avoas. Desatar o pequeno fachico de aforros gardado debaixo do colchón ou no armario, no medio da roupa, para pagar os gastos pequenos. E dos grandes, prescindir. 50 mil pobres máis cada anoNa Galiza, a comida de máis de 70 mil persoas vén dun banco de alimentos. A Enquisa de poboación activa fixa en 83.700 o número de fogares galegos que non reciben rendas polo traballo. Para explicar a situación cómpre caer, por veces, na frialdade das cifras. Nove de cada dez persoas viven aos pés da pobreza. Os números da Rede galega contra a pobreza —EAPN Galiza— apuntan que cada ano hai 50 mil pobres máis. "Nun período de entre seis meses e un ano estas persoas vense nunha situación que nunca pensaron, e a clase media está especialmente castigada". Para alén desta cuestión, Xosé Cuns, vicepresidente da Rede, alerta doutra "tamén moi preocupante": a dificultade de reinserción laboral d@s traballador@s que levan 4 ou 5 anos no desemprego, que se torna "case imposíbel" se superan os 45 anos. A necesidade de fondos para os bancos de alimentos aumenta. Porén, o camiño seguido tanto pola Unión europea como polo Goberno español é a reducir o investimento, que no noso país cubría ao redor do 70% do volume total de víveres que se distribúen. En 2011 na Galiza distribuíronse 60 mil toneladas de comida. Este ano, aínda que a demanda medrou entre un 50 e un 100%, a cantidade repartida será menos, pois bancos e comedores sociais recoñécense superados por un panorama onde a fame vai a máis e as súas reservas van a menos. Ulos culpábeis?Continuando coa análise das consecuencias da crise, di Cuns Traba que "é unha constante a procura de chivos expiatorios, e desta volta tocoulle á poboación inmigrante, estea ou non en situación irregular". Na práctica, o que se aplicou foi unha "drástica" redución dos fondos que se destinaban a formación e creación de emprego, para alén de que o decreto da sanidade que leva na Galiza en vigor desde setembro de 2011 supuxo un azoute tal que o Sergas privou de atención até crianzas e mulleres embarazadas, saltando a excepción que contempla a propia norma. "O segundo chivo son os desempregados, considerados vagos; e o terceiro as persoas con discapacidade", apunta. Namentres @s fals@s culpábeis pasan fame e pasan frío, a Lei de dependencia "veu espir os servizos sociais asumindo as necesidades que estes cubrían, e está desmantelada de facto polo goberno español", subliña Cuns. A consecuencia: centos de mulleres que volven para a casa empurradas polo desleixo do estado para se ocuparen, soas as máis das veces, do traballo dos coidados. É a marca envelenada diso que chaman 'roles de xénero', propia dese tempo pasado ao que nos devolveron os gobernos galego e español ao trabaren nos dereitos sociais. Un tempo en que, na caixa da profesión, elas escribían Sus labores. Desafiuzamentos: xaque ao dereito a un teitoOutro dos dereitos que avalea coa crise é aquel que fala de termos tod@s unha vivenda digna. O número de casas baleiras medra parello ao dos desafiuzamentos. Nos últimos cinco anos practicáronse na Galiza 8 mil execucións hipotecarias, e a evolución, a xuízo de Cuns Traba, vicepresidente da Rede contra a pobreza, é "moi preocupante". Pasouse de 701 en 2007 a máis de 2mil en 2011, segundo datos do Consello xeral do poder xudicial. A propia Rede anda a xuntar as sinaturas que cómpren para unha ILP —iniciativa lexislativa popular— en prol da dación en pagamento, isto é, que a entrega do inmóbel cancele a hipoteca. En xuño, a maioría do PP rexeitou a toma en consideración da iniciativa do BNG —apoiada polo PSOE— para reclamar no Congreso español reformas lexislativas que posibilitasen xustamente a dación en pagamento. Argumentaron que a execución hipotecaria "excede o ámbito desta Cámara" e que o proxecto de lei de vivenda, en fase de tramitación, "contempla xa medidas para paliar os efectos da crise sobre os galegos en dificultades". O voto en contra o PP no primeiro trámite da iniciativa imposibilitou xa o debate no Congreso. Con todo, a mobilización social e o risco reputacional das propias entidades bancarias freou unha tendencia que, a 30 de maio, situaba en nove o número de familias que na Galiza quedaban sen casa nun día, o tempo que vai entre o nacemento e a posta do sol. "Por suposto, as execucións non se cancelan por solidariedade, senón polo propio interese en manter a imaxe de Novagalicia Banco". 111.305 persoas sofren privación material severaAsí as cousas, na Galiza son xa 111.305 persoas que sofren o que se chama 'privación material severa', e que fan parte das 6.849 que en 2011 estaban en risco de pobreza. Tal privación detéctase cando a familia 'cumpre' catro dos nove requisitos que seguen: vivir de alugueiro —Celsa paga pola vivenda—, non ter calefacción, non poder comer proteínas cando menos tres veces por semana, non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos, non ter carro, nin lavadora, nin teléfono e que gozar dunha semana de vacacións ao ano sexa un luxo imposíbel. Na beira oposta, ese 10% que fica fóra do alcance das gadoupas da crise fai subir as cifras do consumo de bens de luxo, como embarcacións, carros de alta gama e roupa de deseño. Coa xenreira de Cuns Traba concluímos: "Que non hai cartos? Esa é a grande mentira desta crise! Culpar o pobo dunha situación que non provocou e que fica consentida polos dous grandes partidos. O PIB somerxido na Galiza —26,3%— e no estado —23,3%— duplica a media europea —13%—. Reducilo en 10 puntos aumentaría os ingresos en case 3 mil millóns de euros cada ano --2.796 millóns, segundo os datos do Gestha, o persoal técnico de Facenda--. E non vén de facturas sen IVE. Vén da evasión de grandes fortunas e de grandes empresas. Dicir que non hai cartos é absolutamente indigno".
PRAZA_3706
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos/as da Coruña, vén de publicar un decálogo de consellos "para axudar a levar mellor esta emerxencia sanitaria". Chaman a organizar rutinas, manter unha actitude positiva cara ás demais persoas, manter o contacto telemático con amizades e familia e a informarse só de fontes fiables
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos/as da Coruña, vén de publicar un decálogo de consellos "para axudar a levar mellor esta emerxencia sanitaria no aspecto psicolóxico". Ambos os dous colectivos subliñan que están comprobando as "dificultades" ás que se enfrontan moitas persoas "para afrontar esta situación". Por este motivo, decidiron lanzar unha serie de recomendacións para sobrelevar mellor o confinamento e a tensión provocada pola epidemia e os seus perigos.O primeiro consello ten que ver coa información, instando a consultar "fontes fiables", como son o Ministerio de Sanidade, a Consellería de Sanidade ou os profesionais sanitarios, "descartando outras mensaxes de dubidosa ou descoñecida autoría que nos chegan a través de whatsapp ou redes sociais".O segundo é "ser solidario" e permanecer na medida do posible na casa. E, ademais manter unha "actitude positiva e responsable" coas persoas que te rodeanO terceiro é "escoitar" o teu corpo e "ante calquera signo de malestar como tose, febre ou dificultade para respirar" chamar ao 900 400 116 con tranquilidade, evitando acudir aos centros de saúde e urxencias médicas.Establecer rutinas de coidado: lavar as mans con frecuencia, usar panos de usar e tirar e manter a distancia recomendada con outras persoas. "Cumprir as indicacións fai que nos sintamos e esteamos máis seguros e seguras", destacan.Deter os malos pensamentos e substituílo por outros máis positivos. Vivir o día a día.Se unha persoa observa que as súas emocións son moi intensas, e non é capaz de xestionalas, recomendan pedir axuda a todas e todos os profesionais sanitarios. "Farmacéuticos/as, psicólogos/as, médicos/as, enfermeiros/as estamos para axudar". Con todo, destacan que sentir medo preocupación, ansiedade ou estrés é normal ante unha situación tan excepcional e que "as emocións teñen un papel adaptativo e todas son necesarias".O sétimo consello é "lembrar as túas fortalezas". "Na túa historia de vida contas con experiencias previas nas que tiveches que superar a túa ansiedade e o teu medo. Dentro de ti posúes os recursos necesarios para facer fronte a situacións adversas. Ponte en marcha para afrontar dunha maneira saudable esta nova situación", destacan.O oitavo é organizarse tanto na casa como no traballo. "Na casa comparte as tarefas domésticas coas persoas coas que convives" e no traballo "explica a túa situación persoal e se tes que teletraballar, faino establecendo un espazo e un horario". "As rutinas dan sensación de normalidade e de control", engaden.O noveno é manterse e contacto cos teus familiares e amizades. "Aproveita a tecnoloxía para comunicarte, especialmente coas persoas que están illadas e utiliza o humor para ter unha visión máis distendida da situación", din.Finalmente, chaman a atopar unha "oportunidade" nesta crise. "Este tempo de recollemento pode ser moi enriquecedor e unha oportunidade para reflexionar, ler, darlle corda á nosa creatividade, xogar cos fillos e fillas e aproveitar para facer aquilo na túa casa que non puideches por falta de tempo", destacan, engadindo que nos "toca vivir un momento excepcional e temporal do que todos e todas imos aprender".RetrincosAdemais, o GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do Colexio de Psicoloxía de Galicia vén de publicar o caderno "Retrincos de cores", un material útil para abordar esta emerxencia sanitaria con nenos e nenas a través do debuxo. O caderno, bilingüe, pódese descargar neste enlace."Queremos tamén ensinarvos a descubrir e coñecer as vosas emocións. Podemos sentir emocións distintas como enfado, alegría, medo ou inseguridade cando aparece algo inesperado""Agora que todos estamos nas nosas casas aproveitaremos para compartir os nosos mellores e peores momentos coa familia, as persoas educadoras e as coidadoras. É o mellor momento para facer todo o que axude a sentirse ben. Agora tócanos loitar contra ese coronavirus do que nos falan todo o tempo", sinálase na introdución. "As persoas maiores ensinámosvos a coidarvos para que non vos contaxien. Dicímosvos como hai que lavar as mans e moitas cousas máis. Queremos tamén ensinarvos a descubrir e coñecer as vosas emocións. Podemos sentir emocións distintas como enfado, alegría, medo ou inseguridade cando aparece algo inesperado", engaden. "Os que sabemos moito de emocións cremos que debuxar e escribir é o mellor modo de facer que os problemas se fagan cada vez máis pequenos. Así poderemos dominalos. Con este caderno trataremos de axudarvos", remata
NOS_37324
O sábado ás 20 horas coñeceranse as persoas e obras gañadoras dos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega nunha gala que terá lugar no Centro Ágora da Coruña. A narradora portuguesa Lídia Jorge será recoñecida como Escritora Galega Universal. A gala, aberta ao público,contará coas actuacións musicais de César Morán e Uxía.
Máis de catrocentos socios e socias da AELG votaron xa as candidatas das distintas categorías que se darán a coñecer na gala aberta ao público que terá lugar o sábado día 4 ás 20 horas no Centro Ágora da Coruña. Obras editadas no trancurso do ano 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística recibirán os galardóns que desde hai catroce anos entrega a AELG En narrativa, A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais) As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais) Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia), Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais) e Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia) optan á categoría de mellor obra de 2012. En canto poesía, a seleccionada estará entre Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos), emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora), Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior), O silencio, de Mario Regueira (Xerais), Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Factoría K de libros) e ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais). Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais), O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais), O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia) e Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais) son as obras seleccionadas no apartado de literatura infanto-xuvenil. Na categoría de ensaio son finalistas, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais), O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento) e Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais). Dúas obras de Laiovento, Novo teatro fantástico de Manuel Lourenzo e Banqueiros, coordinada por Francisco Pillado optan a mellor texto teatral. Blogues literarios, traxectoria no xornalismo cultura e tradución levarán tamén premio na gala da AELG. Catro premios con nomes Á marxe do recoñecemento á narradora Lídia Jorge como Escritora Galega Universal, tres premios da AELG teñen xa nome. A asociación da literatura galega homenaxea a Manuela Cortizo e Ángel Rivas na súa condición de "Mestres e Mestras da Memoria" "por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa literatura popular tradicional". En canto ao premio Institucións que se outorga a quen contribuíse de maneira destacada a divulgar a lingua e a cultura galegas, desta volta, a AELG recoñece o papel do asociacionismo cultural representado por entidades nacidas nos 60 e 70, a Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, e Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra. Finalmente, os humoristas gráficos Siro López Lorenzo "Siro", Xosé Lois González Vázquez "O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López "Gogue", Xosé Carreiro Montero "Pepe Carreiro" e Xaquín Bieito Marín Formoso "Xaquín Marín" recibirán a distinción Bos e Xenerosos.
NOS_11885
As cifras non deixan lugar a dúbidas. Segundo ADEGA, a superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera as 500.000 hectáreas, isto é 17% do total do territorio galego.
Os dados sobrepasan de longo as previsións fixadas polo plano forestal galego, un documento aínda vixente e á espera de actualización, que establecía en 250.000 as hectáreas ocupadas polo eucalipto no ano 2032. Ningún dado apunta a unha mingua no ritmo das plantacións, pola contra todos os indicios fan prever unha aceleración como consecuencia do abandono de terras agrarias e a moratoria fixada en Portugal para esta especie, o que está a provocar que a potente industria forestal do sector veciño fixe os ollos a esta beira do Miño. Mentres tanto, a eucaliptización avanza sen pausa en Galiza, ante a complicidade dunha administración autonómica ao servizo do conglomerado pasteiro capitaneado por ENCE. A Consellaría do Medio Rural facía publico a mediados do mes de abril os primeiros dados, após a entrada en vigor da lei de montes, sobre os incumprimentos detectados pola administración autonómica en Galiza nos últimos cinco anos. Segundo afirmaba o goberno galego, neste período foron identificadas un total de 1650 plantacións ilegais, ordenando arrincar unha extensión forestal que suma 30.000 hectáreas para o conxunto de Galiza e 10.000 para as comarcas de Lugo, aos que se deben engadir aquelas plantacións xa levantadas unha vez que o propietario recibiu o apercebemento por parte da administración autonómica. A superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera, no conxunto da Galiza, as 500.000 hectáreas, isto é, 17% do total do territorio A Xunta de Galiza recoñecía, o pasado mes de outubro, que só en 2017, 995 propietarios forestais foron apercibidos por repoboacións forestais en terreos prohibidos ou o cambio da actividade dos terreos de uso agrario ao forestal ou polo incumprimento das distancias de seguridade. O goberno galego e o movemento ecoloxista non só discrepan sobre a superficie plantada ilegalmente por eucaliptos. A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) critica a Xunta pola súa escasa vontade e dilixencia á hora de perseguir as plantacións ilegais de eucaliptos até o punto de que o número de apercebementos, entre 120 e 150 para o caso de Lugo, corresponderíase coas denuncias presentadas pola propia organización. A incógnita por resolver estaría en determinar a canto ascende o número de denuncias por plantacións ilegais dilixenciadas de oficio pola propia administración ou mesmo, á vista destes dados, se a Xunta de Galiza está a tramitar xa estes expedientes. Malia os reiterados chamados de Adega, o goberno galego, que mesmamente fixo públicos os oficios realizados nun xesto de suposta transparencia, segue sen contestar esta petición. A perspectiva non convida a ser optimista. Un dos máis graves problemas está vinculado á ocupación de terras agrarias por plantacións forestais. A previsión é que nos próximos 10 anos a actividade agraria cesará en por volta de 200.000 hectáreas, co cal non sería estraño pensar que parte das mesmas poderían ser ocupadas polos eucaliptos. Así e todo, a pelota está no tellado dunha Xunta de Galiza que se resiste a mudar a súa política forestal, definida en boa medida polos intereses de ENCE. Un exemplo ben paradigmático atopámolo na súa negativa a facer cumprir a lei vixente, un marco normativo que no caso de ser aplicado con rigor posibilitaría avanzos positivos. A superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera, no conxunto da Galiza, as 500.000 hectáreas, isto é ,17% do total do territorio
NOS_15878
A consellaría de Sanidade celebra nunha nota de imprensa que o novo convenio "garante a estabilidade do centro hospitalario e permitirá a libre elección para a súa poboación de referencia". SOS Sanidade Pública rexeitou xa o acordo e cifran o seu custo en 75 millóns anuais.
Até 540 euros por paciente atendid@ durante un periodo de oito anos, prorrogábel a dez. É a cantidade que sairá dos orzamentos da consellaría de Sanidade cara aos petos da clínica privada Povisa co cal a Xunta pretende "garantir a estabilidade deste centro hospitalario" namentres desmantela servizos nos centros públicos. A plataforma SOS Sanidade Pública alerta de que a renovación do concerto con Povisa deixa en mans privadas "toda a atención especializada" da área sur do territorio de Pontevedra, unha vez que comece a funcionar o novo hospital de Vigo. A tradución deste novo acordo, do cal a consellaría de Sanidade presumíu a través dunha nota enviada á imprensa e pendurada na súa páxina web, vén dicir que Povisa poderá seleccionar @s doentes que atende. O custo anual, que sairá das contas públicas, cífrao SOS Sanidade en 75.000 euros sen contabilizar nin o gasto farmacolóxico nin a factura emitida polos servizos de queimados, maxilofacial e cirurxía, cedidos pola Xunta á clínica privada. O Sergas paga a atención do 75% d@s doentes de Povisa Povisa atende por volta de 100.000 persoas en virtude deste concerto coa Xunta que agora se renova. A listaxe de agarda que @s doentes teñen que soportar rolda os seis meses, motivo polo que a consellaría de Sanidade non a toma en conta para calcular a media de agarda na sanidade, que sitúa nos 59,5 días, para sinalar que as listaxes de agarda son menores hoxe do que en 2005. SOS Sanidade sinala que a día de hoxe @s pacientes de Povisa agardan "o duplo" que nun hospital público. Máis do 75% des@s doentes son derivad@s á privada polo propio Sergas, que paga a correspondente factura. A comezos deste ano traballador@s desta clínica mobilizáronse contra os 200 despedimentos practicados pola dirección e que deixaron faixas horarias sen cobertura. En agosto encetaron máis mobilizacións en que denunciaron a precariedade das súas condicións laborais, precariedade extensíbel á atención que se estaba a dispensar aos e ás enfermas.
QUEPASA_582
Muros é o único concello da comarca, e un dos cinco de Galicia, que conta con 4 únicas candidatas mulleres alcaldía. Hoxe falamos con Inés Monteagudo, candidata á alcaldía polo Partido Popular.
QPC: Cales son as liñas principais do seu programa para as municipais? Centramos o programa en tres aspectos que son os básicos de calquera proxecto: 1. Actuacións para os veciños, nas que incluimos medidas dirixidas -Ás familias: conciliación, a través dun PAI ou outras posibilidades, reducción de cargas fiscais para familias monoparentais e numerosas, bancos de horas para nenos e dependentes. -Ás persoas con discapacidades, medidas de formación accesibilidades, autonomía personal, apoio aos respiros familiares.. -Á loita contra a pobreza e a exclusión social: bolsas de suficiencia energética e emerxencia social. -Aos maiores: atención á dependencia, reducción da lista de espera en SAD, programas de envellecemento activo, bono transporte. -Á igualdade: aplicación da perspectiva de xénero en todas as actuacións municipais, desde os orzamentos ata as actividades. -Á Infancia e xuventude: estratexia local para a xuventude, achegamento ao mundo profesional, fomento de actividades saludables, ocio positivo, bono transporte. -Á cultura e deportes: creación dunha axenda municipal cultural e deportiva, creación de liñas de cultura e deporte base, cesión de instalacións, plan de mellora de instalacións, coordinación de actividades entre ESMU e NASMO. -Á saúde e consumo: ciclos de saude, fomento de hábitos saludables, programas de prevención de adiccións (ludopatía e drogadicción), consumo responsable e sostible. -Aos animais: coordinación de actividades e iniciativas e colaboración con entidade de defensa e protección da vida animal. 2. Emprego -Adhesión á rede de concello emprendedores de Galicia, con rebaixas fiscais e medidas administrativas de axilización de trámites, potenciación do asociacionismo -Melloras urbanas en entornos comerciais, reordenación do mercado e dos mercadillos, creación dun mercado artesanal e ecolóxico -A ría, o noso recurso mais preciado, ten que estar saneada, e hai que potenciar iniciativas de valorización dos nosos produtos -Turismo: o turismo nautico e o recoñecemento do Camiño de Santiago, xunto con plan de mantemento de espazos verdes e zonas de ocio, son os tres eixos fundamentais neste ámbito. 3. Territorio -Plan de mantemento de camiños, vías e espazos, rematar o saneamento, introducir criterios de eficiencia e aforro enerxético en temas como a iluminación pública, acceso de tódolos veciños a TICS, limpeza e mantemento de puntos de recollida de residuos, ampliación e racionalización de aparcamentos -Medio ambiente: posta en valor e recuperación de espazos naturais, turismo natural, prevención e loita contra os lumes forestais, traballar congiuntamente coas comunidades de montes. -Creación dunha carta de servizos municipais, reactivación de órganos de participación cidadán, modernización administrativa. -Plan plurianual de creación de espazos multiusos nas parroquias (para eventos, mercados, actuacións...) que se iniciaría coa recuperación da nave de plácido en esteiro, abrir o local do san francisco en louro, zonas verdes con mobiliario urbano nos lugares, impulsar un proxecto de recuperación do porto de cabanas en tal, transporte bonificado para usuarios de colectivos sensibles, soterramento do cableado no casco. QPC: Como ve a situación político do concello de Muros? A situación resulta bastante confusa, sobre todo para os cidadáns, que ven como no que se autodenominan "bloque de esquerdas" os seus integrantes pasan o día acusándose uns os outros: CxG dí que o Psoe é a ultradereita, e que eles son a auténtica esquerda, o Psoe dí que CxG son de dereitas, o BNG apoia a CxG pero reprochache que non fai nada... Só se consideran bloque para poder manipular a vontade dos veciños e xustificar as súas componendas. Foron incapaces en toda a lexislatura xa non de poñerse dacordo en algo, se non de tan sequera pasar un só pleno sen descalificacións e reproches constantes entre eles. E mentras pasaba todo eso o noso grupo traballou, presentou 25 mocións en 40 plenos, mocións que expoñían un problema e propoñían unha solución. Aprobarónse case que todas, e moitas por unanimidade. Esa unanimidade indica que demos cos problemas que preocupaban á xente e que tamén demos coa forma de solucionalos ou alomenos palialos. Pero... o goberno local foi incapaz de executar a maior parte desea acordos plenarios, e cando o fixo, foi tan desastrosa a xestión, que parecía peor o remedio que a enfermedade. Se as cousas non cambian, imos ter máis do mesmo: componendas para ocupar o sillón, e despóis reproches e malas palabras para xestionar. Precisamos un goberno forte e con apoio que saque a Muros da situación de declive na que se atopa e que se vai agravando día a día. E visto durante estes catro anos, ese goberno só pode ser o que integren os membros da nosa candidatura. QPC: Con que aspiracións chega o seu partido a estes comicios? Acadar a alcaldía e o goberno. Non podemos ter outra, xa no ano 2015 gañamos limpamente as eleccións, pero a portavoz do PSOE, escudándose en que a maioria eran os de esquerdas, doulle a alcaldía a quen despois iba boicotear pleno tras pleno. As aspiracións persoais e o interese propio antepuxerónse ao dos veciños, e a manipulación descarada que fixeron dos seus votos, para utilizalos para cumprir os seus afáns personais tanto a Sra González como a Sra Alfonso, é un dos episodios máis penosos na historia democrática do noso concello. QPC: A pesares de que a presenza da muller incrementouse na política nacional, no ámbito local a porcentaxe de mulleres segue sendo moi inferior á dos homes. O caso de Muros vén a ser a excepción que confirma á regra, non? En xeral, incrementouse a visibilidade da muller en moitos ámbitos, e tamén no político. E certo que o feito de que en Muros sexamos catro mulleres as que lideramos as candidaturas chama a atención, o que indica que esa visibilidade non está tan asumida como debería pola sociedade e os medios de comunicación. Se fosen catro homes os que encabezaran as candidaturas probablemente ninguen se sorprendería. Como muller e como muradana síntome orgullosa de que no noso concello a participación da muller non sexa un feito excepcional, creo que en Muros a presencia da muller en distintos ámbitos non é aalgo aillado, temos mulleres mariscadoras e mariñeiras, xuízas, farmaceúticas, avogadas, tendeiras, músicas, costureiras, encargadas de taller mecánico, arquitectas.... as mulleres en Muros estamos presentes e ocupamos cargos de responsabilidade, no Concello, na Confraría, nos centros de ensinanza, en organizacións e colectivos... As muradanas somos, en definitiva, mulleres do noso tempo, decididas e valentes. QPC: Contemplan un plan de igualdade? No noso concello xa existe plan de igualdade, outra cousa é que pasara do papel á realidade. Si existe un CIM dende hai xa bastantes anos, e constituiuse a Mesa insterinstitucional contra a violencia de xénero. Tódolos pasos que se dean cara á igualdade real e efectiva son importantes, e é un traballo colectivo que temos que facer entre todos. QPC: Qué medidas concretas se aplicarán nese ámbito? Acadar a igualdade é un traballo constante, e que require dunha actitude vixilante por parte da administración: desde a elaboración da propia RPT do concello, os orzamentos e bases de execución, que deben incorporar unha perspectiva de xénero, a formación, a colaboración con colexios e entidades, as campañas de difusión de actividades, ....en calquera faceta da vida hai algún compoñente no que se pode traballar pola igualdade, descubrilo, ver cómo afecta, e enfocalo de tal xeito que incorporemos a perspectiva de xénero ten que ser un traballo diario desenvolvido por un profesional de igualdade, que debe existir en todalas administracións. QPC: Cal é estratexia para crear emprego nos catro anos e que resultados (cuantificables) esperan conseguir? -Hai pensada algunha proposta para ampliar a oferta municipal de emprego ante a falta de servizos? A creación de emprego pasa sí ou sí pola reactivación económica. Non se pode crear emprego si non hai actividade económica. A oferta de emprego municipal non vai ser suficiente para atender á demanda existente, aínda que se levantaran ás restriccións á contratación de personal. A creación de emprego público é necesaria, xa que hai moitos servizos deficitarios en personal, pero non suficiente. É preciso polo tanto favorecer a implantación de empresas e autónomos, a través da formación, da simplificación administrativa e da incentivación económica. En todos eses factores o concello pode adoptar medidas que aínda que non sexan decisivas sí poden ser determinantes, medidas ás que se lle poden incorporar indicadores para avaliar a súa efectividade e repercusión real. Aínda que nestes últimos anos o comercio local sí parece que está máis activo en canto ao asociacionismo, o certo é que se bota en falta unha agrupación que represente os intereses dos actores económicos (autónomos, pequenas empresas, servicios...), un interlocutor para deseñar as actuacións máis acaídas para o que Muros precisa. A participación social é imprescindible para acadar obxectivos comúns, deseñar políticas de activación económica municipal sen poder contar cun interlocutor que represente ao colectivo ao que te dirixes supón un grado de dificultade engadida. QPC: Hai propostas económicas para fixar poboación (incentivos fiscais para atraer novos veciños e evitar que se marchen os mozos e non tan mozos, desgravacións ou bonificación para creación de empresas, etc.)? Durante estes catros anos levamos a pleno diferentes medidas que pretendían facilitarlles a vida á colectivos como as familias numerosas, pensionistas e persoas con algún tipo de discapacidade, por unha banda e tamén a aquelas persoas que apostaron polas enerxías renovables e a instalación de establecementos pola outra: pedimos bonificacións no imposto de circulación (IVTM), no imposto sobre bens inmobles (IBI), no imposto sobre construccións, instalacións e obras (ICIO),... Por poñer algún exemplo presentamos por unha moción na que pediamos unha bonificación do 95% para construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras, forestais, pesqueiras e marisqueiras situadas en solo rústico, outra na que pediamos a bonificación do ICIO en obras de accesibilidade en vivendas para discapacitados, ... Por outra parte, como comentamos máis adiante, a adhesión ao programa de concellos emprendedores da xunta conlevaría unha rebaixa de impostos e taxas municipais e unha maior axilidade administrativa na tramitación de licenzas e solicitudes. QPC: Tendo en conta a feble situación económica local (2º PIB máis baixo de Galicia), o lóxico será tentar a atracción/mobilización de inversión de fóra. Qué actividades concretas teñen pensado poñer en marcha para isto? Qué outros sectores, ademáis do turismo e as actividades relacionadas co mar, pensan potenciar para reverter a dinámica negativa da comarca? A información que nós manexamos indícanos que o PIB do noso concello está entre os máis baixos da provincia de A Coruña, concretamente no 10º posto empezando pola cola. No ano 2016, segundo o IGE, o PIB por habitante era de 11.279 euros, máis que Outes ou Lousame, pero menos que Porto do Son ou Rois, por poñer exemplos de concellos cercanos. Para o noso concello captar investimentos produtivos ten que ser unha prioridade, vainos o futuro en conseguir crear actividade económica e emprego. O concello ten que asumir neste sentido un papel proactivo, unha posible fórmula é adherirse á plataforma de Concellos emprendedores (Concellos doing business Galicia) , posta en marcha pola Xunta de Galicia, para o que hai que modificar as ordenanzas do IBI, IAE, ICIO, e diversas taxas, e comprometerse a resolver as solicitudes nun prazo máximo de 30 días. Esta adhesión supón ademáis ter prioridade no acceso a un número importante de axudas. Os datos indican que a ocupación céntrase no sector dos servizos, con moita ventaxa sobre a pesca, a industria e a construcción. A actividade no sector primario cínguese á pesca e ao marisqueo. Vainos ser díficil competir en actividades moi industrializadas, polo que hai que buscar oportunidades en produtos personalizados e que nos distingan, como a agricultura ecolóxica, o procesado de peixes e mariscos, a elaboración de produtos innovadores e gourmet, a artesanía -un sector presente e que non se está a potenciar e explotar-, as actividades relacionadas coa rehabilitación -cun saber facer importante gracias ao noso casco histórico-, os deportes de natureza -moi en auxe e para o que contamos cun entorno moi favorable-. QPC: Que medidas se pretenden formular para loitar contra a estacionalidade do turismo? O turismo supón un motor económico importante no municipio, pero necesitamos desestacionalizalo, creando oferta turística ao longo de todo o ano. Temos recursos e patrimonio para facelo, o que falta é crear vantaxes comparativas coa combinación destes factores para ofertar unproduto competitivo e de calidade. A combinación de actividades físico-deportivas, actividades naúticas, culturais e de natureza da para crear oferta para todo o ano. Hai dous elementos que consideramos ademáis de capital importancia: O CAMIÑO DE SANTIAGO, o recoñecemento da ruta que vai desde os portos á capital de Galicia pode ser un revulsivo para o sector, se sabemos rendabilizala; e a NAUTICA RECREATIVA, na que hai marxe para medrar. QPC: Que proxectos teñen en marcha para recuperar, aproveitar e poñer en valor edificios emblemáticos como o Cine París, as instalacións da Lonxa Vella, o Mercado de Abastos; ou o resto de antigas salgaduras que hai polo concello? Xa na anterior campaña das eleccións municipais incidimos en que os recursos patrimonais teñen que converterse en elementos dinamizadores da economía municipal. Por unha parte os edificios de titularidade municipal, ao igual que os privados, teñen certas restriccións derivadas da súa condición de elementos singulares, e doutra, moitas das edificacións ás que se refire teñen unha casuística moi variada que requeriría analizar cada caso (afectación costas, concesións administrativas....). O que é evidente é que un edificio como o da lonxa vella non pode ser utilizado como jalpón, a nosa proposta é darlle actividade económica, e convertela nun mercado de peixe e produtos frescos, dándolle cabida tamén, se é posible, a outro tipo de actividade relacionadas co mar, ou a restauración. É preciso tamén cubrir outras necesidades para mellorar ou ampliar os servicios que se prestan no concello, para o que se poderían destinar algunha doutras desas edificacións. As antigas salgaduras constitúen un rico patrimonio que hai que conservar, polo menos, nas súas expresións máis singulares, e téñense organizado rutas para a difusión deste patrimonio, que se recolle ademáis en interesantes libros, que dan conta dunha parte da nosa historia.
PRAZA_3163
'Xuxán' podería ser a denominación escollida polo Concello da Coruña para dar nome ao novo barrio da cidade herculina. Trátase dun dos topónimos tradicionais do lugar, recollido nun informe por Iván Méndez, técnico do seminario de Onomástica da RAG. Falamos con el.
Entre 1993 e 1994 a Xunta de Galicia expropiou 80.000 metros cadrados de terreo entre Eirís e Matogrande. O predio debía servir para construción de edificios de oficinas para empresas do sector da informática e as novas tecnoloxías, polo que foi bautizado como parque ofimático. Porén, o proxecto autonómico fracasou pola falta de interese das compañías que se tiñan que instalar alí. Xunta e Concello reformularon a idea inicial, recualificando os terreos para construír alí máis de 1.500 vivendas, unha decisión que os antigos propietarios recorreron xudicialmente, dándolles a razón os tribunais. Porén, a reparcelación dos terreos facía imposible xa a súa devolución, polo que o Goberno galego debía compesalos con edificabilidade.Iván Méndez recolleu no seu informe medio cento de topónimos que existían no lugar que ocupou o Ofimático: Camiño de Elviña, Camiño de Galán, As Peladas, Os Lagos, Longarela, Freixeiro, Agrelo, O Cubelo, O Barreiro... ou XuxánMáis alá das polémicas, conflitos e da lea xudicial que sempre acompañou a esta promoción, sempre se mantivo para o novo barrio que se estaba a construír a denominación (provisional e oficiosa) de "Parque Ofimático" ou "Ofimático". O avance das obras nos últimos tempos, que achega o momento en que as novas rúas sexan urbanizadas e habitadas, espertou o debate sobre o nome que se lle debía dar a este lugar. Hai uns meses, durante unha visita institucional á Real Academia Galega na nova alcaldesa, Inés Rey, xurdiu a idea de que a institución podía elaborar un informe sobre a toponimia tradicional dese espazo, que corría o risco de desaparecer coa nova construción.Iván Méndez, técnico do seminario de Onomástica da RAG, elaborou o informe en base ás investigacións que el mesmo realizara, a partir de fontes documentais e persoais, recollendo ao redor de medio cento de topónimos que existían no lugar no que nos últimos anos se construíu o Parque Ofimático. Entre eles Camiño de Elviña, Camiño de Galán, As Peladas, Os Lagos, Longarela, Freixeiro, Agrelo, O Cubelo, O Barreiro... ou Xuxán."O que propuñamos era que non facía moito sentido o topónimo que se estaba utilizando de 'Ofimático', habendo xa toponimia previa alí"O lugar de Xuxán situábase no centro xeográfico do actual polígono e daba nome ademais a unha fonte e a un lavadoiro. É, ademais, un topónimo moi singular, que de feito non existe como tal en ningún outro lugar de Galicia. Podía ser, polo tanto, unha denominación axeitada para algunha das rúas do novo barrio ou para o barrio todo. E, de feito, podería ser o escollido polo Concello da Coruña. A concellería de Urbanismo solicitou xa o informe entregado pola Real Academia Galega para o seu estudo, de cara a facer efectiva na Comisión de Honras e Distincións e posteriormente no pleno municipal a proposta para nomear unha das vías principais do barrio."Xuxán era unha pequena entidade de poboación que existía alí, seguro, dende o século XVIII, pois así está documentada, e posiblemente moito antes. O topónimo corría o risco de desaparecer e era unha mágoa que desaparecese, e así o dicíamos no informe", explica Iván Méndez en conversa con Praza.gal. "Nós non propuxemos que ese lugar se tiña que chamar así, que Xuxán tiña que dar nome a todo o barrio. O que propuñamos era que non facía moito sentido o topónimo que se estaba utilizando de 'Ofimático', habendo xa toponimia previa alí", engade."O nome de Xuxán é moi simbólico, porque ademais de ocupar o centro xeográfico do polígono, é un topónimo singular en todo o país"Méndez comenta que "en realidade nesa zona non había unha aldea como tal, un núcleo dun gran número de casas, como si sucedía noutras zonas. O espazo que se está a construír ocupaba parte de Carracedo, parte de Galán, parte da Pereiroa....". Porén, engade, "o nome de Xuxán é moi simbólico, porque ademais de ocupar o centro xeográfico do polígono, é un topónimo singular en todo o país". "Así mesmo, era un lugar que tiña importancia na contorna, porque en Xuxán había unha fonte que levaba activa dende o século XVIII e un lavadoiro público, e había outra toponimia relacionada (Viña de Xuxán, Xuxán de Arriba...)", di.De confirmarse a escolla de Xuxán para dar nome a todo o barrio produciríase un proceso semellante ao que se deu noutras zonas da Coruña, nas que un topónimo tradicional non só sobreviviu á construción da cidade, senón que pasou a dar nome a un espazo moito máis amplo. "Na Coruña sucedeu en moitos barrios que os nomes de antigos lugares quedaron reflectidos, co paso do tempo, na toponimia actual. Por exemplo, Os Castros, O Castrillón, a Agra do Orzán... eran pequenas aldeas que coa transformación urbanística que sufriron hoxe non teñen nada que ver co que eran, pero mantiveron os seus nomes", explica Iván Méndez.A perda da toponimia tradicional nas cidades"Os Castros, O Castrillón, a Agra do Orzán... eran pequenas aldeas que coa transformación urbanística que sufriron hoxe non teñen nada que ver co que eran, pero mantiveron os seus nomes"Mentres que en boa parte de Galicia, nas zonas máis rurais, a toponimia tradicional está en risco polo proceso de envellecemento, despoboamento e o cambio de usos do territorio, como destacaba nesta entrevista Vicente Feijóo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, nas zonas urbanas as ameazas para a toponimia veñen doutro lado."Danse dous procesos completamente diferentes. En gran parte do país hai unha profunda despoboación, que fai mesmo que mude o propio territorio: unha leira que sempre se traballara, convértese nunha leira a monte, e ao perder a súa función perde tamén a súa designación. Ademais, a relación deixa de ter esa relación continua que antes tiña co territorio e pérdese a memoria de cada lugar", comenta Iván Méndez. "En cambio, nas zonas urbanas prodúcese unha transformación dos topónimos completamente distintos", continúa. "A creación de novos barrios fixo desaparecer boa parte dos topónimos que había neses lugares""En todas as cidades houbo procesos urbanísticos que foron modificando o territorio, xa dende o século XIX. A creación de novos barrios fixo desaparecer boa parte dos topónimos que había neses lugares. Por exemplo, na Coruña onde hoxe está o barrio do Ensanche estaba o Campo do Carballo, Garás..., e moitos outros nomes. E este proceso intensificouse na segunda metade do século XX. Onde hoxe está o Polígono de Agrela estaba o Barrio Novo, a Infesta, a Torre das Vellas, O Regueiro... e ningún destes nomes se mantén", di.E conclúe: "no que hoxe é o Ofimático ata hai menos de dez anos había xente vivindo. Debuxouse un novo deseño sobre un mapa e borrouse todo o que había anteriormente, facendo desaparecer toda a vinculación que había co pasado, coa tradición". "As administracións públicas están obrigadas a protexer o patrimonio, e a toponimia forma parte do patrimonio", reclama.Recuperar topónimos ou honrar persoas?"No que hoxe é o Ofimático debuxouse un novo deseño sobre un mapa e borrouse todo o que había anteriormente, facendo desaparecer toda a vinculación que había co pasado, coa tradición"A maior parte das rúas das cidades galegas levan nomes honoríficos. Na Coruña, por exemplo, segundo a propia investigación de Iván Méndez, dúas de cada tres rúas teñen nomes honoríficos, a maioría en homenaxe a un home, e só unha de cada catro ten nome toponímico. "Moitas veces no nomenclátor urbano o que se fai é unha especie de Panteón de Galegos Ilustres, ou de Panteón de Coruñeses Ilustres neste caso", afirma o investigador, que reivindica a utilización dos topónimos tradicionais á hora de nomear as novas rúas creadas no proceso de urbanización. "Nas últimas décadas na Coruña apenas se recuperaron topónimos tradicionais para dar nome a rúas, escolléndose sobre todo nomes de persoa", critica. "Pero temos que ter en conta que non somos conquistadores dun territorio novo. O territorio existe e posiblemente leva chamándose así varios séculos", afirma."Nunha cidade como A Coruña non existe ningún mecanismo para salvagardar a toponimia tradicional das súas rúas, como si hai na cidade de Pontevedra, onde antes de nomear un novo espazo estúdase se alí había unha denominación tradicional", sinala."Moitas veces no nomenclátor urbano o que se fai é unha especie de Panteón de Galegos Ilustres, ou de Panteón de Coruñeses Ilustres neste caso"Iván Méndez subliña que "o nomenclátor urbano reflicte a ideoloxía de cada época". "Na Coruña, por exemplo, houbo un momento no que se puxeron nomes de santos ás rúas e isto o que facía era plasmar unha ideoloxía. Para que o nomenclátor deixe de ser fascista non só fai falla retirar os nomes de rúas de autoridades franquistas, porque moitos outros nomes responderon á súa ideoloxía", di. "Porén, se os cambiamos por outros nomes, escolleremos os nosos propios santos e esta escolla responderá tamén a ideoloxía deste momento. En cambio, a toponimia perdura e está a indicarnos de onde vimos", conclúe. Compara aquí o estado actual do barrio de 'Xuxán' co aspecto que presentaba décadas atrás
NOS_35554
Por vez primeira, a Administración catalá pergunta sobre o referendo do 9 de Novembro. O Si-Si (si a un Estado propio, si a que sexa independente) gañaría comodamente a consulta
A causa independentista parte como favorita no referendo do 9 de Novembro se nos atermos aos dados publicados hoxe polo CEO, Centro d'Estudis d'Opinió da Generalitat de Catalunya. Cumpre lembrar que a consulta ten dous chanzos: unha primeira pergunta sobre se Catalunya debe tornarse nun Estado e unha segunda, para os que contesten afirmativamente a primeira, sobre se ese Estado debe ou non ser independente. A primeira pergunta sería contestada afirmativamente polo 57,6 das catalás e dos cataláns e negativamente por apenas o 19,3%. A opción por unha Catalunya independente estaría neste momento no 47% do censo Chama moito a atención o baixo índice de indecisión que hai neste momento no eleitorado catalán: só 1 de cada 10 persoas inquiridas di non ter claro que votar na consulta. Só un 11% afirman que non votarían, o que permite extraer a conclusión de que a participación sería masiva. Na segunda pergunta ("quer vosté que ese Estado sexa independente?), a opción independentista arrasaría literalmente. Os Si a esta pergunta estarían no 81,8%, en tanto que o Non ficaría no 8,6%. Se consideramos o total do censo (isto é, as persoas que votan e aquelas que se absteñen), a opción por unha Catalunya independente estaría neste momento no 47%. Se só estimamos o voto emitido, o que é o lóxico en calquer elección ou consulta, a percentaxe de apoio á independencia subiría ao 61,1%. A prol de se tornar Catalunya un Estado, loxicamente, a percentaxe é superior: o 74,9% dos votos. CiU supera por vez primeira en moitos meses a ERC. Porén, baixaría 14 escanos Cambio de tendencia: CiU supera a ERC O CEO perguntou tamén pola intención de voto perante unhas hipotéticas eleccións ao Parlament e aquí é posíbel advertir un certo cambio de tendencia, talvez debido a que Artur Mas está a rentabilizar o seu protagonismo como líder dun goberno catalán que por vez primeira na historia promove un proceso autodeterminista. CiU supera por vez primeira en moitos meses a ERC. Porén, baixaría 14 escanos. A coligación de centrodereita nacionalista tería entre 35 e 36, mentres que ERC estaría só un por detrás, entre 34-35. A terceira posición estaría en disputa entre PSC, CV-EUiA e Ciutadans, cunha perspectiva de 14-15 escanos. A CUP medraría (entre 7 e 9) eo PP baixaría até o 11-12.
NOS_52013
Un roteiro pola parte portuguesa da serra do Xurés/Gerês, unha das portas de acceso aos picos da parte leste da serra, dos que ofrece unhas fermosas panorámicas.
Pitões das Júnias é unha fregresía portuguesa do concello de Montealegre que se atopa ao pé da serra do Xurés/Gerês e dentro da Reserva da Biosfera Transfronteiriza que a abrangue, xunto con outras áreas da súa contorna consideradas de interese pola Unesco "pola variedade dos seus ecosistemas de bosque e turbeira, así como polo considerable número de especies endémicas nunha zona de confluencia dos climas oceánico e mediterráneo". É unha das portas de acceso aos picos da parte leste da serra, dos que ofrece unhas fermosas panorámicas. Fai fronteira co concello de Muíños, desde onde podemos acceder -pasando pola presa ou cruzando o encoro do río Salas- por Requiás e Guntumil, (tamén se pode vir desde Calvos de Randín, indo por Randín a Tourém) para logo subir a serra do Pisco, acadar a fronteira na Portela dos Pitões, e seguir a estrada que baixa á localidade. Na contorna de Pitões das Júnias podemos facer un percorrido circular duns 5 quilómetros, do que unha gran parte pode ser en coche, a non ser os desvíos ao mosteiro (uns 700 m ida e volta) e ao miradoiro da fervenza (outros 700 m, dos que máis da metade se fan por unha pasarela e longas escadas de madeira para salvar con máis comodidade o forte desnivel). Mais no achegamento a Pitões xa podemos gozar desde a estrada, na que é obrigada unha parada, das fermosas panorámicas dos cumes descarnados, verdadeiras moles de pedras encasteladas, das Gralleiras, Brazalite, o coto da Fontefría… que son puntos sobresalientes do leste da Serra do Xurés. Xa na localidade podemos ver as construcións propias da zona, exemplos da sólida arquitectura tradicional da montaña, entre as que podemos apreciar numerosas casas con escaleira exterior, para irmos logo, seguindo os indicadores, ver os restos do mosteiro de Santa María, declarado Monumento Nacional, construído na primeira metade do século XII. Ao seu pé pasa o rego do Campesinho, o mesmo que, un pouco máis adiante, cae ao fondo do val por unha fervenza duns 40 metros de altura, fervenza que se pode ver, despois de volver ao camiño principal, seguindo os indicadores do miradoiro (tamén se pode baixar ao pé da fervenza por un carreiro con bastante pendente que sae ao pé do miradoiro). Xa de volta desde perto da localidade, vemos ao outro lado do val os saltos do Rego das Pereiras, que nace aos pés do Coto da Fontefría, o cume máis alto da serra do Xurés/Gerês na contorna. En facer o percorrido a pé podemos tardar un par de horas, que podemos alongar un anaco achegándonos á área de lecer na que está encorado o rego de Pitões, aínda que no verán apenas leva auga, máis o que demoremos nas paradas para gozar dos detalles.
PRAZA_7461
O TSXG estima o recurso da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e retíralle ao militar golpista a distinción de fillo predilecto da cidade. O goberno municipal de Carlos Negreira non quixera recorrer a restitución deste título e o propio Negreira cualificouno en 2009 de "coruñés de pro"
O 11 de setembro de 2009 o daquela xefe da oposición municipal e hoxe alcalde da Coruña, Carlos Negreira, fixo unha encendida defensa do militar golpista José Millán-Astray. O Concello, gobernado por PSOE e BNG, viña de retirar unha estatua do fundador da Lexión en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, e Negreira denunciaba o trato dispesado a "un coruñés de pro, de toda la vida". Como alcalde Carlos Negreira non repetiu estas gabanzas ao colaborador de Franco no golpe de Estado de 1936, pero cando a familia de Millán-Astray recorreu a retirada da distinción de fillo predilecto da cidade ditaminada polo anterior goberno e conseguiu a súa restitución, o novo alcalde decidiu non recorrer. Negreira baseaba a súa decisión nun informe da asesoría xurídica municipal e afirmou que non quería "perder ni un minuto en politizar o pasado" salientando que a distinción ao militar golpista fora aprobada en 1922 e que polo tanto non viña ao caso aplicar a Lei de Memoria Histórica. Porén, nesa mesma sentencia a xuiza lembráballe ao Concello que tiña a potestade de retirarlle esta distinción á marxe desta lei concreta. Pero quen si recorreu foi a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH). E o TSXG, que xa sentenciara que o Goberno de PSOE e BNG actuara correctamente retirando a estatua e mudando o nome da praza que levaba o seu nome, vén de fallar a favor da CMRH e de retirarlle de novo a referida distinción honorifica. E, de paso, a sentenza desestima a reclamación da familia do golpista, que continuaba reclamando a restitución dos demais honores. A sentenza baséase "no espirito e finalidade da lei de Memoria Histórica" e lembra que "os cidadáns teñen dereito a que os símbolos públicos sexan ocasión de encontro e non de enfrontamento, ofensa e agravio". Esta mesma semana o TSXG avalou por terceira vez a retirada das honras, as distincións e a rúa dedicadas a varios falanxistas na cidade da Coruña, comezando por Juan Canalejo, destacado falanxista represor e que ata hai poucos anos tamén lle daba nome ao hospital, agora Chuac. A CRMH salienta que "hoxe é un día en que a luz entra mellor polas rúas desta cidade. No que a cidadanía da Coruña pode dicir que xa non teremos no noso rueiro o nome dun individuo como Millán Astray. No que as vítimas do franquismo e as súas familias poden camiñar máis cómodos" e conclúe que o TSXG "da a razón á intelixencia, e négalla á morte". Este sábado a CRMH ofrecerá unha rolda de prensa na que detallará as accións que ten previsto emprender se o Concello da Coruña non cumprea a sentenza en todos os seus aspectos. Consulta a sentenza completa do TSXG
NOS_31964
A universidade de Vigo fica entre o posto 501 e o 600.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) volve situarse entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a clasificación elaborada por Academic Ranking World Universities (ARWU) que se vén de facer pública. Así, a universidade da capital galega consolida a súa posición no intervalo 401-500, que mantén desde o ano 2020. A popularmente coñecida como 'Clasificación de Shanghái' avalía máis de 2.500 universidades de todo o globo e publica os resultados das mil que a encabezan. Entre os criterios de avaliación inclúense diferentes indicadores de rendemento académico e de investigación. Aliás, considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e Social Science Citation Index e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico. Na escolla da universidade compostelá salienta a súa posición nunha quincena de ámbitos científicos A respecto da clasificación por materias, o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), elaborado polo mesmo organismo, destacou a posición da USC nunha quincena de ámbitos científicos. Por exemplo, en Odontoloxía e Ciencias Orais a universidade ocupa o intervalo 101-150 a nivel mundial, entre case un centenar de países, e fica en segunda posición no conxunto do Estado español. Outras áreas que ocuparon unha alta posición na lista foron Ciencias Veterinarias —intervalo 101-150 e oitava a nivel estatal—, Farmacia —151-200 e posición catro-cinco no Estado—, Ciencias Políticas —201-300 e catro-cinco no eido estatal— e Física —mesmo posto global e intervalo 8-11 a nivel do Estado español—, entre outras. Nesta clasificación tamén se acha a Universidade de Vigo (UVigo), após a USC, entre o posto 501 e o 600.
PRAZA_10063
Recursos como os formulados polo PP e C's contra a candidatura de Puigdemont están a atrasar o envío da documentación para votar por correo. Agás ampliacións de última hora o prazo para enviar as papeletas finaliza catro días antes das eleccións, o 22 de maio
A proximidade das eleccións xerais do 28 de abril cos inminentes comicios municipais e europeos do 26 de maio provocou que este segundo proceso electoral pasase nas últimas semanas máis ben desapercibido a efectos políticos e mediáticos. Pero tamén no que atinxe ao voto por correo, cuxo prazo de solicitude abriu tras a convocatoria das eleccións do 26M, o 2 de abril, en plena carreira cara ás urnas das xerais.Unha vez pasada a cita electoral do 28A e ás portas da campaña do 26M o certo é que os prazos do voto para participar por correo na elección das novas corporacións municipais e mais do novo Parlamento Europeo están máis axustados. O primeiro e máis inmediato, o de solicitude, finaliza o 16 de maio.Recursos como os formulados polo PP e C's contra a candidatura de Puigdemont están a atrasar o envío da documentación para votar por correoDende o día 6 está teoricamente aberto o prazo para que a Oficina do Censo Electoral (OCE) remita as papeletas e o resto da documentación ao electorado que xa solicitou o voto por correo. No entanto, recursos como os formulados polo PP e Ciudadanos contra a participación de Carles Puigdemont como candidato á Eurocámara atrasaron o procedemento. Ata que a súa candidatura non sexa definitiva -xa foi avalada polos xulgados en Madrid, que tombaron a resolución da Xunta Electoral, pero os populares recorreron ao Constitucional- as papeletas non poden ser remitidas a ningún punto do Estado, xa que nas europeas a circunscrición é estatal. É por iso que estas datas aínda poden variar.Alén deste atranco puntual, o resto do proceso desenvólvese como nos demais comicios. Cada solicitude de voto por correo é trasladada á Oficina do Censo Electoral, que realiza a correspondente anotación e impide, daquela, que cada persoa que pide o voto postal poida emitir o seu sufraxio presencialmente o día das eleccións.Tras a ampliación ditaminada pola Xunta Electoral o prazo para enviar o voto finaliza catro días antes das eleccións, o 22 de maioActo seguido a OCE envía por correo certificado a documentación electoral, isto é, o certificado de inscrición no censo e as papeletas e sobres de votación. Dado o carácter persoal do voto este envío ten que ser recollido en persoa cando chega ao enderezo indicado ou, se quen o solicitou está ausente, na oficina de Correos.O prazo para enviar o voto por correo finalizaba catro días antes da cita coas urnas, o 22 de maio. No entanto, tras a apliación ditaminada pola Xunta Electoral no inicio da campaña, poderá ser remitido ata o día 24 ás dúas da tarde. O propio 26M Correos entrega en cada mesa os votos por correo, que son comprobados e mesturados con todos os demais na urna correspondente.
NOS_13495
A ANPA e a asociación veciñal de Baamonde tamén convocaron unha manifestación para protestar pola suposta intención do Concello e da Xunta de fechar o Colexio de Infantil e Primaria.
O pleno do Concello de Folgoso do Courel acordou exixir á Xunta que modifique ou anule a contratación do transporte escolar na zona, tal e como está agora, porque contempla "fallos técnicos" e de sustento para o municipio. Após a presentación dunha moción urxente preparada por C@urel Vivo e o PSOE, votouse a favor de que o Goberno galego estabelezca un contrato único para Folgoso do Courel. O concelleiro de C@urel Vivo Óscar Carrete concreta que se apoiou por unanimidade solicitar á Consellaría de Educación que volva licitar a contratación do transporte na zona 27. O obxectivo é que se considere "o municipio como unha única zona, con vehículos de hasta 9 prazas e 6 rutas, como está actualmente para manter a calidade do servizo". Aliás, demandarase que teñan preferencia os autónomos ou empresas locais e que as tarifas por quilómetro sexan as mesmas. Estas consideracións son apoiadas por unha boa parte da cidadanía, que onte pola mañá xa organizou unha concentración reivindicativa. De non conseguir a atención do departamento que dirixe Román Rodríguez, pretenden denunciar "a vulneración de normativas e discriminacións". Posíbel fechamento Por outra banda, a Asociación de Nais e Pais do CEIP de Baamonde e a Asociación de Veciños Montenegro de Baamonde veñen de convocar unha manifestación contra o fechamento do colexio do pobo que, supostamente, pretenden levar a cabo a Consellaría de Educación e o Concello de Begonte. A cita será este domingo ás 11.30 horas na igrexa da vila. A ANPA asegura que a delegación deste departamento en Lugo deulles varias versións sobre este plan de futuro e queren facerse oír coa concentración, mais tamén con "potas e outros utensilios". A marcha comezará na igrexa e recorrerá a N-VI até a glorieta coa N-634, onde se procederá á lectura dun comunicado. Posteriormente, a manifestación seguirá até o CEIP de Baamonde. Demándase a participación de toda a veciñanza e os estabelecementos, polo que se solicita o fechamento dos negocios de Baamonde, Pacios, Vilariño, Bóveda, Pacios, Pígara e Soexo durante unha hora.
PRAZA_16570
A antiga Consellería de Traballo e Benestar pechou por obras en 2012 o centro de Montealegre, en Ourense, e inicialmente indicou que reabriría en poucos meses. Tras tres contratos de obras Política Social disponse a privatizar a súa xestión ata finais de 2020 por ata 3,2 millóns de euros entre protestas sindicais e do Colexio de Educación Social
A Xunta admite que o persoal médico do centro de menores que privatiza en Ourense traballe como autónomo A historia do centro de menores de Montealegre, en Ourense, remóntase aos anos 80 e frea na primavera do ano 2012. En abril daquel ano a nese momento denominada Consellería de Traballo e Benestar anunciara o peche temporal deste centro, que atendía en réxime de internado menores con problemas de conduta ou sometidos a medidas xudiciais. A explicación oficial para pechar Montealegre era a necesidade de realizar "obras de remodelación e acondicionamento" e inicialmente chegouse a estimar que volvería abrir nuns oito meses. Seis anos despois daquel anuncio a Xunta asegura que prevé reabrir Montealegre "nuns poucos meses". Pero con xestión privada e despois de arranxalo cuns 2 millóns de euros públicos en obras. A sombra da privatización pairou sobre Montealegre dende o propio peche, cando a vintena de menores internados nese momento foron enviados a outro centro, A Carballeira, tamén situado en Ourense pero dedicado á protección de nenas e nenos en situación de desamparo, non á reeducación de adolescentes con transtornos ou condenas como os que chegaron dende as instalacións pechadas. Así o alertou o persoal ao atopar no Diario Oficial de Galicia do 16 de abril daquel ano, as amortizacións -desaparición- dos seus postos de traballo no caso dos postos temporais e o traslado a outras instalacións, para os fixos. A antiga Consellería de Traballo e Benestar pechou o centro de Montealegre por obras en 2012 e inicialmente indicou que reabriría en poucos meses A daquela conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, evitara aclarar daquela se tiña a intención de privatizar a xestión de Montealegre. "Cando remate a obra decidiremos cal vai ser a xestión", resolvera nunha visita ao Concello ourensán mentres seguía a tratarse o peche como duns poucos meses. En xuño daquel ano a Consellería anunciaba a posta en marcha do proceso para contratar as "obras de acondicionamento e mellora" do centro para "adecuar as instalacións e facelas máis rendibles". Antes, en 2011, xa contratara o proxecto básico da obra por 21.122 euros. Os traballos serían adxudicados tres meses despois -a un mes das eleccións galegas- por 991.431 euros á empresa Corsan-Corviam cun prazo de execución de 6 meses. Non obstante, prolongáronse ata agosto de 2013, segundo figura en documentos oficiais da actual Consellería de Política Social. Tras o peche e antes da contratación das primeiras obras para facer o centro "máis rendible", a Xunta suprimiu os postos de traballo temporais do centro e trasladou o persoal fixo Mentres se desenvolvían os traballos, en xuño de 2013, o departamento de Mato foi cuestionado pola "demora" dende a oposición parlamentaria. A resposta non chegou ata setembro dese ano e nela o Goberno informaba o grupo de AGE de que "tendo en conta a complexidade e envergadura das obras acometidas e a especificidade do centro, non se pode concluír que exista unha demora". Só restaban, aseguraba o documento, "pequenas reparacións e comprobacións" para que en poucos días a Consellería realizase "o acto formal de recepción", o que permitiría que Montealegre "siga sendo un centro de menores que responda ás necesidades actuais de atención a este colectivo". Naquel ano e nos seguintes tamén PSdeG e BNG reclamaron, sen éxito, explicación sobre a demora e esixiron a "reapertura" como centro público. Novas obras en 2014 e 2017 e contrato para privatizar a xestión Interior do complexo de Montealegre, nunha das imaxes facilitadas pola Xunta aos contratistas das últimas obras Tras outros dous contratos de eficiencia enerxética e "adecuación" do centro, Política Social disponse a privatizar a súa xestión ata finais de 2020 por ata 3,2 millóns de euros Aqueles traballos finalizaron, pero o centro non volveu funcionar de inmediato. Cando levaban un ano oficialmente rematados, en setembro de 2014, Traballo e Benestar asinou outro contrato para melloras de eficiencia enerxética no recinto, adxudicado a Abeconsa por 592.318 euros e cun prazo de execución de 3 meses. Estas non foron, así e todo, as últimas obras. En setembro de 2017 Política Social encargou á construtora Extraco mediante procedemento negociado sen publicidade novas actuacións de "adecuación" por importe de 71.454 euros. As obras incluíron dende adaptar dormitorios a "converter en accesible" un dos módulos, "mellorar as condicións de seguridade" das instalacións ou "emendar problemas" como filtracións de auga ou amañar manivelas para abrir e pechar persianas. A empresa recibiu o encargo de rematar en dous meses, a finais do ano pasado. Unha vez realizados os últimos amaños e cando a factura total das obras se eleva ata os 1,7 millóns de euros, Política Social confirmou o que Mato evitara, a privatización. Así, dende o pasado 26 de febreiro o departamento dirixido dende 2015 por José Manuel Rey Varela tramita un contrato de servizos para entregar a unha empresa privada toda a xestión do centro de Montealegre, incluíndo a súa dirección e todo o persoal -máis de 30 persoas-. A compañía elixida prestará todos os servizos de "acollemento residencial" de ata 24 menores de entre 12 e 17 anos de idade "con graves problemas de conduta" que estean baixo a garda ou tutela da Xunta e sobre os que pese unha orde xudicial para o ingreso. A Xunta prevé contratar o servizo por tres anos -de abril de 2018 a finais de marzo de 2020- e pon sobre a mesa 3,2 millóns de euros para sufragalo, partindo da previsión dun custo por praza ocupada de 184,53 euros ao día. Protestas sindicais e do Colexio de Educación Social Manifestación contra o peche do centro de Montealegre, en Ourense no ano 2012 / CIG Os sindicatos instan a Consellería a frear a privatización e non "regalar o negocio" tras reformar o centro con diñeiro público O lanzamento deste contrato de privatización da xestión de Montealegre supuxo para o comité de empresa do persoal laboral de Política Social na provincia de Ourense a confirmación dos seus "peores augurios". A representación do persoal, formada polos sindicatos CCOO, CIG, CSIF, UGT e SUMA, lamenta que "como sempre sospeitamos", o Goberno do PP dea en privatizar o centro no canto de atender as súas reiteradas reclamacións de que "Galiza conte cun centro de atención especializada" coma este e que sexa de "xestión pública". Política Social, reclaman, debe "renunciar a formalizar o contrato" e "cumprir o manifestado en numerosas ocasións, que o peche era temporal debido a obras incompatíbeis coa habitabilidade e que, unha vez rematadas, o persoal recolocado noutros centros volvería aos seus postos". Ademais de executar "un ERE encuberto" o Goberno "regala o negocio" tras destinar fondos públicos para a reforma, lamentan nun contexto no que elevan o gastado a preto dos 3 millóns porque, manteñen, producíronse modificacións contractuais tras as adxudicacións. O Colexio de Educación Social estuda accións legais porque o persoal educativo que prevé o contrato non terá obrigatoriamente "a titulación necesaria e adecuada" para abordar o traballo cos menores internados en Montealegre Este contrato activou as alarmas tamén no Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, un dos sectores profesionais máis directamente implicados no traballo con menores como os atendidos neste centro. Alén de "sumarse" á crítica á "privatización do centro", o CEESG "chama a atención sobre o persoal educativo que se vai contratar". O prego de condicións do contrato inclúe 17 prazas de educadores ou educadoras, pero non fixa como requisito que estas persoas conten con formación en educación social. Só pide que a empresa se dote de persoal "en posesión dunha titulación universitaria media, superior ou de grao en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social". Esta "descrición" e os labores especificados para o persoal -"atención directa ás persoas e intervención no proceso socioeducativo"- deixan claro que "a titulación necesaria e adecuada" é a de Educación Social, advirte o colexio, quen lembra que a propia titulación foi instaurada en Galicia nos anos 90 do século pasado "pola necesidade de promover unha formación específica" para realizar estes traballos. "Resulta incoherente e anacrónico" que a Xunta obvie esta circusntancia e poña "en xogo non só os intereses laborais" do sector da educación social, senón tamén "a calidade dos servizos socioeducativos" ás persoas que serán internadas no centro privatizado. É por iso, advirte, que o Colexio está a "estudar tomar accións legais contra esta contratación" mentres, advirte, no seo da Facultade de Educación do Campus de Ourense xa se preparan mobilizacións.
NOS_12412
O avogado de 17 dos riazor blues detidos concedeu unha entrevista a Naiz.Eus. Ertlanz Ibarrondo nega a versión oficial -a suposta quedada- e considera os sucesos do Manzanares unha razzia anti-galega.
Non se pode sustentar a tese da "quedada" -embora esta teña sido o fío argumental da comparecencia do secretario de Estado de Seguranza esta terza feira no Congreso dos Deputados- porque o xuíz aínda non autorizou a inspección dos telefones móbeis incautados pola policía. "É imposíbel que ninguén acredite que houbese unha quedada porque os telefones están en comisaría e o xuíz non autorizou as escoitas. Ou alguén ten realizado pesquisas de forma ilegal ou se teñen lanzado elucubracións que son incertas. A propia Delegación do Goberno está a dicer que non houbo esa quedada", manifesta Ibarrondo na entrevista de Naiz que firma o seu correspondente en Madrid, Alberto Padilla. "Foi unha razzia, a caza do galego ou do seareiro do Deportivo. É certo que hai imaxes obxectivas dun grupo que se defende [os blues ante o ataque do Frente Atlético]. Pero, se non, tería sido pior"." Ibarrondo sostén que os blues foron obxecto dunha emboscada ou máis ben dunha razzia: ao desceren dos autocarros nas inmediacións do Vicente Calderón -e segundo di o avogado, que enfía un relato sobre a base dos testemuños dos seus defendidos- "uns van a un bar, outros dan un paseo". De súpeto, engade, chega "unha turba con coitelos. Hai sete ou oito feridos de arma branca. Foi unha razzia, a caza do galego ou do seareiro do Deportivo. É certo que hai imaxes obxectivas dun grupo que se defende [os blues ante o ataque do Frente Atlético]. Pero, se non, tería sido pior". A vítima é deportivista, mais son os riazor blues os que teñen sido obxecto de criminalización, observa o correspondente de Naiz, quen pergunta a Ibarrondo como están a viver os seus defendidos esta situación, ao que Ibarrondo responde: "Con impotencia absoluta. Trátase dunha crucifixión mediática. Xulgáronos, condenaronos e aplicáronlles a sentenza sen a cautela de que as actuacións están baixo sumario. Ouviuse falar máis da afeizón deportivista do que do asasinato. E o único dado obxectivo que temos agora mesmo é que unha persoa foi asasinada. Existe unha indefensión absoluta". Que información reciben os blues sobre as pesquisas en curso para deter os autores do asasinato? De acordo con este avogado, ningunha. "Non sabemos nada. Nen a familia. A familia entéirase polos meios de comunicación. O domingo á noite, a Cadea Ser tiña o atestado policial. Segunda feira filtrouse a autopsia. E a día de hoxe a familia non a ten".
NOS_9379
'Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio' está apoiado por BNG, EH Bildu, ERC, Sinn Féin, a UDB bretoa e Ecolo (Valonia). Declaran que eses tratados benefician grandes corporacións en detrimento dos pobos, os traballadores e o medio ambiente. A declaración deuse a coñecer no marco dun congreso internacional organziado pola Fundación Galiza Sempre e o centro Maurits Coppieters.
Forzas soberanistas e de esquerdas de diferentes pobos de Europa deron a coñecer este sábado, 1 de xullo, na Coruña a declaración 'Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio', un documento no que rexeitan CETA e TTIP e alertan dos seus prexuízos sobre os pobos e as maiorías sociais. BNG (Galiza), EH Bildu (Euskal Herria), ERC (Catalunya), Sinn Féin (Irlanda), UDB (Bretaña) e Ecolo (Valonia) poñen a súa sinatura nunha declaración na que se afirma que "os acordos de Organización Mundial do Comercio e os Tratados de Libre Comercio negociados tamén pola Unión Europea responden a unha lóxica contraria aos intereses das nacións sen estado". Estes tratados de libre comercio, salientan, pon a alfombra vermella a "corporacións transnacionais e conglomerados financeiros" para acrecentar un "control económico" que vai contra os pobos, os traballadores e o medio ambiente. A democracia e a soberanía fican, dise no documento, supeditados a un "fanatismo economicista" que implica "destrución dos nosos recursos" e un "retroceso inédito nos nosos dereitos laborais, sociais, ambientais e culturais". O "dogma" do libre comercio, -recolle a declaración-, deixa como realidade incuestionable "o enriquecemento dos máis ricos e o correlativo empobrecemento de todos os demais que conformamos a humanidade, desde a realidade plural e diversa dos nosos pobos". Contrapoder Fronte a este escenario, as seis forzas asinantes manifestan a súa vontade de colaborar e traballar para a "formación dun contrapoder" a este modelo económico e avogan "por unhas relacións comerciais internacionais xustas, baseadas no beneficio mutuo e cimentadas na aposta democrática do dereito a decidir dos Pobos, en que o comercio non sexa considerado un fin en si mesmo senón un medio para que os nosos Pobos poidan vivir dos seus recursos, garantindo o benestar social co seu uso equitativo, responsábel e sustentábel". A declaración dáse a coñecer no marco do Congreso Internacional que este sábado decorre na Coruña, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Centre Mautits Coppieters', para debater e analizar o impacto dos TLC sobre os pobos de Europa.
NOS_21431
Este domingo, 22 de abril, hai manifestación nacional en Compostela convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e co apoio de organizacións como Adega, Fruga, SLG, ou CIG, entre outras. Falamos con Xosé Alfredo Pereira, da Orgaccmm.
"Na defensa do monte vecinal como titularidade da veciñanza comuneira", é unha das palabras de orde da mobilización convocada pola Orgaccmm. "Por un plano forestal para un medio rural vivo" é outro dos lemas. A organización de comuneiros acusa o PP de querer "privatizar e desclasificar" os montes veciñáis en man común. "Fica claro que para o Partido Popular o medio rural non ten futuro". -Denunciades que a Lei de montes veciñais en man común e a revisión do Plano forestal de Galiza sentan as bases para que o PP "roube", dicides, o monte veciñal ás comunidades de montes… -É un roubo e ademais é un roubo descarado. Isto vén de lonxe, de cando o PP volveu ao poder, que activa unha estratexia para eliminar estas terras de titularidade comunitaria, os montes comuneiros, e entregarlla a empresas privadas. A lei de acompañamento aprobada en decembro do ano pasado modifica dous artigos da Lei de montes veciñais e de man común, actualmente vixente e que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Estas modificacións fainas o PP en solitario e permiten que a Consellaría de Medio Rural sexa xuíz e parte para declarar o monte veciñal en estado de abandono por razóns puramente técnicas e administrativas, como que unha comunidade non dea constituído en forma unha xunta rectora. Debe ser a primeira vez en Europa que incumprir un precepto dunha lei non leva unha sanción senón o roubo da xestión do monte. -Falabas antes dunha estratexia por parte do PP… -Aos intereses que representa e ampara o PP a figura do monte en man común estórballe, porque está fóra do comercio, non se pode negociar con ela, non se pode vender. E por riba está xestionada democraticamente, calquera cousa a facer nese monte require debate, asembleas… E iso non lles val, de aí que queiran convertelo en propiedade privada. Para que ? Para ter terra barata para instalar industrias ambiental e socialmente agresivas, como as de magaminería, ademais de proxectos como campos de golf, áreas comerciais, urbanizacións de luxo… Ademais, e iso dío claramente o lobby forestal, queren un monte ao seu servizo, que esa industria decida sobre o monte. E para iso, claro, a propiedade veciñal en man común é un obstáculo. -Describes un escenario antagónico desa 'multifuncionalidade' que os expertos, e non só eles, destacan que debe rexer o monte galego -O que queren eses intereses dos que falamos antes é un monocultivo forestal. -Os montes veciñais en man común representan máis dun cuarto do territorio galego, máis de 600.000 hectáreas. Como sacar proveito a toda esa potencialidade? -Hai que ir a unha ordenación do territorio. A capacidade de decidir nestes montes é e debe seguir sendo a veciñanza comuneira. Os cambios da Lei de monte di que un monte que non estea 'aproveitado' pode ser incautado, eu xa digo directamente 'roubado'. Iso é unha vergoña. Unha asemblea xeral dun monte mancomunado decide que destina parte del para pastos, outra parte para madeira e outra déixaa como está para defender o patrimonio que hai nela. Ese monte está desaproveitado? Non, pero pode ser incautado se o Banco de Terras, mira ti que función lle dá esta Xunta ao Banco de Terras, di que esa superficie é susceptible de ser forestal e non se está a usar para iso.
NOS_340
A voceira do BNG Ana Pontón emprazou no Parlamento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que asuma as súas responsabilidades e traballe para garantir o futuro do sistema financieiro galego, "pois se antes do resgate á banca este futuro xa estaba en xogo, agora se pode certificar a súa defunción", afirmou.
Ana Pontón, na sesión de control ao goberno, criticou que Feijóo considere unha boa noticia para Nova Galicia Banco o resgate e advertiu que esas palabras teñen a mesma credibilidade que as de Rajoy antes de irse ao fútbol, cando negaba tal resgate. Para a voceira parlamentar, o presidente da Xunta ten que deixarse de "frivolidades" e apostar por propostas concretas, como as que lle prantexa o BNG, que pasan por unha comisión de investigación no Parlamento, porque os galegos e galegas teñen dereito a saber que pasou coa xestión da caixas e cales son as responsabilidades políticas desa xestión, e por unha banca pública galega. Medo a investigar "Aposte pola verdade e a transparencia –dixo- deixe as escusas e levante o veto á creación da comisión. Vostedes levan meses negando e votando en contra da mesma, porque sabe que si hai responsabilidades e que mesmo poden ser penais, por iso non queren que se investigue". Banca pública Sobre a banca pública, Ana Pontón asegurou que é a única alternativa para superar un modelo ao servizo dos mercados que fracasou, como se está comprobando estes días co resgate, e que levou á ruina a milleiros de persoas, tanto en Europa como non País. Para a voceira parlamentar, se Feijóo non asume a proposta nacionalista estará sendo cómplice do espolio do aforro galego e estará demostrando que prefire ser sumiso á banca e á direción do PP en Madrid antes que exercer de presidente da Xunta. "Se vostede non fai nada –engadiu- convertirase en mero espectador dunha situación moi grave. A Banca pública é a única alternativa para ter un instrumento que financie o noso tecido produtivo, unha banca sen escándalos como o das preferentes".
NOS_13463
Con todo, como a maioría absoluta neste consistorio non a ten a formación conservadora, a iniciativa para mudar o rueiro e, de paso, retirar del unha vía que conmemora 40 anos de ditadura fascista, saíu adiante cos votos de IU e PSOE
O pleno do concello español de Toledo vén de aprobar unha mudanza no rueiro da cidade para reemprazar o nome da rúa '18 de Xullo' polo de 'Nelson Mandela'. A primeira conmemora o levantamento militar fascista que se produciu en 1936 e do que esta quinta feira se cumpriron 77 anos. A segunda suporá un recoñecemento ao que foi presidente de Sudáfrica, líder do movemento anti-apartheid e premio Nóbel da Paz, que naceu na mesma data unhas décadas antes e que na quinta fixo 95 anos. Por que esta información merece ser contada? Porque no pleno de Toledo o PP votou en contra de lle mudar o nome á rúa que conmemora o inicio de 40 anos de ditadura fascista no Estado español. A formación que está a mover polos concellos da Galiza mocións en que pide a condena "do terrorismo" non condenou aínda o franquismo e opúxose a que do rueiro da cidade española desapareza unha das vías dedicadas á ditadura, pois moi perto da '18 de Xullo' está a rúa 'da División Azul'. Así que a iniciativa, presentada polo grupo municipal de Izquierda Unida, saíu adiante co voto a favor do PSOE, que conta coa maioría no consistorio.
NOS_35424
A autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine Áñez, anunciou onte a súa retirada da carreira electoral coa intención de acadar a unidade conservadora contra o MAS (Movemento Ao Socialismo), do ex presidente progresista Evo Morales.
"Se non nos unimos, volve Morales", asegurou Áñez ao día seguinte de que a maior enquisa de intención e voto, feita até o momento, a situase no cuarto lugar, con tan só un 10% do apoio, 30 puntos por debaixo de Luis Arce, o candidato do MAS,. "Deixo de lado a miña candidatura en homenaxe á liberdade e á democracia", dixo a autoproclamada presidenta, que engadiu, "fágoo ante o risco de que se divida o voto de Bolivia". Aínda así, Jeanine Áñez non referiu publicamente o seu apoio ao candidato conservador que, segundo os resultados das enquisas, ten un maior respaldo do electorado boliviano, Carlos Mesa. A súa mala xestión na loita contra a Covid-19, a crise económica que atravesa o país e os diversos escándalos de corrupción, que afectaron a varias das súas principais persoas colaboradoras, e que se investigan agora, ademais do golpe de Estado que protagonizou, poden estar detrás da súa baixa valoración por parte do electorado. Feito tamén influído pola anulación, días atrás, da candidatura de Morales ao Senado. A presidenta boliviana lanzárase á carreira electoral en xaneiro, e rompía así a súa promesa de non ser candidata para concentrarse no que ela e o seu partido, Demócratas, deron en chamar "transición" e que se iniciaba coa autoproclamación do 12 de novembro de 2019, ao derrocar o presidente Evo Morales. A este último, referiuse en multitude de ocasións como "ditador" e "tirano" e chegou a interporlle seis xuízos, cando xa o ex mandatario estaba exiliado na Arxentina.
PRAZA_18769
O número de títulos é un 53% inferior ao de 2008. Despois dunha leve recuperación en 2014 e 2015, os dous últimos anos amosan unha nova tendencia negativa, ficando a cifra total en 972, fronte aos 2.070 de hai unha década.
Os dous últimos anos amosan unha nova tendencia á baixa, con 976 títulos en 2016 e 972 en 20172017 volveu rexistrar un descenso do número de libros publicados en galego. Entre 2008 e 2013, coincidindo cos peores anos da crise económica e os recortes no orzamento dedicado a cultura pola Xunta de Galicia, a cifra caera de forma contundente (de 2.070 títulos a só 739). No 2014 e 2015 producírase unha pequena recuperación, que deixara o número total en 1.120 libros. Porén, os dous últimos anos amosan unha nova tendencia á baixa, con 976 títulos en 2016 e 972 en 2017, segundo a estatística publicada este mércores polo INE.Destes 972 títulos en galego, 783 editáronse en Galicia e o resto noutras comunidades, nomeadamente Madrid (92), Cataluña (33) e Aragón (22).En total, independentemente da lingua de edición, en 2017 publicáronse en Galicia 1.872 títulos, cen menos que o pasado ano e a segunda cifra máis baixa dende 1999 (só empeorada polos 1.869 de 2013).Cómpre salientar que a publicación en castelán no conxunto do Estado tamén se atopa en cifras mínimas: os 44.581 títulos de 2017 son o segundo peor dato das últimas dúas décadas.O actual ritmo de edición en catalán é un 32% inferior ao de hai unha década e o do euskera é un 36% menor. Porén, o do galego caeu un 53%Igualmente, o catalán e o euskera (que si creceron durante o 2017) están aínda lonxe dos niveis acadados no 2008, o seu mellor ano, ao igual que para o galego. Con todo, a publicación nestas dúas linguas non experimentou un descenso tan importante coma o sufrido polo idioma de Galicia. O actual ritmo de edición en catalán é un 32% inferior ao de hai unha década e o do euskera é un 36% menor. Porén, o do galego caeu un 53%.
NOS_37355
O doutor Federico Martinón, do CHUS, di que os casos detectados até o momento "entran dentro do esperábel" e envía unha mensaxe de "absoluta tranquilidade".
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade notificou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade a detección na Galiza de dous casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida, que cumpren os criterios de inclusión determinados polas autoridades sanitarias. Unha vez remitida a información, o Centro de Coordinación de Alertas fará as probas pertinentes. Un dos casos pasou a doenza no mes de xaneiro e outro está recuperándose na actualidade. Tras recibir a alerta sanitaria por parte do Ministerio de Sanidade, a Consellaría de Sanidade iniciou unha procura activa de casos, tamén con carácter retroactivo, de persoas ingresadas durante este ano 2022. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa apuntara a pasada semana que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "está alerta", logo de que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, informara ás comunidades autónomas da detección de varios casos de hepatite aguda, de orixe descoñecida, en rapaces e rapazas menores de dez anos. Alerta ante a detección de casos de hepatite aguda en crianzas Por este motivo, desde o Ministerio realizouse unha comunicación a todas as comunidades autónomas para realizar unha "observación e procura activa" de posíbeis casos. Casos en Europa A semana pasada tíñase coñecemento da aparición de diversos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida no Reino Unido, principalmente en Inglaterra. Esta terza feira notificáronse novos casos en países como Dinamarca ou Países Baixos. Tamén nos Estados Unidos apareceron novos casos de crianzas que están a pasar a doenza. A hepatite aguda A hepatite é unha inflamación no fígado que pode afectar as funcións deste órgano que é fundamental para funcións como a depuración de moitas substancias no organismo ou o tratamento dos nutrientes. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Federico Martinón, lanzou esta terza feira unha mensaxe de "absoluta tranquilidade" sobre a hepatite aguda de orixe descoñecida en nenos. "Os casos denunciados en España están dentro do número previsto", asegurou. Así o indicou durante o V Seminario para xornalistas organizado por Pfizer en colaboración coa Asociación Nacional de Informadores Sanitarios."Estabeleceuse unha alerta, o que significa que os sistemas de vixilancia epidemiolóxica están a funcionar", lembrou. Neste senso, explicou que dita alerta "non foi tanto porque se produzan casos de hepatite en nenos coma estes, senón pola agrupación de moitos casos nun determinado período de tempo e nun determinado país".
NOS_7940
Incansábel, o espía na campaña, o simpar Cosme Torreiro, continúa a rastrexar as páxinas da imprensa sistémica e a ver/ouvir as emisións audiovisuais dos media hexemónicos, eses tan conectados cos poderes financeiros.
É vicio, do malintencionado, máis achegado ao dun mafioso que ao dun paisano cheíñas. Non o poden deixar, saben que non é digno, pero teiman. Na mentira. O ABC, sempre desgrazado protagonista nas campañas -e tampouco moito mellor fóra delas- volveu facelo. Na edición de hoxe insisten na falsidade, volven afirmar que o BNG non tivo nin un xesto de solidariedade -que xa de por si é sempre un acto xeneroso, non unha obriga, e menos neste caso- coa líder do PP de León asasinada. Malia estar máis que comprobado que @s nacionalistas suspenderon actos, volven dicir que non. A verdade tanto lles ten. En todo. Na Voz tamén andan ao ataque. Contra o BNG e, nesta ocasión concreta, contra as súas mocidades. Informan dunha perfomance simbólica que organizou Galiza Nova, na que se lanzaban maletas -representación da condena a emigrar- contra uns debuxos de Feijóo, Rajoy e distintos culpábeis da crise. No periódico sabonita deslizan unha crítica, porque o acto tivo lugar "en plena conmoción polo asasinato dunha alto cargo do PP". Debe ser iso o único que pasou no mundo. Conmoción polas escandalosas cifras de pobreza e desemprego? Pola corrupción? Polos desafiuzamentos? Pola fame infantil? Nada. Só o de León. O resto pensan que non importa. Que non importamos. E, ademais, lanzar unha maleta contra un debuxo é como matar. O mesmo. Todos terroristas. Mellor anden quietos.
PRAZA_6163
A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei critica a decisión do Goberno central, que legaliza a transformación do monumento nun hotel, e manifesta o seu "estupor" ante a incapacidade e atrevemento dos nosos gobernantes
O BOE publicaba o pasado sábado a "ampliación do destino previsto na cesión á Xunta de Galicia" do Castelo de Monterrei co obxectivo de "poder dedicar o inmoble, ademais de aos usos establecidos, á promoción do turismo a través de actuacións concertadas coa administración turística estatal (Turespaña e Paradores de Turismo, SA)". En 2010 o Estado central cedéralle gratuitamente á Xunta o monumento para o seu uso, especificamente, como "centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, e restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos". Os expertos e colectivos opostos ao proxecto de construción dun hotel de luxo no seu interior levaban meses sinalando que as condicións da cesión impedían o uso hoteleiro e ilegalizaban o proxecto. Así pois, o Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido. O Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei considera que este cambio é "a culminación dun proceso antidemocrático que comezou cando, sen previo aviso, sen figurar en ningún programa electoral, decídese cambiar o destino das obras de rehabilitación para uso cultural pola construción dun hotel usando de forma fraudulenta fondos FEDER, dando permisos de Patrimonio e licenza de obras por parte do Concello de Monterrei sen ter modificado antes a norma superior, e sen informar á cidadanía das razóns e conveniencia desa ocorrencia". O colectivo sinala que "a ampliación de uso era previsible", pero non "a forma en que se fai, sen precedentes, nunha vulgar manobra máis propia de xogadores tramposos que de representantes dos intereses dos cidadáns". O colectivo sinala que "a ampliación de uso era previsible", pero non "a forma en que se fai, sen precedentes, nunha vulgar manobra máis propia de xogadores tramposos que de representantes dos intereses dos cidadáns" A entidade destaca a valoración realizada sobre este feito por Ramón García Gómez, profesor de dereito na Universidade de Salamanca e experto en temas patrimoniais, que afirma que "estamos a asistir non só a un despropósito desde o punto de vista cultural e histórico, cun desprezo nada disimulado da opinión da cidadanía (claramente manifestada), senón ante un verdadeiro despropósito na que a seguridade xurídica foi consciente e dolosamente pisada en clara agresión á lexislación que debe informar e dirixir o destino dun Ben de Interese Cultural". O profesar chama a atención sobre as "formas e métodos" empregados, "impropios dun modelo democrático", que "non poden nin deben ser aceptados, nin desde unha óptica moral nin desde ningún prisma xurídico". Ramón García Gómez conclúe que "está máis que claro que existen outros intereses (excesivamente espurios) que carecen de calquera xustificación posible". "Está máis que claro que existen outros intereses (excesivamente espurios) que carecen de calquera xustificación posible" Para a Plataforma "nada cambia", e só "aumenta o estupor ante a incapacidade e atrevemento dos nosos gobernantes". Subliñan que "seguiremos mobilizándonos e denunciando o desleixo da Administración, o malgasto de fondos públicos con fins privados e os estragos que as obras están ocasionando no monumento, ata garantir o uso público e cultural do mellor castelo de Galicia, patrimonio común que todo o mundo ten dereito a gozar".
NOS_46715
Rexistra o maior descenso dentro do Estado español.
O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) afundiu na Galiza 8% en abril, en comparanza co mesmo mes de 2021, segundo datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a Galiza situouse como o territorio do Estado español onde máis caeu a produción industrial no cuarto mes do ano, mentres que a media estatal rexistrou unha baixada de 0,4%, após cinco meses en positivo. No que vai de ano, a produción industrial galega diminuíu 6,5% se se compara cos datos do primeiro cuadrimestre do exercicio anterior, mentres que no total do Estado subiu 2%. O naval galego perdeu máis de 20% do emprego desde o inicio da pandemia Datos estatais A nivel estatal, o Índice Xeral de Produción Industrial baixou 0,4% en abril en relación ao mesmo mes de 2021, unha taxa oito décimas inferior á do mes anterior, informa o INE. A produción da industria dos bens intermedios foi a que máis se resentiu en abril, ao rexistrar unha caída interanual de 3,7%. Seguíronlle os bens de equipo, cun retroceso de 1,6%. O resto de sectores elevaron a súa produción no cuarto mes do ano, especialmente a enerxía (+3,9%) e os bens de consumo duradeiro (+3,5%). Os bens de consumo non duradeiro, pola súa parte, incrementaron a súa produción en 1,7% interanual. Por ramas de actividade, as que máis incrementaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (+21,9%); a industria do coiro e do calzado (+21%), e a industria da madeira e da cortiza (+10,8%). Entre os descensos, os máis acusados rexistráronse noutras industrias extractivas (-13,5%); a fabricación doutros materiais de transporte (-9,3%); a subministración de auga e actividades de saneamento (-8,7%); a fabricación de produtos informáticos (-8,4%), e a fabricación de vehículos de motor (-8,1%). A demanda de enerxía redúcese 22% na Galiza pola inflación e a crise industrial Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial subiu 2,4% en comparación con abril de 2021, taxa máis de dous puntos superior á de marzo, cando non experimentou variación. En termos mensuais —abril sobre marzo— e dentro da serie corrixida, a produción industrial aumentou 2,1%, a súa maior alza mensual desde novembro de 2021, cando se incrementou 2,2%.
PRAZA_11739
As mulleres son moitas menos que os homes en Galaria, Xestur, SPI e Xesgalicia, e a situación amplíase a Sogama e Sodiga se se contan tamén as vogalías nomeadas por socios privados
As mulleres son moitas menos que os homes en Galaria, Xestur, SPI e Xesgalicia, e a situación amplíase a Sogama e Sodiga se se contan tamén as vogalías nomeadas por socios privadosDoce anos despois da aprobación da Lei de Igualdade estatal, que estableceu obrigas para a administración xeral do Estado e as súas empresas públicas e recomendacións para o resto de administracións e sociedades anónimas, tanto públicas como privadas, a Xunta aínda incumpre coa paridade na relación entre homes e mulleres en varias das empresas públicas propiedade por completo da administración autonómica ou nas que é a socia maioritaria. Das 13 sociedades mercantís públicas autonómicas que a propia Xunta recoñece ter na súa web de transparencia, en catro delas os homes membros dos consellos de administración nomeados pola propia Xunta superan ás mulleres nunha relación porcentual superior ao 60/40 establecida como baremo de paridade desde a Lei de Igualdade. En dúas delas, ademais, as mulleres non chegan ao 30% recomendado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A situación é aínda peor se ademais de ter en conta as vogalías deses consellos de administración nomeadas pola Xunta se contabilizan tamén as designadas por empresas privadas naquelas sociedades anónimas de titularidade maioritaria pública pero nas que tamén participan socios privados.Este diario preguntou o pasado novembro sobre a falta de paridade nos consellos de administración das empresas públicas autonómicas á Vicepresidencia da Xunta, da que depende a Secretaría Xeral de Igualdade, sen obter aínda ningunha resposta.A situación máis dispar prodúcese en Xesgalicia, sociedade encargada de xestionar os investimentos de risco da Xunta, en cuxo Consello de Administración nomeado polo Goberno galego hai sete homes e unha soa mullerSegundo a información facilitada pola propia Xunta a través da súa web de transparencia, na que remite aos apartados específicos das respectivas webs de transparencia de cada empresa pública ou ás últimas contas anuais nas que se detallan eses datos, as mulleres son moitas menos que os homes nos consellos de administración de Galaria, Xestur, SPI e Xesgalicia.A situación máis dispar prodúcese en Xesgalicia, unha das dúas sociedades públicas, tamén con participación privada, encargadas de xestionar os investimentos de risco de iniciativas privadas nos que participa a Xunta. En Xesgalicia os conselleiros nomeados pola Xunta son sete fronte a unha soa muller, aos que hai que sumar un conselleiro máis nomeado por un socio privado. Na outra sociedade de capital risco da Xunta, Sodiga, hai dous homes e dúas mulleres nomeados pola Xunta, pero a paridade acaba desaparecendo ao sumar outros tres homes designados por socios privados.Tampouco chegan as mulleres ao 30% que recomenda a CNMV ás empresas no consello de administración de Galaria, a empresa pública encargada de xestionar alta tecnoloxía sanitaria. Alí os homes son cinco e as mulleres dúas. Nos consellos de administración de dúas empresas da Xunta as mulleres non chegan sequera ao 30% recomendado pola CNMV ás sociedades privadas ante a súa reducida implicación coa Lei de IgualdadeA cifra do 30% que recomenda a CNMV ás empresas chegou como intento de mobilizar o sector privado ante a súa reducida implicación coa paridade nos órganos de dirección varios anos despois da entrada en vigor da Lei de Igualdade. Pero o que di a norma xeral é que "entenderase por composición equilibrada a presenza de mulleres e homes de xeito que, no conxunto ao que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60% nin sexan menos do 40%". Esa relación tampouco se cumpre na Sociedade Pública de Investimento (SPI), encargada pola Xunta de acometer diversas obras públicas, en cuxo consello hai catro homes e dúas mulleres. Tampouco en Xestur, a sociedade de xestión do solo da Xunta, tamén con catro homes e dúas mulleres.Si se cumpriría a paridade, segundo os datos facilitados pola propia Xunta, na Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, a CRTVG, Galicia Calidade, Retegal, Seaga, Xenética Fontao e Parque Tecnolóxico de Galicia. Pola súa banda, como xa se indicou para o caso de Sodiga, en Sogama cumpriríase se se teñen en conta só os vogais nomeados pola Xunta, pero nesa empresa controlada pola Xunta Naturgy é socia ao 49% e os seus vogais no consello de administración son catro homes e unha muller. A Xunta tamén participa noutras empresas privadas de xeito minoritario, como en Reganosa, onde as vogalías que designa o Goberno galego son para catro homes e unha mullerEsta é a situación nas empresas propiedade total ou maioritariamente da Xunta, analizando mesmo por separado os vogais nomeados polos posibles socios privados. Pero o Goberno galego participa en moitas outras empresas de capital maioritario privado en cuxos consellos de administración tamén propón vogalías. Esas empresas non están identificadas na web de transparencia da Xunta, pero por exemplo nunha das máis importantes, Reganosa, na que é socia do grupo Tojeiro, a Xunta ten no Consello de Administración a cinco homes e unha muller.
NOS_16118
A xustiza tomba as restricións de entrada e saída de Madrid.
As medidas de restrición da mobilidade ordenadas polo Ministerio de Sanidade e que afectaban desde o pasado 2 de outubro dez concellos da Comunidade de Madrid, incluída a capital, non foron ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) ao considerar que vulneraban dereitos e liberdades individuais. Así, a rexión ficou esta quinta feira, 8 de outubro, libre de fechamentos ás portas da ponte do Pilar, data en que a cidadanía da capital adoita desprazarse a segundas residencias noutros territorios do Estado. A sección oitava da sala do contencioso administrativo do TSXM tiña que ratificar as medidas do Ministerio, mais non o fixo ao considerar que a orde de Salvador Illa -titular de Sanidade- estaba ditada ao abeiro do artigo 65 da Lei de cohesión e calidade do sistema de saúde, un artigo que para os xuíces "non contén unha habilitación legal para estabelecer medidas limitativas de dereitos fundamentais". Ao TSXM non avalar a orde ministerial, xa non se puido multar a quen incumprise as medidas sobre mobilidade. O paradoxo do asunto é que a mesma sección oitava do TSXM si ratificou o pasado 25 de setembro as restricións de mobilidade ditadas pola Comunidade de Madrid sobre 45 zonas sanitarias da capital, a maioría delas situadas en barrios obreiros e populares. "O TSXM tumba o fechamento de Madrid por limitar dereitos fundamentais pero segregaron o sur nun abrir e fechar de ollos. Esta dobre vara de medir é intolerábel", expresou ao respecto o deputado por Madrid Iñigo Errejón (Más País). Pola súa banda, na resolución, o TSXM explicou que o marco legal que amparaba as medidas da Comunidade -as que limitaban a mobilidade por distritos- é distinto ao do Ministerio -que limitaban entradas e saídas en 10 concellos-. O TSXM recrimina que a orde de Salvador Illa supón "unha inxerencia dos poderes públicos nos dereitos fundamentais dos cidadáns" e recalca que "o sistema constitucional articula instrumentos xurídicos de diversa natureza que ofrecen cauces xurídicos diferentes para delimitar, modular, restrinxir, e mesmo suspender os dereitos fundamentais das persoas, respectuosos coas garantías constitucionais". Sánchez non descarta o estado de alarma en Madrid A noticia colleu o presidente español, Pedro Sánchez, en Alxeria, desde onde anunciou que o Executivo recorrerá a todos os instrumentos dispoñíbeis para controlar a evolución do coronavirus na Comunidade de Madrid, que cualificou de "moi preocupante". Asegurou que a súa vontade é traballar "coa máxima colaboración e cooperación" co Executivo rexional e respectando as súas competencias, pero non descartou decretar un estado de alarma en Madrid. O responsábel de Emerxencias do Estado español, o doutor Fernando Simón, non quixo entrar sobre a forma legal máis idónea para evitar a mobilidade, pero apelou ás e aos madrileños a restrinxila. O PP pide a dimisión de Illa O líder do Partido Popular, Pablo Casado, afirmou que a resolución do TSXM dá a razón a Ayuso na súa oposición ás medidas do Ministerio e pon nunha situación "insostíbel" Salvador Illa. Para a deputada do PP Ana Pastor o ministro perdeu "a razón sanitaria e xurídica", e convidouno a "reflexionar, pero desde a casa. O seu tempo pasou xa, señor ministro" dixo a popular, que cargou contra as medidas do Goberno español sobre Madrid acusándoo de "ir pola vida impondo e sen documentos asinados polos técnicos". A presidenta de Madrid anunciará medidas laxas A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, avanzou que quere traballar co Goberno estatal nunha nova orde que inclúa medidas "sensatas, xustas e ponderadas", a cal estará lista ao longo de hoxe, asegurou. Aliás, anunciou que retirará as medidas cautelares presentadas na Audiencia Nacional contra as restricións de mobilidade ordenadas polo Ministerio. Esas medidas, dixo Ayuso, foron "precipitadas, non consensuadas e afectaban dereitos fundamentais".
NOS_20323
A deputada Noa Presas levará ao Parlamento o asunto diante da subida da factura da electricidade e co obxectivo de que o país decida sobre as súas "necesidades e prioridades enerxéticas". Aliás, exixirá que se investigue a solta de auga masiva en diversas presas da conca Miño-Sil.
A transferencia a Galiza das competencias en materia de xestión de ríos e encoros é o novo obxectivo que o BNG levará ao Parlamento. A intención da portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, é instar aos grupos con representación na cámara a exixir ao Estado español que traslade o control de todos os ríos a Galiza para "contribuír a que o país acade o marco de autogoberno necesario para decidir respecto das súas necesidades e prioridades enerxéticas". Desde o punto de vista da representante do Bloque, é necesario "mudar os problemas de fondo" respecto ao mercado enerxético no país. "Non ten sentido ningún que os ríos galegos dependan de decisións que se toman a 500 km", incide, recordando que a Galiza está nun contexto de "escándalo das eléctricas" no que, por unha banda, "fechamos unha nova semana de bater récords continuos no prezo da luz" e, por outra, "vemos como o baleirado dos encoros acada cifras históricas". Neste último punto, Presas fai referencia á situación na que se atopan os encoros de Belesar, As Portas, Salas ou Cenza -todos eles dependentes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo dependente do Goberno español-, que "están en mínimos" por un baleirado do que se tivo noticia tarde. Así, lamenta que os Executivos do Estado español e da Galiza non actúen "permitindo así a cobiza das eléctricas". Investigación sobre o acontecido"Este pim pam pum de Xunta e Estado está sendo estéril", reproba, para a continuación defender a necesidade de que o Parlamento "active de inmediato unha comisión de investigación para depurar responsabilidades de todas as partes" no baleirado dos encoros, ao tempo que impulsa a reclamación das competencias sobre ríos e encoros, moitos deles baixo o paraugas administrativo do Estado, "como é o caso, por exemplo, da bacía do Miño Sil, pero tamén de varios ríos que dependen das demarcacións do Douro ou do Cantábrico"."Dende o BNG temos claro que hai que darlle a volta a esta situación e, por iso, levaremos ao Parlamento galego a transferencia das competencias para conseguir que, sobre os encoros e os ríos galegos, decidamos os galegos e galegas e, polo tanto, sexan xestionados desde Galiza", resume a nacionalista.
NOS_35119
O anteproxecto de reforma da Lei de Enxuizamento Criminal faculta interceptar comunicacións sen autorización xudicial. Máis un paso na transformación do noutrora formalista 'Estado social e de dereito' nun Estado policial e non garantista.
A querencia do Estado español polo 'control social' e a 'seguridade' vén de vello. O último exemplo, polo de agora, desa querencia non é só a Lei de Seguridade Cidadá mais tamén o non tan publicamente coñecido ante-proxecto de reforma de enxuizamento criminal (LEC), actualmente en fase de informes do Consello Xeral do Poder Xudicial, Consello de Estado e Consello Fiscal. Que nos agarda? O ante-proxecto ten puntos abondo para a polémica: da proposta de incomunicación absoluta de detidos á instalación de cámaras ou micros en domicilios e celdas. Mais o máis polémico é a proposta de autorizar á policía o control remoto de ordenadores persoais, intervención de correos electrónicos, chamadas telefónicas, calquera tipo de comunicación e as gravacións de imaxes ou de audio que se precisen e por calquera procedemento durante 24 horas e sen autorización xudicial algunha. Será o Ministerio do Interior quen o decida. Actualmente, esas escoitas sí son posíbeis en casos de 'terrorismo'. Eses casos estenderanse agora a casos de especial gravidade, mais non especifica cales. Até agora autorizar ou non iso era competencia reservada a un xuíz, agora pasa ser do Ministerio de Interior. Xuíces para a Democracia e a Unión Progresista de Fiscais xa saíron ao paso do ante-proxecto presentado polo Goberno español. "É de dubidosa constitucionalidade, atribúe exorbitantes facultades a responsábeis políticos, carentes da debida garantía de imparcialidade". Unha imparcialidade, din, que si exercen os xuíces de garda, os que até agora debían autorizar esas medidas. A información ao completo neste nº127 do Sermos Galiza
PRAZA_7142
Só 17 concellos galegos rexistraron un crecemento vexetativo positivo en 2013, é dicir naceron máis persoas das que faleceron. 8 pertencen á provincia de Pontevedra, 7 á da Coruña e 1 á de Lugo e outro á de Ourense. Ames encabeza a lista, seguido de Pontevedra e Arteixo.
Hai algúns lugares en Galicia nos que si nacen nenos e nenas, a contracorrente duns datos xerais que confirman o grave declive demográfico. Non son moitos: tan só 17 concellos rexistraron en 2013 un saldo vexetativo positivo. Pontevedra é a única urbe do país na que nace máis xente da que morre e a maior parte do resto dos concellos atópanse nas conurbacións das cidades, nomeadamente A Coruña, Vigo e Compostela. Mentres, nas provincias de Lugo e Ourense tan só dous concellos (Burela e Barbadás) rachan as tendencias negativas predominantes. En moitos destes concellos hai que salientar a importancia da inmigración, que adoita ser de idades novas. Ames encabeza un ano máis a listaxe de concellos galegos con máis nacementos que mortes, cun saldo positivo de 177 habitantes, seguido de Pontevedra (88), Arteixo (83), Culleredo (74), Cambre (39), O Porriño, Salceda de Caselas e Poio (todos con 32), Oroso (29), Soutomaior (28) e Barbadás (25). Todos eles (agás Oroso) figuraban xa na tamén reducida lista de localidades con saldo positivo en 2012 que, iso si, era de 30 concellos, trece máis que a que vimos de coñecer. Chama a atención o moi negativo rexistro de todas as cidades, agás a xa referida de Pontevedra. Así, Ferrol (-440), A Coruña (-400), Ourense (-258) ou Vigo (-147) encabezan a lista de descensos en termos absolutos, unha categoría da que non se libran Lugo (-74) ou Santiago de Compostela (-60). Chama a atención o estarrecedor dato de Ferrol, tendo en conta a súa poboación, e tamén o cambio sufrido por Vigo no último ano, no que pasou de ter un resultado positivo de 156 a outro negativo de 147. Ademais dos 17 concellos con resultados positivos, cómpre mencionar algunhas outras localidades que case chegan ao equilibrio e que, polo tanto escapan das análises tan negativas que podemos facer para outros lugares do país. É o caso, por exemplo, de Mondariz-Balneario (-1), Brión (-1), Pontecesures (-3), Cerdido (-4), Cee (-4), Baiona (-5), Barro (-8), Nigrán (-8) ou Miño (-9).
NOS_1039
O regreso do ex dirixente de Podemos á area política estatal coloca En Marea diante da tesitura de decidir se mantén a súa aposta nunha candidatura de forzas galegas para as xerais de novembro ou acorda con Más Madrid. Ana Pontón resume a visión do Bloque: "Menos Madrid e máis Galiza".
A xornada en que se convocarán oficialmente as eleccións xerais para dentro de cincuenta días; Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento, presentou a súa candidatura ás primarias da formación que dirixe desde hai seis anos coa ambición de converterse na candidata á Presidencia da Xunta do autodenominado espazo dos comúns nas galegas de 2020. A mañá na que Ana Pontón, líder do BNG, resumiu en cinco minutos os 10 anos de "incumprimentos" de Feixoo e noutros cinco a alternativa "de modelo de país" que levarán as nacionalistas ao debate do estado da nación de pasado mañá; Luís Villares topábase na encrucilla de elixir se manterse fiel á oferta realizada o sábado por En Marea para unha confluencia de forzas galegas progresistas ou prestar atención ás posibilidades que abre a entrada de Íñigo Errejón na batalla electoral das xerais. Hai tres ou catro, ou máis campañas, en marcha, simultáneas. E cada forza estabelece prioridades. O PP e o BNG apuntan ao debate desta cuarta feira. O PSOE tratará de pasar polo debate sen mancarse para seguir forte cara ao 10N. O espazo dos comúns empeza a moverse coa mirada posta nas galegas do 2020. E Villares... Villares lanzou o sábado unha proposta de coordinación electoral co resto de actores da esquerda galega. O domingo excluíu Podemos, e indirectamente Esquerda Unida. E esta segunda feira topouse coa reaparición de Errejón. "O chamamento a unha candidatura galega é neste momento para nós unha prioridade. A nosa proposta é a única que está enriba da mesa. Eu penso que iso non é incompatíbel, é complementario, con buscar alianzas con outras forzas doutros territorios cos que compartamos axenda social e cos que poidamos negociar a implementación dunha axenda galega. As dúas cousas son compatíbeis", dixo Villares nunha rolda de prensa no Parlamento. Non quixo pronunciarse sobre unha alianza electoral con Errejón. Villares non fecha ningunha porta, porque o que si definiu con claridade foi a posición desde a que traballa En Marea: "Galiza ten que formar parte da política do Estado e da política de Estado, participar na gobernabilidade do Estado. Porque facendo parte da gobernabilidade do Estado pódense solucionar moitos problemas que non son exclusivos de Galiza". E puxo como exemplos a lei mordaza, as reformas laborais, a transición ecolóxica, o subdesenvolvemento económico. O BNG de Ana Pontón afronta o debate de pasado mañá, as eleccións de novembro e as galegas de 2020 cunha consigna clara: menos Madrid e máis Galiza. Interpelada no Parlamento minutos despois da intervención de Villares sobre a presenza de Errejón nas próximas eleccións, a líder nacionalista dixo: "Se Máis Madrid se presenta en Galiza, pareceríame un auténtico disparate. Entre outras cousas, porque se algo precisamos neste país é menos Madrid e máis Galiza". Pontón reclamou toda a atención para o debate desta cuarta feira. Explicou que Feixoo tratará de "agochar unha década de sombras na inestabilidade política no Estado", apuntou que é o último debate sobre a nación desta lexislatura e remarcou o seu carácter "simbólico" como fin de ciclo de Feixoo. Ademais, a nacionalista avanzou "o cambio de paradigma" que o BNG intentará empezar a explicar neste debate para mostrar "que hai un modelo alternativo a Feixoo". Este modelo inclúe un "novo modelo produtivo", "a blindaxe" dos servizos públicos e reverter as privatizacións, introducir os dereitos das mulleres en toda a axenda pública, alentar políticas contra a emerxencia climática "e fronte ao modelo depredador que asentou o PP", e un maior autogoberno "que reforce a identidade galega diante da globalización". Solla concluíu a súa presentación recoñecendo que malia a súa idade -ten 35 anos- e que lle queda seguir aprendendo, cre que poder achegar "grandes elementos de consenso e propostas políticas que dean resposta ás necesidades das galegas e dos galegos". A data para a presentación de candidaturas ás primarias en Esquerda Unida remata o próximo día 5. Solla é polo momento a única aspirante.